20081101 henderson nevada barack obama

Obama e as dúas hexemonías

 Barack Obama; clic para aumentar
Obama é, ante todo, un liberal que co seu triunfo abre o camiño a un reequilibrio de forzas nun país no que, nomeada mente dende a era Reagan, medrou o conservadorismo a pasos axigantados. [Foto: Barack Obama nun acto de campaña en Henderson, Nevada, o 1 de novembro de 2008].
 

A hipotética pero cada vez máis previsible vitoria de Obama nas eleccións do próximo martes, pode abrir paso en EEUU ao fin da hexemonía conservadora. Esa é unha das claves esenciais, quizais a principal, para entendermos o significado e transcendencia do acceso do candidato demócrata á Casa Branca. Obama é, ante todo, un liberal que co seu triunfo abre o camiño a un reequilibrio de forzas nun país no que, nomeada mente dende a era Reagan, medrou o conservadorismo a pasos axigantados. Non cambiará dun día para outro, pero a vitoria demócrata neste contexto significaría moito máis que unha simple alternancia de partidos.

Ata agora, e pese á súa meditada e progresiva moderación en áreas clave que suxiren certa ductilidade ante os tradicionais e poderosos lobbies, Obama caracterizouse pola exhibición dunha coherencia, a grandes trazos, admirable. E cabe entender este proceder en función dos parámetros da sociedade estadounidense, moi diferentes aos vixentes noutras sociedades. Mentres os seus rivais demócratas, Hillary Clinton incluída, ao inicio das primarias, dirixían a súa atención e os seus favores a ese país conservador no que semellaba estar a clave da vitoria, desdebuxando, ata facelo case irrecoñecible, o seu ideario liberal, Obama, feito a si mesmo dende a base e sempre en contacto cos sectores mais abertos da sociedade estadounidense, foi quen de labrarse a pulso unha auctoritas baseada en dirixir o seu discurso aos sectores desencantados e ansiosos dunha nova política, dun novo rumbo que pechase o ciclo de tan penosa traxectoria e herdanza na política norteamericana. Esa foi a clave do seu ascenso e nese percorrido cabe fundamentar as esperanzas dun cambio substancial na política estadounidense, pese ás reservas, lóxicas por outra banda, que suscita o singular corsé imposto polos grupos de presión.

Será tamén a fin da hexemonía estadounidense no mundo? A desfeita da economía, produto dun nivel de endebedamento insostible e irresponsable, pero tamén inseparable do desenvolvemento dunha política baseada na expansión da influencia estratéxica priorizando a lóxica do Pentágono, con repercusións que non só atinxen aos países vítimas do esforzo militar senón que converteu en vítimas colaterais aos propios aliados, deixa tamén unha oportunidade que só Obama está en condicións de aproveitar: a de impulsar a hipotética reorientación do sistema global que con el á fronte exercendo o liderado, poucos ousarán cuestionar.

Os compromisos de EEUU en materia de seguridade e en política exterior son moitos e incómodos e non cabe agardar cambios bruscos. Non obstante, cabe imaxinar xestos e actitudes que afiancen o inevitable: Washington non poderá seguir decidindo a soas e impoñendo os seus criterios con absoluta liberdade. O avance do multilateralismo é inexorable.

Sexa como for, a súa vitoria podería operar un primeiro milagre: a mellora automática da imaxe de EEUU nun mundo que, na súa inmensa maioría, confía, con entusiasmo e ilusión, en que estas eleccións aireen a política estadounidense.