Os axustes cubanos

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Cuba está observando con maior rigor as dificultades derivadas da crise económica global, tendo en conta, especialmente, a súa condición de economía dependente dos prezos internacionais das materias primas. As dificultades económicas do goberno de Raúl Castro obríganlle a realizar duros axustes orzamentarios.

Un caso específico deuse recentemente co anuncio do peche de varios comedores estatais en catro ministerios públicos, unha medida sensible para os colectivos de traballadores. Ao mesmo tempo, o histórico comandante Ramiro Valdés facía un chamamento público á poboación para evitar a excesiva dependencia económica estatal, posiblemente considerando as dificultades do sector público a curto e mediano prazo. O pasado 26 de xullo, o propio Raúl afondou esta perspectiva ao instar á poboación a “producir máis” en vez de repetir vellos slogans revolucionarios.

A volatilidade dos prezos internacionais do azucre e unha baixa dun 30% das terras cultivables para a produción de tabaco, afectada pola caída dun 15% dos prezos internacionais así como da aprobación das medidas antitabaco en diversos países, confirman as dificultades económicas polas que atravesa o goberno de Raúl. Aproximadamente, uns 200.000 agricultores cubanos veríanse seriamente afectados por esta redución da produción tabacaleira.

Igualmente, a comezos de outubro, a ministra de Industria Básica, Yadira García, anunciou a redución do consumo de petróleo de 40.000 toneladas a 19.000 toneladas, debido a un plan gobernamental de aforro no consumo enerxético iniciado en xuño pasado. Para este último trimestre de ano, as autoridades sanitarias tamén estiman un incremento dos índices de infectados polo virus da Gripe A, razón pola que pediron axuda inmediata á Organización Mundial da Saúde (OMS).

Coa finalidade de reducir os efectos da crise económica global na illa caribeña, Raúl outea as perspectivas diplomáticas orientadas a unha apertura exterior que, inevitablemente, canaliza a súa atención cara Barack Obama, sen esquecer os efectos que esta apertura tería na posición política do tradicionalmente reaccionario exilio cubano. Desde abril pasado, Washington e La Habana veñen cimentando efectivos canais de diálogo, especialmente nos sectores económico, de inmigración, transferencias financeiras, comunicación postal e cooperación antinarcóticos. O escenario hemisférico é igualmente favorable á reinserción cubana nos organismos de integración, con Venezuela e Brasil como eixes moduladores deste proceso de apertura latinoamericana.

Non obstante, o goberno cubano prevé un 2010 prolífico en recortes de gasto público, especialmente ante a falta de liquidez monetaria. Todo isto nun momento en que diversas empresas estranxeiras que operan en Cuba comezan a manifestar a súa preocupación precisamente pola crise de liquidez e a falta de pagos gobernamental.

Pero a pesar das dificultades económicas, Cuba segue mantendo os seus sólidos índices de desenvolvemento humano, que lle outorgan o posto nº 51 a nivel mundial e o quinto no escenario latinoamericano, de acordo co último informe do Programa da ONU para o Desenvolvemento (PNUD), de setembro de 2009.