Dentro do complexo cálculo xeopolítico do novo Oriente Medio, o asasinato do ex primeiro ministro libanés, Rafik Hariri, proxecta un espectro de desestabilización na rexión, onde xurde un crú xogo de intereses políticos que compete a varias faccións internas no Líbano e aos gobernos de Siria, Israel, EEUU e Francia, a antiga metrópoli no actual espazo sirio-libanés. Todo isto sen esquecer a posición iraní dentro da actual conxuntura de presión fixada por Washington.
A confusión en torno á culpabilidade do ataque terrorista que deixou 15 mortos e decenas de feridos en Beirut, revela tamén os aparentemente imperceptíbeis vericuetos destes intereses políticos. Dun xeito automático e apresurado, a maioría das acusacións dirixiron o seu enfoque ao réxime baazista de Siria, gobernado por Bashar al Assad, herdeiro da estrutura de poder do seu pai Hafez al Assad. A presunta razón de culpar a Siria se debe, básicamente, á "absorbente" influenza dese país nos asuntos internos libaneses e a presunta incomodidade que a figura política do ex primeiro ministro Hariri representaba para os intereses sirios.
A pesar de que o presidente Bashar condenou o atentado, case todas as forzas políticas e sociais de oposición no Líbano non dubidaron en acusar a Siria da súa presunta responsabilidade. Nembargantes, un recente informe da intelixencia israelí exculpó a Bashar e a Siria, sinalando ao movemento libanés pro-iraní Hezbollah como o responsábel da morte de Hariri.
Dentro da delicada estrutura social, relixiosa e étnica do Líbano e a aínda fresca memoria da longa guerra civil, a pesar da aparente estabilidade post-bélica, as apresuradas acusacións contra Siria amosan claros sinais de interese político. Presumibelmente, estes sinais proveñen de Washington e París e, por riba de todo, da necesidade israelí de socavar a Siria, na actual conxuntura política rexional. O revelador discurso do presidente George W. Bush ao Congreso, onde prometeu "acabar coas tiranías", manifesta a natureza da estratexia. Para entón, Siria, ademáis de Irán, xa semellaban estar marcados no mapa.
Os movementos posteriores ao atentado en Beirut demostran unha dinámica proclive á desestabilización rexional. Semella inverosímil a versión ofrecida polo comunicado dun descoñecido grupo, "Al Nasir e Yihad", de ser responsábel do atentado, acusando a Hariri de ser un "infiel" vencellado aos intereses saudíes. No fondo, se impoñen outros criterios. O retiro do embaixador estadounidense en Damasco ocurriu ao mesmo tempo que o primeiro ministro sirio visitaba Irán, movemento de reacción para atopar unha xanela diplomática alternativa ao acoso de Washinton e París.
Dende a Casa Branca, fíxose forte presión a Europa para incluir a Hezbollah entre as organizacións terroristas internacionais. Isto provocou un empeoramento nas relacións de estadounidense e franceses con Damasco e o seu aliado goberno libanés. A evidencia produciuse cando o presidente francés Jacques Chirac chegou a Beirut para asistir aos funerais de Hariri, e ningún alto cargo do goberno de Emil Lahoud estivo presente para recibilo.
Desde o final da guerra en Iraq e, principalmente, desde mediados do 2004, o goberno de Bashar ven experimentando unha extrema presión de EEUU e Francia. Esta inédita converxencia de intereses entre Washington e París permitiu afondar na colaboración entre ambos gobernos, esta vez centrados na situación política libanesa, para cercar ao réxime de Damasco, acusado tamén de ter influenza en certos grupos insurxentes da veciña Iraq e de protexer grupos terroristas palestinianos, ademáis de que a tradicional relación siria co réxime dos ayatollahs iraníes causa irritación.
Outro asunto preocupante ten que ver coa intervención militar e política siria no Líbano. Damasco ten, dende os anos oitenta, uns 15.000 soldados útiles para a pacificación do país, contando co apoio estadounidense. Hoxe, esta evidente presenza militar siria semella un obstáculo incómodo. A resolución 1559 da ONU de setembro pasado, auspiciada por norteamericanos e franceses, onde se pedía o retiro dos soldados sirios do Líbano, foi rexeitada por Damasco, a pesar de que o Consello de Cooperación do Golfo tamén deplorara a intervención siria.
Do mesmo xeito, o goberno libanés comezou a traballar nunha reforma lexislativa para ampliar o mandato de Lahoud, o que provocou a oposición de Hariri. Nembargantes, tras unha misteriosa viaxe a Damasco, Hariri mudou de posición e amosou o seu apoio a Lahoud. En outubro pasado, trala aprobación da reelección do presidente, Hariri rexeitou o seu cargo e, como deputado, iniciou a campaña a favor do fin da tutela militar e política siria no Líbano. O seu plan era, evidentemente, participar nas próximas eleccións presidenciais de maio, onde partía con considerábel apoio político para suceder a Lahoud. A pesar da súa oposición a Siria, Hariri tivo o cuidado de non criticar abertamente o réxime de Damasco.
Para os principais actores rexionais, o atentado reforza a incerteza nos esforzos para atopar unha vía na estabilización do Oriente Medio. O goberno de Bashar xa amosara a súa intención de iniciar contactos con Israel, particularmente na actual conxuntura de paz entre palestinianos e israelíes. Trala guerra de Iraq no 2003, Damasco manifesta un pesado illamento, cercado polas tropas estadounidenses en Iraq, co "inimigo" israelí ao sur, a presenza turca no norte e a indiferenza e receo do mundo árabe. Damasco tan só atopa unha saída nos contactos con Teherán, pero esta colaboración sirio-iraní encaixa ben nos actuais obxectivos de Washington e Tel Aviv cara dous rexímenes incómodos. E, internamente, a estrutura militar siria ten dúbidas das intencións de Bashar e xa consideran ao fillo de Hafez al Assad como un gobernante débil.
Ante o misterio en torno ao asasinato de Hariri, só temos a certeza de que a crise ameaza con desestabilizar aínda máis unha rexión convulsionada, e que para Washington e Israel, a aparente conexión entre Siria e Irán consolida a súa política de "acabar" cos rexímenes incómodos, no marco desa estratexia de transformación xeopolítica rexional. Deste xeito, estamos ante unha puxa entre o eixe Washington-Tel Aviv-París contra o de Damasco-Teherán.