Nos rexistros, a PJ incautouse dun importante arsenal composto por varias armas brancas e armas de fogo, algunhas delas feitas con impresoras 3D, numerosas unidades de munición, cordón detonante, material pirotécnico, e explosivo militar P4A. Tamén foron requisadas impresoras 3D, material informático e outros elementos de proba.
Manuela Santos, directora da Unidade Nacional de Contra-Terrorismo (UNCT) da Polícia Judiciária, amosouse sorprendida da cantidade e diversidade do material incautado e de atopar no grupo a «capacidade de fazer algo com alguma projeção, com os meios de que dispunha» sinalando ademais que «Estavam a armar-se, a recrutar pessoas e a desenvolver ações».
Santos non descartou a implicación co grupo de «elementos de forças de segurança e forças militares». De feito, un dos detidos é un mando da PSP (Polícia de Segurança Pública) que estaba en comisión de servicio na Polícia Municipal de Lisboa e a quen consideran un dos líderes da organización. Este policía e outros tres detidos ingresaron no cárcere por orde xudicial. Os arrestados estaban integrados nun grupo denominado Movimento Armilar Lusitano (M.A.L.).
Fundado no 2018, de corte neonazi , segundo a PJ, tiña entre os seus plans a formación dunha sorte de partido político apoiado por unha milicia armada. O M.A.L. estaba a ser monitorizado pola PJ dende o ano 2021, e a detención dos seus membros precipitouse cando estes estaban a valorar a posibilidade de executar un asalto a Assembleia da República.
Informacións periodísticas apuntan que Manuel Matias, ex-asesor do partido ultra Chega e pai da deputada Rita Matias, , formaba parte dunha lista de apoio ao Movimento Armilar Lusitano . Contactado pelo Correio da Manhã, Manuel Matias negou calquer vínculo co grupo.
O M.A.L. defínese coma «um grupo de Lusitanos que enaltece Portugal e os Portugueses patriotas». No ano 2019, algún dos seus membros foron identificados nas manifestacións dos «chalecos amarelos». Ese mesmo ano, na súa web publicáronse baixo identidade suposta documentos confidenciais da Marinha portuguesa.
A Polícia Judiciária Militar (PJM) declarou respecto diso: « [A PJM] em estreita ligação com os ramos das Forças Armadas, Estado-Maior da Forças Armadas e Guarda Nacional Republicana, segue atentamente este fenómeno, designadamente nas redes sociais e em outras formas de comunicação…».
No ano 2020, tamén tomaron parte, cunha vestimenta similar a do Ku Klus Klan, nunha manifestación fronte a sede lisboeta de SOS Racismo. A este acto tamén acudiron membros de Resistência Nacional, grupo que articula a antigos militantes da Nova Ordem Social, Partido Nacional Renovador e dos Portugal Hammer Skins. Na pandemia o M.A.L. chamou aos seus seguidores a no vacinarse. Tamén celebrou a morte de sete cidadáns portugueses no accidente de avión na India o 12 de xunio de 2025 escribindo en Telegram: «Pena foi ter caído só um avião».
As novas que chegan do país irmán so verdadeiramente preocupantes. Cos datos dos que se dispón e coa cautela que se lle debe aplicar as valoracións de contextos complexos, o feito de que os detidos contasen cun certo nivel de organización, sostido este polo menos ao longo de máis de seis anos, que haxa implicados membros das forzas de seguridade e que posúan armas de fogo e explosivos constitúen un panorama moi pouco tranquilizador.
Neste punto, coma noutros similares, é salientable o papel articulador que xogan as redes sociais virtuais. Para que os presuntos criminosos decidisen aplicar a «propaganda polo feito» fixo falta un adoutrinamento previo no que a rede de redes xoga un importante papel, o cal tampouco é menor a hora de adquirir capacidades coma fabricar armas en 3D ou para facerse con armas de fogo convencionais.
Se ao mundo virtual se lle suma esa «pantasma que percorre Europa» que é o discurso de odio, a situación enrarecese expoñencialmente toda vez que esta corrente discursiva, con máis ou menos matices, é empregada na propaganda de organizacións ultras de distinta índole.
Neste punto, non estaría por demais lembrar as verbas de Primo Levi: «Haberá moitos, individuos ou pobos, que pensen máis ou menos conscientemente, que “todo estranxeiro é un inimigo”. Na maioría dos casos esta convicción xace no fondo das almas como unha infección latente; maniféstase só en actos intermitentes e incoordinados, e non está na orixe dun sistema de pensamento. Pero cando este chega, cando o dogma inexpresado convértese na premisa maior dun siloxismo, entón, ao final da cadea está o Lager [campo de concentración]».

