O Igadi Annual Report afonda nas claves do 2008, nas perspectivas para 2009, nas reflexións transversais e por áreas xeográficas, cun denominador común: a aceleración do segundo tempo da transición iniciada co derrube do muro de Berlín (cumpriranse 20 anos en novembro) e o fin da hipótese do mundo unipolar. | |
O mundo experimentou destacados cambios en 2008, avanzando con paso máis decidido cara a multipolaridade, o cal, de confirmarse, pode implicar un cambio substancial na configuración do sistema de poder internacional. Así se recolle no Igadi Annual Report, que ven de publicarse recentemente. A mundialización, sinala, segue avanzando en parello á intensificación dos procesos de integración e cooperación rexional. Non hai contradición e ambos procesos desenvolvense con natural complementariedade. A crise financeira internacional, por último, puxo fin a un relativamente longo período de crecemento económico e aventura un reaxuste profundo da balanza de poder global.
Nos últimos anos, o sistema internacional acentuou a súa transformación gradual dende o marco dunha superpotencia coexistindo con outras potencias, herdeiro da guerra fría, ata a multipolaridade, cun progresivo desprazamento do poder mundial dende as dúas beiras do Atlántico ata o Pacífico occidental, visibilizando así os reaxustes que está experimentando o sistema internacional, con novas reorganizacións e reestruturacións tan significativas que proxectan un novo equilibrio de forzas.
A vulnerabilidade de EEUU quedou novamente en evidencia en 2008 coa crise financeira orixinada en setembro en Wall Street e cun deterioro substancial da súa imaxe global en virtude das guerras en Iraq e Afganistán e outras políticas erráticas. O debilitamento do poder de EEUU tivo o seu contrapunto na recuperación do poder de Rusia, cunha demostración de forza en Xeorxia, posteriormente complementada con exercicios militares en América Latina, poñendo en xaque os propósitos de EEUU de expansionar a OTAN cara o Leste ou de instalar un escudo de defensa antimísiles ás portas de Moscova. A reactivación económica e a vontade política dos seus líderes incidiron na recuperación da influencia rusa. Esa dialéctica, no novo escenario post-Bush, podería ter os días contados, abrindo un novo tempo nas relacións bilaterais no que perdería significación a axenda da confrontación.
Pola súa banda, China deixounos a súa nova carta de presentación nuns Xogos Olímpicos rebordantes de polémica e de exhibicionismo das súas capacidades, agrandadas co seu primeiro paseo espacial da historia, despois de 30 anos de aplicación da política de reforma e apertura. China confirmase como un dos principais motores da economía mundial, desempeñando un papel cada vez máis importante nos asuntos internacionais. Pese a todo o que a crise lle afecta, Pequín conta cunha marxe de manobra ampla para gañar peso na actual conxuntura, aínda que as fraxilidades estruturais poderían pasarlle factura nun ano cargado de citas delicadas.
No que atinxe á Unión Europea, a "Europa global" concibida por Sarkozy e Brown en marzo como expresión dunha comunidade "aberta, flexible e que mira cara fóra", segue xirando arredor da asunción ou non da súa independencia efectiva, o valor esencial que lle pode permitir ganar influencia nas cuestións internacionais. Unha ambición que non lle resultará doado de satisfacer en virtude da falta de cohesión interna.
Os cambios rexistrados en vellos contenciosos (problema nuclear norcoreano ou iraniano, Afganistán ou Iraq) abriron paso a novos conflitos (en Tailandia, Paquistán ou Zimbawe) e ao enquistamento doutros (Oriente Medio), con crecentes ameazas non tradicionais á seguridade, como o terrorismo, o cambio climático ou a piratería, obrigando a facer uso da forza militar para garantir a seguridade do tráfico comercial.
Todo o mundo confía en que a comunidade internacional aprenda da crise financeira, cunhas raíces que numerosas voces relacionan coa política económica liberal e non intervencionista aplicada polo goberno estadounidense. É o momento de promover reformas para unha nova orde financeira e económica xusta e inclusiva, expresión dun ambiente institucional democrático que permita avanzar cara ese mundo de xustiza, paz e prosperidade que debuxan uns Obxectivos do Milenio (2015) máis afastados na súa consecución conforme a data se aproxima.
O Igadi Annual Report afonda nas claves do 2008, nas perspectivas para 2009, nas reflexións transversais e por áreas xeográficas, cun denominador común: a aceleración do segundo tempo da transición iniciada co derrube do muro de Berlín (cumpriranse 20 anos en novembro) e o fin da hipótese do mundo unipolar. Volven as ideoloxías, volve a política e a xeopolítica, e os intereses de grandes e pequenos actores poden atopar no actual contexto importantes oportunidades se son quen de aprehender as claves do tempo presente, identificar as súas opcións e defendelas con intelixencia e sentido da ocasión.
Nesta prolongada inflexión dos tempos, Galicia debe ter opinión do Mundo e fuxir do inmediatismo e a improvisación na súa acción exterior. Non valen cálculos a curto prazo nin reducilo todo á reedición de encontros de empresarios que lembran épocas pasadas e fracasadas. Cómpren políticas de longo percorrido baseadas nunha ampla e plural alianza que nos permita exemplificar esa concepción da nosa Terra como unha autonomía no mundo con intereses específicos que pode e debe desenvolver nun marco de lealdade satisfactoria co propio Estado. As nosas opcións están fóra e precisamos abordalas con xenerosidade e seriedade, cunha proposta global, fuxindo desa política-escarapate que malogra tantas boas ideas e xera tantos desperfectos e desencantos. Pensar o mundo en clave galega significa tirar proveito interno da nosa presenza exterior e proxectala con dinamismo.
Estar no mundo e aproveitar as oportunidades que nos brinda o confuso escenario actual esixe deixar de lado as miopías e pensar en clave de país diferenciando os ámbitos idóneos para o encontro e apostando por eles para alentar saltos cualitativos que nos aproximen a outra dimensión. Toda crise representa unha oportunidade para progresar sobre outras bases. Só se precisa consciencia e atrevimento político para ser nós no mundo. Este é o momento. De pensar e de actuar. O Igadi Annual Report acheganos unha radiografía que ningún líder social ou político debería ignorar. No mundo estamos e nel debemos estar sabendo o tempo que pisamos.