Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

Os baha’ís, eternos perseguidos en Irán

O Goberno da República Islámica de Irán e os musulmáns deben tratar aos non musulmáns coa boa, equitativa e xusta moral islámica e salvagardar os seus dereitos humanos.” A pesar de estar así estipulado no artigo 14 da Constitución da República Islámica de Irán de 1979, a realidade no relativo ao tratamento das minorías étnicas e relixiosas en Irán é moi distinta.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

O Goberno da República Islámica de Irán e os musulmáns deben tratar aos non musulmáns coa boa, equitativa e xusta moral islámica e salvagardar os seus dereitos humanos.” A pesar de estar así estipulado no artigo 14 da Constitución da República Islámica de Irán de 1979, a realidade no relativo ao tratamento das minorías étnicas e relixiosas en Irán é moi distinta.

A excepción dos xudeus, cristiáns e zoroastriáns, que contan co recoñecemento oficial  - que as presenta como únicas alternativas legais ao Islam con dereito á realización de ritos, cerimonias e a actuar de acordo cos seus propios canons morais-, o resto de minorías relixiosas non quedan unicamente relegadas a un segundo plano, senón que incluso son perseguidas e castigadas polo goberno iraniano.

A pegada baha’í en Irán

O bahaísmo é unha relixión nacida a mediados do século XIX en Persia da man do autoproclamado mesías Báb, mais amplamente estendida polo seu discípulo Bahá’u’lláh, que transformaría o primitivo babismo en bahaísmo. Conta con aproximadamente 7 millóns de fieis repartidos en máis de 200 países, sendo máis de 2.000 as etnias que profesan a confesión con 800 linguas á súa disposición.

O bahaísmo defende a unidade de todas as persoas máis alá das relixións, razas, clases etc. Baixo un mesmo Deus que todos compartimos con distinto nome, defenden a paz, igualdade e a xustiza como base para o desenvolvemento social. Non obstante, teñen sido acusados, tanto en Irán como noutros países islámicos, de ser presuntamente “herexes” do Islam e incluso de constituír un corpo político ao servizo de Israel e EUA. Todo isto incrementa as dificultades e obstáculos que atopan os baha’ís principalmente en Oriente Medio, aínda que con maior dureza en Irán.

A traxectoria do bahaísmo na República Islámica de Irán foi dende os seus comezos unha carreira de obstáculos e, abofé, turbulenta. Os seus primeiros líderes foron executados e perseguidos os seus seguidores, mais non foi ata comezos do século XX cando a persecución converteuse nunha directiva sistemática. A chegada da dinastía Pahlaví non mellorou a situación. Nas décadas de 1930 e 1940 foron numerosas as execucións públicas de baha’ís con intención de mostrar á poboación a gravidade da súa presunta “herexía”. Os encarceramentos, expropiacións e censura eran procedementos habituais contra esta comunidade relixiosa.

Baixo o goberno do Shah Reza Pahlaví chéganse incluso a crear institucións específicas con ánimo de frear a propagación da fe, intensificándose  a discriminación e marxinación da que eran vítimas. A  Revolución Islámica de 1979 co aiatolá Ruhollah Jomeini levou a situación dos baha’ís ao limite: son proscritos nas  universidades e nas actividades comerciais, é prohibida oficialmente a súa fe, destrúense os seus cemiterios e distintos lugares de culto, como a propia casa do Báb na localidade de Shiraz, un dos principais centros relixiosos e culturais de Irán.

Na actualidade, a situación da comunidade baha’í en Irán non é moito mellor. Os seus 350.000 fieis non contan con ningunha ferramenta xurídica de defensa e o seu carácter pacifista matiza as súas posibilidades de rebelión. O marco legal iraniano permite a discriminación e persecución da que son vítimas, por unha parte, por ampararse o Goberno en que son inimigos da República Iraniana, e por outra, por castigar a sharia (lei islámica) aos discrepantes do Islam.

Cando a discriminación é legal

Os baha’ís constitúen unha entidade perseguida por dous factores: dunha banda, compoñen unha relixión que, a pesares de derivar do Islam, non recoñece a Mahoma como derradeiro profeta (senón a Bahá’u’lláh). O insulto á relixión musulmá está penado por lei, e o precepto co que abriamos este artigo queda, pois, revocado: “Este principio é válido no caso daqueles que non conspiran contra o Islam e tampouco contra a República Islámica iraniana”.

A normativa legal da República Islámica baséase na Sharia –que bebe das fontes do Corán e dos hadiths, códice que fai referencia non só a aspectos morais, de conduta ou culto, senón a preceptos penais e civís propios dun texto xurídico. A lei islámica ha de protexer aos musulmáns de quen atente contra a súa fe e forma de vida, os chamados infieis ou non crentes. Así pois, recoñecendo o Estado unicamente a xudeus, cristiáns e zoroastriáns, os baha’ís son considerados pola xurisprudencia islámica como unha apostasía/herexía. Poñer en perigo os principios espirituais oficiais da República Islámica está penado coa máxima condena por considerarse crime contra Deus (Hadd). Entre 1978 e 2005, un total de 219 bahá’ís foron executados polas cortes revolucionarias por mor da súa fe.

Por outra banda, e acorde á persecución relixiosa, Teherán acusa aos baha’ís non de ser unha comunidade herética, senón de conformarse como unha organización política ao servizo dos EUA e Israel co fin de atentar contra o Estado iraniano. En palabras de Hossein Shariatmadari, editor da revista Keyhan, os baha’ís son considerados como “terroristas, a quinta columna de Israel”. Ao “atentar” contra a República Islámica, esta comunidade queda non só excluída senón perseguida de forma legal e sistemática segundo o artigo. Nacións Unidas chegou incluso a denunciar en 2006 o intento de creación dun censo de baha’ís para a súa identificación e posterior castigo.

O recurso da paradiplomacia

Tendo en conta que estamos ante unha violación “legalizada” dos dereitos humanos, a marxe de actuación dentro do país é limitada. Os baha'ís non poden ampararse nin na liberdade relixiosa, por ser unha “ameaza” contra o Islam, nin na pluralidade política por ser considerados “a cabeza de turco de Israel”; a propia Constitución iraniana convérteos nun obxectivo.

A comunidade baha’í está moi presente no panorama internacional. A Baha'i International Community participa nas Nacións Unidas como ONG, e conta con poder consultivo en ECOSOC e UNICEF, ademais de estar acreditada ante o PNUMA, entre outros. Mais a pesares da súa presenza no ámbito mundial así como dos intentos por reclamar a atención da comunidade internacional para a defensa e protección dos seus dereitos, os seus avances son poucos. Desgraciadamente, a comunidade baha’i iraniana semella ter a paradiplomacia como único recurso.