Artigo orixinalmente aparecido en Nós Diario 12 de novembro do 2024
BRICS Kazan

Os BRICS de Kazán

Do 22 ao 24 de outubro celebrouse en Kazán o XVI Cumio BRICS. Reuniu aos cinco membros fundadores da organización (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), aos cinco novos membros que se uniron a eles desde o 1 de xaneiro de 2024 (Irán, Exipto, Arabia Saudita, Etiopía, Emiratos Árabes Unidos) e outros vinte e cinco países así como varios representantes de organismos internacionais, coa participación destacada do secretario xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Palabras chave BRICS

Este cumio de Kazán marca un punto de inflexión. A organización atópase nunha rápida fase de expansión e agora pretende introducir na súa axenda a definición de alternativas a todos os problemas internacionais importantes.

Asia como motor

Os países asiáticos xogan un papel importante no presente e futuro dos BRICS. Ademais dos dez membros actuais, trece países, entre eles seis estados asiáticos, adquiriron a condición de “socio”: Alxeria, Bielorrusia, Bolivia, Cuba, Indonesia, Casaquistán, Malaisia, Nixeria, Uganda, Uzbekistán, Tailandia, Turquía e Vietnam. Neste grupo de países socios, a ASEAN pesa moito con catro dos seus principais membros, e tamén emerxea Asia Central.

Polo tanto, nun prazo relativamente curto, os BRICS poderían superar en número ao G20, cunha distribución por continentes bastante equilibrada: oito países asiáticos, tres países de Oriente Próximo e Medio, tres europeos (se incluímos a Turquía), seis africanos e tres países en América Latina ou Centroamérica.

Asia non é a maioría en número no grupo de 10 membros e 13 socios, pero representa as tres cuartas partes da poboación e as tres cuartas partes do PIB do grupo de socios BRICS +.

Unha axenda global

A Declaración de Kazán é un extenso documento de 134 parágrafos que abarca todas as cuestións internacionais actuais con tres piares principais: política e seguridade internacionais, cuestións económicas e financeiras, cultura e cooperación entre os pobos. Máis aló de posicións puramente diplomáticas -que inclúen compromisos edificantes sobre a resolución pacífica de conflitos, a protección dos dereitos humanos ou a loita contra a difusión de noticias falsas-, este documento recolle unha serie de iniciativas de moi diversa importancia.

A rápida ampliación dos BRICS non facilitará a cohesión do grupo, e a coexistencia da organización con multitude de outras entidades multilaterais ou rexionais que abranguen os mesmos temas non garante per se o éxito das múltiples iniciativas citadas na declaración de Kazán.

Non obstante, ademais do seu peso económico, o grupo ten puntos fortes que tratará de capitalizar. No que se refire á enerxía, por exemplo, os dez membros actuais da organización xa representan o 36% das exportacións de cru e o 34% das exportacións de petróleo refinado a nivel mundial. Tamén ocupan un lugar importante no comercio internacional de soia (51%) ou arroz (44%), así como de diversos metais críticos (terras raras, magnesio, grafito).

Os trece países socios inclúen tamén grandes exportadores de produtos enerxéticos (Alxeria, Indonesia, Malaisia, Casaquistán, Nixeria), produtos agrícolas (Tailandia) e metais críticos (Bolivia, Indonesia). Colectivamente, polo tanto, o grupo de socios BRICS+ ten os medios para influír na evolución dos intercambios de enerxía, materias primas e metais críticos no mundo, cun eixo de traballo sen dúbida importante como é a procura do fin da hexemonía do dólar.

Desdolarización

A idea dunha moeda común BRICS segue sendo claramente unha ferramenta de comunicación máis que un proxecto, e as súas posibilidades de converterse nunha realidade son nulas. Ainda así, a busca de métodos de financiamento alternativos ao dólar é unha preocupación que está na axenda dende a fundación do grupo.

Queda moito camiño por andar. Un estudo do ING Bank sobre os dez membros actuais dos BRICS mostra que os activos ou as débedas dos BRICS en moedas alternativas están aumentando, pero sen destronar o dólar. A desdolarización dos mercados de enerxía ou de materias primas agrícolas aínda está nunha fase preliminar.

Igualmente, é constatable unha progresiva erosión da participación do dólar nas reservas de divisas de todos os bancos centrais do mundo, que pasou do 71% en 2000 ao 58% en 2024. Outras moedas como o euro, ien e libra esterlina mantiveron unha participación estable ao redor do 30% e entre as moedas “alternativas”, o yuan segue loitando cunha participación limitada ao 2,1% a finais de xuño de 2024.

A desdolarización das relacións dos BRICS segue sendo en xeral un obxectivo a longo prazo e vai depender do ascenso internacional de moedas alternativas, moi especialmente do éxito da internacionalización do yuan. Non obstante, o período recente, marcado pola debilidade da moeda chinesa fronte ao dólar e por un endurecemento dos controis de cambio chineses para evitar unha posible fuga de capitais, non é un período próspero para a internacionalización do yuan.