Hoxe, a Operación Resolución Absoluta, dálle consistencia estratéxica ao realizado polos EUA durante o 2025 e ao tempo dálle a benvida ao segundo ano do mandato do Donald Trump 2.0. Así as cousas, temos diversas certezas e incontables incógnitas arredor da evolución dos escenarios a seguir.
A primeira certeza é que a a preparación do asalto a Venezuela nos últimos meses —desde o despregue da frota no Mar Caribe ata o peche por terra, mar e aire— é un caso práctico da nova Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA, presentada no mes de novembro, así como do corolario Trump á renovada Doutrina Monroe. A segunda certeza é que a volta aos Imperios e as áreas de influencia, configúrase como a principal hipótese momentánea dos EUA para conter a emerxencia chinesa, procurando afinidades con Rusia, que debiliten a alianza máis forte dentro do moi líquido bloque que representa o Sur Global. Como última certeza, o trumpismo leva décadas paríndose e globalizándose por medio do rexurdir da extrema dereita por todo o planeta, creando un pensamento estratéxico estadounidense que eliminou os consensos liberais coa UE, normalizando o negacionismo climático ou de xénero e popularizando discursos abertamente filoracistas e coloniais.
Todo isto dáse no marco dun estilo de gobernanza moi particular de Donald Trump, como foi claro na rolda de prensa posterior á detención do Presidente de Venezuela e a súa esposa, Cilia Flores. Ninguén se rendeu publicamente en Venezuela e aínda así afirmou que controlarán a transición do país, que durará anos, que poderán existir novos bombardeamentos e que nunca se excluíu a posibilidade dunha invasión terrestre. Unha transición chea de incógnitas e procesos en curso, non só en Venezuela.
Ademais do inevitable deterioro do poder do goberno venezolano ao non poder conter a detención do seu Presidente, existen dúbidas inevitables: Haberá algún tipo de resistencia do goberno encabezado agora mesmo por Delcy Rodríguez? Poderán existir outros liderados? Que papel ten no proceso a oposición venezolana encabezada por María Corina Machado? A captura de Maduro foi pactada? Con quen?
No curto prazo, diante destes feitos consumados, uns evidentes e outros gaseosos, Brasil anunciou a convocatoria dunha reunión de urxencia na CELAC e as Nacións Unidas discutirán a situación no marco do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. As respostas directas en Venezuela, así como nos marcos multilaterais, contornarán os seguintes episodios da crise venezolana e da evolución da situación, que dificilmente estará ausente de acontecementos non agardados.

