Calquera que sexa o resultado das negociacións apadriñadas pola ONU na capital alemana, non parece que o futuro de Afganistán poida pecharse na Conferencia de Bonn. Demasiadas fraccións, demasiadas ausencias e quizais demasiada guerra aínda por diante como para sentenciar as formas e contidos dunha transición incerta. Diversos sinais apuntan a un principio de acordo dirixido a evitar atragantamentos de victoria daquelas forzas que hai pouco mais dun mes semellaban incapaces de disparar un tiro e que hoxe seica protagonizan un avance imparable ata Kandahar. En Moscova, Putin é consciente desta situación e por iso non dubida en desprazar tropas propias á zona sen pedir consentimento a ninguén, lembrando a todas as partes implicadas que con Rusia haberá que contar.
O desenvolvemento da guerra nas últimas semanas, a caída de Cabul e outros importantes enclaves da zona norte e centro de Afganistán a mans das tropas da Alianza, preocuparon tamén e moito en Islamabad. O réxime de Musharraf quere determinar o resultado da loita polo poder en Afganistán nun sentido favorable aos seus intereses e teme que todo o esforzo aliado se concentre detrás da Alianza do Norte cunha victoria que podería reforzar a unidade pastún, o cal sería moi perigoso, asegura o presidente paquistaní. Cos contenciosos con India en Cachemira e con Irán en Beluchistán, baixo ningún concepto aceptará un goberno hostil en Cabul que desestabilice as súas provincias do Norte.
Ao pouco de producirse a caída da capital afgana, o portavoz do ministerio de Asuntos Exteriores de Paquistán, Aziz Ahmed Khan, pediu a desmilitarización de Cabul e o control da cidade por unha forza multinacional ou baixo bandeira da ONU que incluiría tropas de Islamabad nunha misión pacificadora. Nacións Unidas, marxinada das principais decisións, aprobou o informe do enviado especial á zona, o alxerino Lakhdar Brahimi, pero sen precisar o mandato dunha posible forza multinacional, un continxente que en fontes do Consello se relaciona exclusivamente coas garantías de seguridade das áreas que non están baixo control talibán e o acceso da axuda humanitaria. Os aliados de Musharraf siguen sendo os pastún (etnia á que tamén pertencen os talibán) e a Alianza do Norte (tadxicos, uzbekos e outras etnias) son os seus rivais. Os pastún, como sinala Jirhis al-Jawafi, investigador da Universidade de Cambridge, representan o núcleo central da sociedade afgana e tamén a base esencial dos movimentos de resistencia, aos soviéticos nos oitenta, pero tamén aos británicos noutro tempo. A súa capacidade de organización e disposición para o combate forman parte da súa cultura. A retirada das milicias talibán das principais cidades do norte de Afganistán propiciou un grave erro de cálculo que pillou desprevenidos ao goberno de Islamabad, ao propio Washington e aos grupos de oposición partidarios do rei Mohamed Zahir Shah, exiliado en Roma. Todos temen que se repita a situación de guerra civil dos anos noventa.
Boa parte da sociedade paquistaní desaproba a complicidade do seu goberno coa estratexia aliada e de non obter compensacións claras a situación para Musharraf podería adquirir matices críticos. Poucos creen que fose Ben Laden o autor dos atentados nin desaproban a súa acción, caso de que fora o responsable. A propia estructura de Al-Qaeda mantén unha poderosa presencia no aparato administrativo e militar de Musharraf. Esa circunstancia explica que en calquer momento poida acabar asasinado por un integrista islámico, como sinalaba recentemente Kenizé Mourad, periodista especializada en Oriente. A policía tense empregado a fondo na represión das múltiples manifestacións de apoio ao réxime talibán e a Ben Laden, desenvolvidas principalmente no norte do país, donde se concentra a etnia pastún, maioritaria en Afganistán, e unha purga intensa se aplicou no aparato militar e de intelixencia. Medidas que non bastan para garantir a tranquilidade do xeneral.
Se Paquistán se sinte excluido do proceso de formación do novo goberno de Afganistán, nin Estados Unidos poderá evitar a súa implicación activa nunha nova fase do drama afgán. Cunha longa fronteira con Afganistán no seu Sur, Islamabad ten capacidade dabondo para garantir que ninguén sairá victorioso do actual conflicto. A guerra non se gaña no Norte e se ata agora o xeneral Musharraf seguiu angustiado a excesiva duración das operacións militares por medo ao impacto no ánimo civil interno, podería verse impelido a alimentar un conflicto de longa duración. A fin de contas, non parece que as cábalas estratéxicas entendan de sufrimento humano.