Se hai dúas semanas as iniciativas diplomáticas tiñan recuperado o protagonismo e o camiño para a paz semellaba máis curto, nesta pasada diversos acontecementos teñen mudado substancialmente o panorama.
As iniciativas diplomáticas conducidas polo secretario xeral da ONU, o enviado especial de Ieltsin e o ministro de exteriores ruso obtiveron un bo resultado na reunión do G 7+1. O acordo do seis de maio consta de cinco puntos que reproducimos:
- Os ministros de Exteriores do Grupo dos Oito acordan os seguintes principios xerais para unha solución política da crise de Kosovo:
- Fin inmediato e verificable da violencia e a represión en Kosovo.
- Retirada de Kosovo do Exército, a policía e as forzas paramilitares.
- Despegue en Kosovo de presencias internacionais civís e de seguridade eficaces, adoptadas e apoiadas polas Nacións Unidas e capaces de garantir o cumprimento dos obxectivos comúns.
- Establecemento dunha administración interina para Kosovo, a decidir polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a fin de asegurar as condicións para unha vida pacífica e normal dos habitantes de Kosovo.
- Retorno seguro e libre de todas as persoas refuxiadas e desprazadas e o acceso sen restriccións a Kosovo das organizacións de axuda humanitaria.
- Un proceso político encamiñado ao establecemento dun acordo marco político interino que proporcione un substancial autogoberno para Kosovo, tomando en completa consideración os acordos de Rambuillet e os principios de soberanía e integridade territorial da R.F. de Iugoslavia e doutros países da rexión, e a desmilitarización da UÇK.
- Acercamento global ao desenvolvemento económico e á estabilización da rexión en crise.
- Para aplicar estes principios, os ministros de Exteriores do G-8 darán instruccións aos seus directores políticos para preparar os elementos dunha resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.
- Os directores políticos elaborarán un plano cos pasos concretos para unha resolución política da crise de Kosovo.
- A presidencia do G-8 informará ao Goberno chino dos resultados da reunión de hoxe.
- Os ministros de Exteriores reuníranse de novo ao seu debido tempo para revisar os progresos que se teñan alcanzado.
As posibilidades dunha pronta paz semellaban máis preto. As diferencias co acordado en Rambuillet e coas cinco condicións da OTAN, eran ostensibles. A ONU recuperaba protagonismo, a "forza militar internacional" convertíase en "presencias internacionais civís e de seguridade", incorporábase, indirectamente, a China e remitíase a aplicación dos acordos a unha resolución do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. O optimismo reinaba. Mesmo o ex-ministro de Exteriores grego chegou a afirmar que Milosevic aceptaba o acordo, ao tempo que a UÇK o rexeitaba.
Dous días despois, as esperanzas comezaban a esvaerse ao mesmo tempo que tres mísiles da OTAN desfacían a embaixada chinesa en Belgrado. ¿Erro ou acción planificada?. Se atendemos ao resultado semella máis ben o segundo, quen dirixiu os mísiles cara a sede diplomática chinesa quería tamén petardear as posibilidades de solución política da guerra.
O que quedaba de semana non ía traer máis que desesperanzadoras noticias, por previsibles que foran. Ieltsin destitúe a Primakov e arrastra a Rusia a enésima crise desde que asumiu o poder. O xa ex -primeiro ministro era un contraste demasiado incomodo para o presidente que tiña que enfrontar o debate na Duma sobre a súa destitución. Primakov tiña demostrado en oito meses que podíase intentar sacar a Rusia do caos no que a meteu un presidente incapaz e entregado aos que en oito anos converteron o fracaso da experiencia soviética en humillación.
Sen Primakov a política exterior rusa pode volver a caer en mans daqueles que consideran que a victoria militar da OTAN é unha cuestión de honra. Cumpre lembrar que a posición rusa no conflicto quedou perfectamente definida co xesto de Primakov cando, no momento de coñecer o primeiro ataque aéreo da OTAN sobre Serbia, ordenou ao piloto do avión que o levaba a EE UU dar volta, cando xa se atopaba no medio do Atlántico. Logo Ieltsin tería que empregar os seus extraordinarios poderes presidenciais para nomear enviado especial a Chernomirdin.
Ieltsin saíu vencedor no seu novo combate coa Duma, mais a victoria foi aos puntos. Mentres Rusia segue sen primeiro ministro e a proposta presidencial de Serguéi Stepashin para ocupar o cargo, pode abrir un nova etapa de enfrontamento co Parlamento.
Con Rusia encerellada na súa desgracia presidencial e China ofendida o paz afastase. Mentres serbios e kosovares seguen a pagar as consecuencias.