Os alxerianos apoian masivamente a Lei de Concordia Civil

Co contundente triunfo do si, preto do 99% dos votos, os alxerianos ratificaron en referendo a Lei de Concordia Civil, iniciativa do presidente Abdelaziz Buteflika xa aprobada pola Asemblea Nacional Popular. Por evidente que fose a victoria da proposta presidencial, a alta taxa de participación e o masivo apoio supoñen un enorme respaldo para o presidente Buteflika fronte aos que discutían a súa lexitimidade, por ser o único candidato despois da retirada dos outros cinco opoñentes, e permítelle unha maior autonomía a respecto dos militares, ou do sector destes, que lle outorgaron o cargo de presidente.

Semella evidente que ante a pregunta de si está de acordo coa pacificación do país, a resposta masiva ía ser afirmativa. Aínda así o tipo de campaña que realizou, persoalmente, o presidente Buteflika indica claramente que a cuestión no fondo non era tan sinxela.

Durante os últimos tempos, o presidente acudiu a todos os recunchos do país norteafricano, falou de todo menos da Lei de concordia. Debateu coas víctimas do terrorismo que se negan á posible posta en liberdade dos que cometeron delictos de sangre, afrontou as cuestións máis difíciles como o desemprego e a mendicidade que afectan sobre todo aos mozos que son os dous tercios da poboación, da corrupción á que denominou “terrorismo administrativo”, da falta de vivendas, do tráfico de drogas ou da práctica desaparición do sistema educativo. Lembrou a Alxeria de hai dúas décadas, cando el era o número dous do presidente Huari Bumedián, ministro de Exteriores e un dos principais impulsores do Movemento de Países Non Aliñados. E a medida que se ía desenvolvendo a campaña comezaba a tomar decisións, a finais de agosto destituíu a metade dos gobernadores provinciais.

O referendo era pois non sobre a Lei de concordia senón sobre a presidencia de Buteflika. E saíu amplamente reforzado. Fronte á oposición, que puxo en dúbida a súa lexitimidade cando foi elixido sen contrincantes, ampliando o escaso consenso co que inicialmente contaba e que lle permitirá formar, no futuro, un executivo de maior base social que a actual coalición gobernante entre oficialistas e islamistas moderados, cando se decida a destituír ao primeiro ministro Ismail Hamdami, herdado da etapa presidencial do xeneral Zerual.

Mais sobre todo pode permitirlle unha maior autonomía fronte ao verdadeiro árbitro da situación, o exercito, dividido entre os partidarios de eliminar o islamismo e aqueles outros favorables ao dialogo co mesmo. Estes últimos que facilitaron a súa elección presidencial estudiarán ao detalle cada movemento que realice, sempre tendo en conta o amplo apoio que logrou nesta campaña.

A amplitude na amnistía prometida con anterioridade e limitada en exceso polo exercito, e sobre todo a posible liberdade dos dirixentes do FIS encarcerados e o tratamento legal que se lle de á organización vencedora nas eleccións de 1991, serán determinantes para o futuro dunha Alxeria esgotada en baños de sangue. Como o será tamén, a actitudes dos grupos armados que teñen, segundo a Lei de concordia, ata o 13 de xaneiro para entregarse e ver reducidas sensiblemente as penas, sempre que non teñen cometidos delictos de sangue.

O importante triunfo persoal de Buteflika non empece para sinalar algunhas manifestacións de malestar coma a importante abstención, máis do 60%, entre a comunidade bereber ou a escasa participación nalgunhas cidades como Alxer ou Orán.

Os vindeiros meses serán decisivos para que en Alxeria se poida consolidar unha paz duradeira.