En setembro remata a longa "maratón electoral", que marcou o calendario político deste ano en Alemaña. En total 14 eleccións, cinco parlamentos nos "länder", oito municipais e en xuño, as do parlamento europeo, probas significativas para medir o apoio do goberno SPD/Verdes. Ata agora, todas concluíron en derrotas indiscutibles, se ben a máis dolorosa foi a do parlamento europeo na que o SPD recibiu o peor resultado da posguerra.
Con gran preocupación, o goberno espera as eleccións de setembro, principalmente as do Parlamento de Brandeburgo e as municipais de Renania do Norte-Westfalia, porque son considerados como anticipo orientador das eleccións ao Parlamento Federal, previstas para 2006. Pero tamén as eleccións do Parlamento de Saxonia chaman a atención polo agardado xiro dos votantes cara a extrema dereita nacionalista.
Saxonia é o estado máis poboado dos novos länder e dende a reunificación está gobernado, cunha confortable maioría absoluta, pola CDU (Unión dos Demócratacristianos). Georg Milbrand, o primeiro ministro, é considerado unha persoa moi competente nos asuntos financeiros e resolveu con éxito as dúbidas sobre a opción sucesora do seu mentor, Kurt Biedenkopf, coñecido coma "o rei de Saxonia". Este land destaca dos outros por un endebedamento máis baixo, por custes de traballo módicos e ademais propiciou unha mellora evidente nas infraestructuras do land. Por iso, Milbrand foi cualificado como "Primeiro Ministro do Ano" e unha semana antes das eleccións en Saxonia, o día 9 de setembro, será condecorado por este mérito en Berlín.
Anque Milbrand non necesita preocuparse polos resultados das eleccións porque ningún partido, nin o SPD, nin o PDS (Partido do Socialismo Democrático), sucesor do partido de Estado da RDA, o SED, son serios competidores na batalla polo goberno, a súa maioría absoluta está en perigo. Segundo os prognósticos, nin o SPD, nin o PDS lle arrancan apoio electoral. O maior perigo para revalidar o seu liderado proven dun partido de extrema dereita, xa considerado en vías de extinción, o NPD (Partido Nacional-Demócrata de Alemaña). Saxonia é o único land, no que este partido da extrema dereita atrae a numerosos votantes e incluso posúe un asento no consello municipal de Königstein, unha cidade que ten fama pola súa gran simpatía cara o NPD. Aquí, este partido non desfila publicamente con símbolos que recordan aos nazis, senón que os seus militantes participan en foros de discusión ou en conferencias de traxe e garabata. Lograron así unha imaxe diferente e mais aceptable para a sociedade saxona.
Esta estratexia permitiulle ao NPD gañar apoios en Saxonia, pero tamén o ambiente de protesta que se sinte nestes días en Alemaña pode beneficiarlle. Os prognósticos lle atribúen unha intención de voto que oscila entre o 5 e o14% do electorado; pero se descoñece se este aumento se debe á frustración dos votantes coas reformas sociais ou ao latente racismo atribuído aos cidadáns do leste. Superarían, en calquera caso, o 5% requirido para entrar no Parlamento dun land. E sería a primeira vez desde 1968.
Brandeburgo, como Renania do Norte-Westfalia no oeste, é considerado coma o land mais fiel ao SPD. Aquí goberna dende 1990, se ben soamente unha vez con maioría absoluta, en 1994-1999. Bündnis`90/Grüne (os Verdes) e o FDP (Partido Democrático Liberal) non están representados no parlamento dende hai dez anos, ao non superar a barreira do 5%. Son tres os partidos que dominan o escenario político: o SPD, a CDU e o PDS. Pero se perfila cada vez mais que nas eleccións do próximo 19 de setembro, o PDS vai gañar. Segundo diferentes prognósticos pode recibir ata un 12% mais de sufraxios que o SPD, situándose en torno ao 36% como a primeira forza deste land, similar en poboación a Galicia. Ao contrario, o SPD e a CDU perderán significativamente apoio electoral. De confirmarse estas expectativas, sería a primeira vez que o PDS resulta o partido mais votado, con capacidade para propoñer ao Primeiro Ministro. O apoio a este partido foi crecendo cos anos despois da reunificación e se debe, en primeiro lugar, a unha política orientada á defensa dos intereses do leste e o rexeitamento total das reformas sociais impulsadas polo Goberno Federal do SPD. Se consolidou nos novos länders coma o segundo ou terceiro partido mais importante e está presente en case todos os Parlamentos dos länder cun 20% de sufraxios como mínimo. Caso de gañar en Brandeburgo, sería a confirmación dunha tendencia que distancia mais aos novos länder do Oeste. Nestes, o PDS atrae a menos do 1% dos cidadáns e non alcanza ningunha relevancia política.
