Oriente medio foi durante todo o século pasado orixe de conflictos que afectaron a toda a comunidade internacional, desgraciadamente semella que no novo século a tendencia non vai cambiar. O recente asasinato do Xeque Yassin polas forzas israelitas, orixinou a organización dunha nova brigada terrorista que leva o seu nome. Isto suporía unha decepción para Sharon se realmente pensou nestes actos como forma de protexer ós seus cidadáns.
Baixo o goberno de Ariel Sharon, Israel decidiu endurecer constantemente a súa política cara Palestina. O asasinato selectivo é a última volta de torca nunha espiral de violencia que semella non ter remedio. Se ben o asasinato do Xeque Ahmed Yassin foi un bálsamo para parte da poboación, á súa vez incrementou o medo a novos atentados e represalias. Non cabe dúbida do reprobable deste acto dende o punto de vista ético e legal; entidades como a Unión Europea, o secretario xeral da ONU e máis a Liga Árabe condearon o atentado, mentres Estados Unidos se limitaba a expresar a súa preocupación polas consecuencias. Pero tamén aqueles que opinen que o fin xustifica os medios deberían preguntarse, ¿cales son as súas fins?, ¿os medios que están dispostos a aceptar son os adecuados para acadar estes obxectivos?
Realmente, dende a lóxica política parece que non son os adecuados para obter por fin a paz, este tipo de actos en anteriores ocasións so provocaron novas escaladas de violencia. As declaracións dende Israel ameazando directamente a Yasser Arafat e ó Executivo palestino tampouco poden axudar a consecución do fin das hostilidades.
Un líder acusado de padecer medo á política de asasinatos selectivos israelí perdería parte da súa lexitimidade. Non estamos nun conflicto clásico entre estados, onde o chegar ó cese das hostilidades, os militares (que son os únicos que exercen a violencia no nome do estado ou pobo) son retirados, existen demasiados contendentes autoorganizados, independentes das autoridades oficiais.
Eliminar ós cabezas dos movementos e organismos palestinos é unha decisión terriblemente arriscada. O risco nace da propia lóxica do conflicto e da negociación. No caso da eliminación dos interlocutores é imposible negociar, pero isto é un problema menor ó comparalo con outros que pode orixinar, como o inicio de espirais de violencia e, polo tanto, o aumento da intensidade do conflicto sen acadar unha tregua ou sequera calmalo. A Autoridade Palestina carece de poder para manter controlados ós diversos grupos terroristas que atentan contra Israel. Ademais, Palestina non é a única fronte nin motivo das células terroristas para atentar na contra do pobo xudeu.
O goberno de Sharon mostra a súa capacidade militar ós palestinos moito mais a cotío que calquera vontade de aceptar unha solución negociada. Os asasinatos selectivos xa cobraran no pasado outras víctimas. O 14 de xaneiro do 2002 faleceu desta forma o dirixente das Brigadas dos Mártires de al-Aqsa en Tulkarem, Raed Karmi, feito que dinamitou o primeiro alto o fogo imposto pola Autoridade Palestina como reacción ós atentados do 11 de setembro e á reclusión do seu presidente, Yasser Arafat, dentro da Mukata.
Existen varios exemplos máis de ataques por ámbolos dous bandos realizados en momentos especialmente sensibles, que repercutiron negativamente sobre o proceso de paz. Un exemplo do bando palestino sería o atentado en Netanya o 28 de marzo de 2002, que coincidiu ca reunión da Liga Árabe en Beirut para discutir a Iniciativa de Paz Saudita.
Semella así confirmarse a través das probas a veracidade do tópico universal, a violencia enxendra violencia. A situación complicase por mor do tempo que ambos bandos levan lanzándose ataques, que segundo son realizados por un mesmo ou o rival son denominados ataques ilegais ou lexítima defensa.
Se realmente desexan a paz, Israel e Palestina precisan de líderes fortes, con gran apoio popular que consigan facer valer os acordos acadados, que controlen a totalidade das súas forzas militares, consigan a anexión ós acordos dos paramilitares e das organizacións de importancia durante o desenvolvemento do conflicto. Unha violencia tan enquistada e insistente no tempo pode prender ante calquera acto violento incontrolado. Para solucionar algo así, é imprescindible que os grupos violentos, non teñan xamais escusa ningunha para reiniciar as súas hostilidades baixo o nome da "defensa".