Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

Os Balcáns: Buscando anclaxe internacional

A invasión de Ucraína por parte de Rusia no 2022 activou a ampliación da UE cara ao sueste europeo. O compromiso de Bruxelas cos denominados Western Balkan 6 (ou WB6; Serbia, Bosnia e Hercegovina, Macedonia do Norte, Montenegro, Kosovo e Albania) volvía con inusitada e inesperada forza á axenda da Comisión Europea, do Alto Representante e dos Estados membros.
Liñas de investigación Unión Europea Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Balcáns
Palabras chave UE Balcáns Unión Europea

Catro anos despois, a burbulla non estoupou, mais está a desincharse. Especúlase que Montenegro e Albania poderían converterse en membros para 2029, mais sen demasiada convicción; semella impensable que Bosnia e Hercegovina acade a adhesión ata que reformule o seu modelo etnocrático e reconduza o liderado da entidade bosnia da República Srpska cara a unha convivencia normalizada con Saraxevo; Serbia atópase inmersa en protestas desde novembro de 2024, ademais de que a súa política exterior non está aliñada ao 100 % con Bruxelas e o apoio popular á adhesión na UE sitúase nos niveis máis baixos coñecidos; Kosovo ten a condición de país potencialmente candidato, mais ata agora non conseguiu conformar un goberno estable e o seu primeiro ministro en funcións atópase illado dos centros de poder; e finalmente o proceso de adhesión de Macedonia do Norte segue bloqueado, debido á disputa aínda en curso con Bulgaria. Skopje négase a cambiar de novo a súa constitución, desta vez para incluír no articulado á minoría búlgara. O futuro a curto prazo non é optimista.

Cada vez máis voces suxiren unha integración gradual, onde unha primeira fase implicaría unha membresía sen dereito a veto. Aínda que isto ofrece unha solución nun contexto internacional volátil, tamén suporía converter aos aspirantes en países de segunda fila.

Bruxelas exerce presión sobre o sueste europeo para que oriente a súa economía, lexislacións e prácticas cara ao Mercado único, para capitalizar o fluxo de traballadores novos e cualificados que están a despoboar a rexión e para organizar cumios anuais que manteñan viva a chama da ampliación e da intergobernamentalidade; todo isto mentres que as clases políticas da rexión seguen sen ter claro se lles compensa adoptar medidas que poidan ser proeuropeas, mais ao mesmo tempo custosas e impopulares.

Ante un futuro sen perspectivas de adhesión, o modelo de relacións bilaterais UE‑WB6 mantén una natureza estabilocrática, priorizando a seguridade (garantías xurídicas para o investimento, loita contra o crime organizado e o terrorismo, boas relacións entre veciños e control da inmigración irregular) a cambio dunha postura menos crítica e punitiva cara ás elites locais, as cales acumularon unha cantidade excesiva de poder nos últimos anos.

A UE procura manter un equilibrio onde teñan prioridade os incentivos, como os fondos e instrumentos financeiros, para fomentar as reformas do Estado de dereito (principalmente os capítulos de negociación 23 e 24), co obxectivo final de lograr o aliñamento dos países candidatos co seu contexto institucional. Con todo, nesta cuestión a UE é na actualidade máis esixente do que o era cando Croacia (2013) ou Romanía e Bulgaria (2007) se uniran á UE.

Non obstante, as capitais balcánicas son conscientes de que todo isto no só é unha cuestión das súas propias reformas e avances, senón tamén da vontade dos países membros, cuxas prioridades están postas nas relacións cos EE.UU. e con China, as solucións enerxéticas, a negociación dos fondos ou a política interna de cada país; ademais, hai que engadir que existen serias dúbidas sobre a conveniencia da entrada dos WB6, Moldavia e Ucraína. A inmensa maioría miran con desconfianza un ingreso que leve os problemas balcánicos á axenda dos 27. Por exemplo, as tensións con Hungría ou Eslovaquia non só xeraron friccións diplomáticas, senón que tamén incrementaron o medo a que a entrada de novos membros desvíe as axendas dos membros do Consello Europeo e desequilibre o poder político e económico da Unión en Europa do Leste.

Enfrontados a este futuro incerto, os WB6 están a buscar alternativas diplomáticas que lles permitan reposicionarse na escena internacional. A chegada da «Administración Trump» abriu as portas a un novo modelo transaccional que beneficia a líderes más cómodos nesta situación, como Edi Rama (Albania) ou Aleksandar Vučić (Serbia). Non en balde, o presidente da entidade bosnia da República Srpska, Milorad Dodik, logrou levantar as sancións dos EE.UU. impostas a el e á súa contorna a través dos grupos de presión próximos á Casa Branca. A nova política transatlántica deixa de lado o multilateralismo e céntrase tanto nos intereses nacionais como privados dos líderes. Estes códigos no son alleos aos políticos balcánicos.

Nos últimos tempos, Albania, Kosovo e Serbia procuraron reforzar os lazos con Israel, e os dous primeiros integráronse con determinación no Board of Peace impulsado por Donald Trump. Os ministros de Defensa de Kosovo, Albania e Croacia asinaron o 18 de marzo en Tirana unha declaración trilateral para formalizar una alianza militar, co obxectivo de fortalecer a cooperación en defensa e avanzar así na interoperabilidade coa OTAN e a UE. Pola súa banda, Serbia converteuse no «hexemón» militar da rexión, grazas á súa destacada produción e importación de armas (país n. º 37 no mundo), ao mesmo tempo que a súa negativa a sancionar a Rusia non lle impediu proporcionar axuda militar e financeira a Ucraína. Mentres que no 2008 a balanza internacional favorecía a Kosovo, agora pasa o mesmo con Serbia, debido ao seu poder político e ás súas relacións preferentes con Rusia, China, Turquía ou países do Golfo.

Os Balcáns manteñen a súa condición de zona instrumental da escena internacional, suxeitos á influencia de Rusia ou Turquía ou aos investimentos e do peso crecente de China nas débedas públicas respectivas, sobre todo se a Unión Europea e os seus Estados membros proceden a retirarse. A fase actual céntrase na defensa, a negociación e a coerción, e os países balcánicos están máis expostos ca nunca a relacións de poder desiguais nunha nova orde mundial máis incerta e multipolar, polo que procurarán solucións alí onde as súas perspectivas de seguridade sexan máis sólidas. Mentres tanto, os indicadores socioeconómicos en cada un destes países aínda non se recuperaron. As recentes manifestacións en Serbia, Bulgaria, Bosnia e Hercegovina e Albania falan dun risco serio de ruptura entre a cidadanía e as súas autoridades. Cómpre seguir observando a rexión atentamente.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26 “O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito