Agora que volve a EGAEX ao Parlamento...
Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 3 de outubro do 2023
Puente internacional

Os aspectos económicos clave da Estratexia Galega de Acción Exterior

A singularidade cultural, histórica e linguística que caracteriza á Comunidade Autónoma galega, en combinación coa aplicación do principio de subsidiaridade, fan recomendable que no campo da acción exterior se desenvolvemento unha normativa e unha estratexia propias. 

Empregando o vocabulario deportivo, a publicación da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, supuxo o “pistoletazo de saída” para o desenvolvemento normativo da acción exterior galega cos países de lingua portuguesa. Seguindo co símil deportivo, se a Lei Paz Andrade foi o punto de arranque normativo da acción exterior galega, a publicación da Lei 10/2021, de 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e coñecida como Lei de Acción Exterior de Galicia, supuxo o marco regulatorio para aplicar sobre a acción exterior autonómica no taboleiro de xogo da economía mundial.

Un título preliminar, e dez posteriores dedicados a aspectos como a programación da acción exterior, a execución da Estraxia Galega de Acción Exterior (EGAEX 23-27), ao desenvolvemento do papel de Galicia en Europa e coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ou á regulación de tratados e acordos internacionais, constitúen gran parte do desenvolvemento desta Lei.

Mais é a partir do título sétimo, destinado ao desenvolvemento das accións sectoriais no exterior, que se abordan os aspectos máis puramente económicos desta lexislación, fundamentalmente no capítulo cuarto sobre a “Acción exterior no campo da economía”. Así, a través desta Lei regúlanse así aspectos económicos concernentes tanto ao mercado interior -a necesidade autonómica de favorecer a prestación de servizos transfronterizos dos operadores galegos dentro do mercado interior europeo (art. 61)- como ao mercado exterior (art. 62), a captación de investimentos produtivos (art. 63), a colaboración coa rede de oficinas comerciais españolas no exterior (art. 64) e o desenvolvemento de iniciativas para estimular o asentamento en territorio galego de inmigrantes dos países prioritarios (art. 65). Ademais, inclúese no texto normativo unha sección (2) específica para tratar a acción exterior en investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), que se concreta en tres artigos nos que se recolle a necesidade de potenciar cara o exterior un polo de excelencia galego no campo da I+D+i (art. 66), na promoción da participación internacional dos axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación (art. 67) e no pulo a redes de colaboración que permitan desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente no marco europeo (art. 68).  

3913960465 27ff40562a b

Non obstante, nun contexto mundial marcado pola inflación europea, polo estancamento económico chinés, a guerra da Ucraína, os movementos dos BRICS para a consolidación dunha nova realidade global multipolar, e as turbulencias políticas en África derivadas da situación xeopolítica, a elaboración da EGAEX 23-27 debería dar como resultado un documento o suficientemente flexible para recoller estas e outras realidades económicas. A EGAEX 23-27 -que no noso símil deportivo serían as liñas estratéxica para a planificación desta tempada e das seguintes- poderá supoñer unha nova oportunidade de seguir avanzando na consolidación da acción exterior galega, ou así o estima a Xunta de Galicia tras o anuncio da activación previa ao trámite parlamentario anunciada o 23 de setembro.

Mais para aproveitar esta oportunidade sería conveniente que a nova Estratexia fose capaz de concretar orzamentos, formas ou prazos de execución dalgúns dos obxectivos de máximo interese. Sería desexable tamén o desenvolvemento dun plan específico para o fortalecemento das relacións co resto de países europeos, a potenciación das relacións comerciais con países como Brasil e co resto de economías emerxentes. Ademais, outros aspectos serán claves. Algúns deles serán a integración, coordinación e promoción da incipiente acción exterior local (p.e. o recente cumio da ECOFIN), o fomento da unidade da dispersa acción internacional das universidades, a promoción do turismo sustentable e da industria cultural, ou o fomento da comunicación coa diáspora con fins económicos. Non cabe dúbida de que axentes como o IGADI, con ampla experiencia internacional, teñen moito que achegar neste proceso de construción.