Obxectivo Chávez: Opción B

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

No exército e nas filas do chavismo parlamentario atópase o verdadeiro talón de Aquiles para a estabilidade gobernamental que anda a buscar o presidente Chávez. A oposición, desposuída do paraugas da cobertura exterior, ensaia novas fórmulas desestabilizadoras, fabricando aceleradamente noticias sobre corrupción, desercións, movementos insurxentes militares… Prognosticando reiteradamente a caída inminente do goberno Chávez. Publicitando a existencia de paramilitares no seu do exército. Boicoteando o diálogo de reconciliación que mantén o goberno. Pero descartada a vía militar, toma corpo a Opción B, que busca a inhabilitación xudicial do Presidente.

A liña de flotación do movemento político denominado como Chavismo, ten dúas enormes boqueiras que se foron agrandando dende o golpe do 11-A. As dúas, xa se insinuaran como potencialmente letais en pleno baño de multitudes, cando os cerros humildes baixaron a defender en masa á revolución bolivariana. As dúas están dentro da casa: exército e fisuras nos parlamentarios bolivarianos.

No exército foi tan grande o número de salpicados-implicados no cuartelazo que só é posible apartar as mazás máis podres. Nas filas castrenses quedan moitos números sabedores de ter perdido a confianza do goberno e apostan por un cambio que poida alterar o seu status de proscritos ancorados no escalafón dos ascensos.

Por si non estivese suficientemente agreada a pesada dixestión do golpe no estamento militar…, a requisa e publicación durante o golpe das fichas persoais que policía política (disip) tiña elaborado sobre numerosos membros do exército no que constaban datos diversos: adicións a bebida, grao de fidelidade estimada ao goberno, historial… ten enrarecido máis o ambiente no seno da institución armada.

O outro buraco do desasosego está nas filas parlamentarias. O papel xogado na estratexia desestabilizadora por Miquilena, quen fora un dos máis firmes baluartes nos gobernos do presidente Hugo Chávez ata este mesmo ano, foi a máis enigmática incógnita nos xornadas do postgolpe, pero cada vez acentuase o perfil da personaxe clave para alonxamento do Chávez da presidencia, dende posturas de continuidade constitucional.

Miquilena posúe a suficiente ascendencia sobre parte dos parlamentarios oficialistas, que ben puidera deixar precaria a maioría da que gozou o chavismo. Tamén, ten boa sintonía cunha parte do poder xudicial que no futuro podería axuizar a Chávez por desaxustes na execución orzamentaria ou por malversación dos fondos públicos. Luís Miquilena, sería entón peza clave nesta Opción B, que segue a pretender que Chávez deixe o poder.

Un último elemento desestabilizador complica a robustez popular que o goberno gañou tras do golpe. A crise económica detectada a principios de ano, para a que se puxeran en marcha duras receitas de axuste, veuse agravada pola sensación de inestabilidade que deixou o golpe e pola perda do mercado do petróleo durante o conflicto de PDVSA (Petróleos de Venezuela SA). As incertezas lastraron o efecto das terapias e a economía pode caer neste ano entre un 2 e un 3%, segundo cifras baralladas polo ministro de Finanzas, Tomás Nóbrega. O goberno verase obrigado a un novo recorte orzamentario de 1,1 billón de bolívares.

Neste tenso clima, a oposición pisa o acelerador. Unha plataforma de trece partidos políticos e 25 organizacións civís están a recoller un millóns oitocentas mil sinaturas, precisas para poder demandar a convocatoria dun referendo no que propoña a reducción do mandato presidencial a catro anos, e non a seis como na actualidade. O seu horizonte está situado a medio prazo e traballan recolectando sinaturas, tamén, para solicitar a dimisión do fiscal xeral ou do valedor do pobo…

Nos principais medios de comunicación se difunden, sen cesar, rumores da caída inminente do goberno froito dun rebrote golpista. Para o pasado fin de semana difundiran que ía acontecer o cuartelazo definitivo.

Na mañá do 4 de xuño, o programa Enfrenta-2 de Radio Caracas Televisión emitiu imaxes con supostos membros da Forza Armada Nacional, que co rostro tapado e baixo a autodenominación de "Comacates" anunciaban un futuro inmediato apocalíptico, ameazaban violentamente aos círculos bolivarianos e retaban despectivamente ao presidente Chávez. A coñecida xornalista opositora Patricia Poleo subministrou a información gráfica, que o goberno considera unha montaxe, da que asegura ter probas que o demostran.

O diario opositor "Universal" publicou este venres un documento asinado por un suposto grupo de militares disidentes, baixo o título "Manifesto da rebelión constitucional" no que se asegura que Chávez perdeu a lexitimidade.

Por Internet se multiplican rumores sobre a circulación de tanquetas, arrestos de ministros…

Diante de tanta axitación o goberno non cesa de asegurar, por boca do seu ministro de Relacións Exteriores Roy Chaderton que existen sectores golpistas da oposición ben financiados que proseguen na estratexia desestabilizadora: "… Hai sectores golpistas, ao marxe da oposición democrática, que están ben financiados, e tratan de derrocar ao presidente Chávez, cunha campaña para atemorizar e intimidar… se crean rumores, se difunden noticias falsas, se trata de crear inestabilidade e desaxustes internacionais, para que o país se vexa fráxil e, por tanto, vulnerable a un golpe".

Como resposta á marea das ofensivas interiores, o goberno prevé acentuar o perfil reconciliador e proxectar, ao exterior, o esperpento do interior. Convidar a observadores internacionais, e cursar invitación ao ex-presidente James Carter para que acepte o papel de "facilitador" do proceso de diálogo e reconciliación que propiciaron, dende do 11-S.