Seguindo a Kubrick, no ano 2001 a odisea debía consistir en vivir no espacio, coa estela dunha escala evolutiva sen precedentes dende o punto de vista tecnolóxico que nos levaría a deixar atrás paradoxalmente o que deberiamos descubrir de novo. Ogallá andiveramos agora, no limiar do novo milenio, preto desa fantástica odisea da volta ás orixes. Máis parece sen embargo que fuximos cara adiante deixando atrás todo tipo de enseres coma se dunha inundación se tratara. É unha desenfreada loita pola supervivencia nun marco de competitividade extrema.
Coa mítica Mir en fase de liquidación por ruína e a nova estación espacial internacional aínda nos seus comezos, as odiseas de hoxe da humanidade son outras. Advertidos pola proliferación de comisións de investigación sobre a persistencia e agravamento das violacións dos dereitos humanos en mil e un lugares, o nivel de inmunidade pública fronte a violencia e as desigualdades comeza a ser directamente proporcional á segura impunidade de tantos responsables de graves crimes que, ben aprendidos, se reservan sempre instrumentos de negociación para que a súa resulte sempre unha odisea fácil de levar.
Lemos no The Washington Post que personalidades importantes de todo o mundo designadas como Mensaxeiros da Paz reúnense en New York para debatir sobre As Nacións Unidas e o apoio dos famosos na era do cinismo. É o título dun seminario real, pero ¿algo extravagante quizáis? Comeza a ser unha odisea descifrar o significado das palabras e dos actos e semella que debemos desandar o camiño para retomar a versión orixinal. O concepto humanitario sen ir máis lonxe empregámolo agora para describir operacións militares. É a unión dos contrarios, a conquista máxima da civilización occidental, aínda a sabendas de que a guerra é o inverno da civilización, como deixou escrito Cooper-Prichard. O propio secretario xeral da ONU, Kofi Annan, saíu á palestra: é de interese de todos que as dúas cousas queden claramente distinguidas. Definitivamente, a humanidade está de saldo.
A declaración do Cumio do Milenio artellou unha clara visión das prioridades establecidas para os líderes mundiais, comezando pola pobreza, a SIDA, o cambio climático e outros problemas globais. En suma, non soamente importa que o home exista, que os pobos existan, que os máis de seis millóns de habitantes do planeta existan, senón que tamén sexamos capaces de acomodalos a todos con idénticos parámetros de xustiza e dignidade. Esa é a auténtica axenda, o auténtico proxecto para o novo milenio e conseguir a súa materialización debería ser a odisea máis querida por todos. Pero o máis probable é que lle sigamos dando voltas ó significado da cinta de Kubrick.