Oriente cubano

O proceso de “actualización” posto en marcha en Cuba é, sen dúbida, a derradeira oportunidade para a supervivencia do proceso revolucionario iniciado en 1959. Non obstante, agora mesmo, a transformación da economía, tan tardía, é un exercicio de rectificación á desesperada.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

O proceso de “actualización” posto en marcha en Cuba é, sen dúbida, a derradeira oportunidade para a supervivencia do proceso revolucionario iniciado en 1959. Non obstante, agora mesmo, a transformación da economía, tan tardía, é un exercicio de rectificación á desesperada. Para levala a cabo, o primeiro impulso semella partir dos vellos líderes, circunstancia que favorece a súa adopción formal, mais está por ver que facilite o cambio de mentalidade imprescindible para abrirse a novas dinámicas e conceptos, moitos deles asociados durante décadas ao vocabulario do “inimigo”. Velaí unha primeira hipoteca que deberán salvar, lastrada pola simultánea esixencia de fidelidade inquebrantable ás novas xeracións, en contradición coa emancipación dogmática que esixe o novo contexto.

O programa de reformas, ancorado na defensa estratéxica do socialismo non tanto como realidade senón como expresión da busca dunha alternativa ao ultraliberalismo dominante, visibilizou no desfile previo ao inicio do Congreso, os dous principais baluartes nos que asenta, o propio Partido Comunista e o Exército. Moito vai depender destes dous actores e da súa capacidade para adaptarse á nova situación, garantindo a estabilidade do proceso. Os primeiros balances oficiais salientan as numerosas resistencias detectadas no aparello burocrático para abrir paso aos cambios.

Cuba vive instalada na corrente do tempo das solucións propias, a mesma que posibilitou saídas ao colapso nas economías asiáticas, inspirándose na senda vietnamita e chinesa. Pero será moi complexo resolver problemas crónicos nun contexto de claro cansazo social e de esgotamento do modelo. O énfase posto na defensa da soberanía non é hoxe envolvente suficiente para garantir a adhesión da cidadanía.

As decisións deste VI Congreso non poden resumirse en cantos de serea que unha vez mais posterguen a consecución do ansiado benestar. O PCC terá moi difícil mobilizar a sociedade en pos do seu proxecto senón presenta axiña resultados positivos, obxectivo difícil se temos en conta que a primeira percepción será a dos recortes en eidos tradicionalmente asociados ás bondades do socialismo. Moitos cubanos desconfían de que poida facerse nun día o que debeu facerse hai anos.

As excarceracións dos últimos meses representan un dato positivo. Sen reconciliación, interna e externa, non serán posibles os avances no político. Custa imaxinar que o futuro de Cuba se poida plasmar nunha prosperidade autocrática á oriental. Tan improbable escenario obrigaría ao PCC a encarar con valentía espazos para garantir unha maior expresión da pluralidade a todos os niveis.

La Habana, por último, pode contar con certos apoios internacionais (Brasil, os países da ALBA, China), que lle ofrecerían unha marxe operativa pero esixente, compensada cunhas grandes cautelas en proporción ao escepticismo que xeran as expectativas de reforma. Washington seguirá de preto o proceso. Por fortuna, ten maiores preocupacións na súa axenda.