De feito, se o SPD perdera a súa maioría nestas eleccións, a partir dese momento soamente gobernaría nun land do este, en Mecklenburgo-Pomerania. E iso sería un signo moi negativo que pesaría moito sobre o partido para encarar con éxito as eleccións do Parlamento Federal en setembro de 2006.
Renania do Norte-Westfalia é o land mais poboado de Alemaña, coñecido no pasado pola súa poderosa industria do aceiro e das minas de carbón, e percibida como a patria do SPD, principalmente na rexión do Ruhr. Pero tamén aquí o SPD teme perder a súa maioría en todas as eleccións, o que suporía un duro golpe de gran significación simbólica. Nas municipais de 1999, debeu asumir perdas tremendas e para os comicios do 26 de setembro se prognostican resultados peores aínda.
A decisión dos candidatos do SPD de deixar fora das súas campañas electorais a política federal e concentrarse na política rexional, non semella dar bos froitos. En 1999, a CDU sacou proveito da gran cantidade de votantes fiel ao SPD, que, por insatisfacción co Goberno Federal, optaron pola abstención. Esta vez a CDU espera aproveitarse do mesmo feito e ademais gañar ao electorado decepcionado co SPD.
As eleccións municipais de setembro ofrecen aos partidos, a pesar de ser diferentes ás xerais, un guión provisional para as eleccións do Parlamento de Renania do Norte-Westfalia, que se celebrarán dentro de sete meses, o 22 de maio de 2005. Por iso o SPD espera os resultados das municipais con gran preocupación. Si resultan malos, é moi probable que a CDU tamén gañe as eleccións ao Parlamento do lander, o que tería consecuencias moi serias para o SPD. A partir deste momento, a CDU controlaría 46 asentos na Cámara Alta da República Federal, que representa a maioría de dous tercios, requirida en votacións de cambios de leis orgánicas. Podería paralizar absolutamente o Parlamento Federal e así propiciar o fin anticipado do goberno do chanceler Schröder.
Neste ano, cargado de eleccións, os alemáns saldan contas co SPD. Farán saber a súa opinión sobre o goberno socialdemócrata e a previsible derrota que prepararon ao SPD en todas as eleccións non parece cuestionable e non soamente explicable polas reformas sociais e a recesión dos últimos anos. O proceso de renovación do partido e o abandono da política seguida nos anos setenta e oitenta provoca que os votantes, por falta dun perfil concreto ou políticos capaces de incorporar o "novo SPD", lle dean as costas. No leste, a maioría dos cidadáns, atraídos por unha política socialdemócrata, se senten mellor representados polo PDS. Ao mesmo tempo, é un signo claro de que moitos habitantes do leste non se identifican coa política e os partidos do "oeste". Dan preferencia a un partido que se nutre, en gran parte, de cargos e funcionarios do antigo SED, o partido do Estado da RDA. Outros, en busca de alternativas diferentes, xiran á extrema dereita.
A CDU, na maioría das eleccións se proxecta como ganadora, principalmente nas municipais deste ano, pero tamén no nivel dos Parlamentos dos länder. Unha nova demostración do seu momentáneo éxito pode producirse este fin de semana, o 5 de setembro, no Sarre, que celebrará eleccións ao Parlamento do land e se prevé unha maioría absoluta para a CDU e outra derrota dolorosa para o SPD.
Así pois, este setembro promete ser, como continuación dos acontecementos políticos das últimas semanas, un mes clave para o goberno en Berlín. E mais alá, un indicativo contundente do pouco éxito das políticas aplicadas na última década para afianzar o proceso de unificación do país. A factura do abismo entre as dúas Alemañas a vai pagar o SPD.