George W. Bush cumpriu cen días na Casa Branca. O truculento reconto electoral e a ameaza de recesión non agoiraban un doado inicio de mandato. Sen embargo a sociedade norteamericana semella terse esquecido das sospeitas que provocou a súa agoniante victoria e Bush conta coa aceptación do 62% da poboación (segundo as enquisas). Sen dúbida nesta alta valoración do presidente inflúe a aceptación da súa política exterior caracterizada pola defensa sen concesións dos intereses norteamericanos. A ninguén debe sorprender a súa política conservadora na orde interna, máis a todos deben preocupar as decisións unilaterais na orde internacional ou medio ambiental.
As cuestións exteriores están en mans do Pentágono. Lembremos que os pesos pesados do goberno Bush son dous ex xefes da casa con forma de polígono: o vicepresidente Cheney e o Secretario de Estado Colin Powell así como o actual Secretario de Defensa, Donald Rumsfeld. Os intereses militares-industriais semellan inspirar a política exterior do novo goberno da potencia e mesmo as orientacións tendentes a evitar a recesión.
Lembremos estes 100 días: bombardeo de Iraq, expulsión dos espías rusos, pulso con China, confirmación do proxecto do escudo antimísiles, desprezo do tratado de Kioto, explotacións petrolíferas en Alasca, abandono do proceso de paz en Oriente Medio, presións sobre a UE para baixar os tipos de interese, Si a política exterior de Clinton semellaba estar inspirada no amigo americano a de Bush vai mais na liña tradicional de combinar a diplomacia do big stick coa do dólar.
O apoio social estaría baseado, máis que na simpatía do inquilino da Casa Branca, na sintonía entre a súa política exterior e sentimentos arraigados entre os cidadáns norteamericanos: desconfianza respecto das institucións internacionais; medo a calquera limitación da soberanía absoluta dos EEUU; o dólar como divisa da política exterior e gastar pouco en cuestións exteriores que non poñan en perigo os intereses nacionais.
Bush arrincou o seu mandato cun bombardeo sobre Bagdad do que non coñeceron os seus aliados, agás os británicos. A mensaxe era clara Hussein agóchate que imos por ti sen perder o tempo en consultas inútiles.
A crise do avión espía capturado por China foi resolta con acerto por Bush, cara o interior (os 24 tripulantes regresaron ben e mesmo como heroes), máis desbaratou gran parte das amigables relacións que se ergueran durante o mandato anterior. As tensións orixinadas durante os 11 días da crise chegaron ao punto máximo cando Bush asegurou que interviría en defensa de Taiwan se esta era atacada por Pequín. A mesma imprudencia cometeu ao declarar que con Corea do Norte non tiña nada que falar acerca do control de mísiles deixando ao descuberto ao presidente surcoreano partidario do dialogo co Norte.
Na cuestión do Oriente Próximo tamén se votou man da solución simple para un problema complexo. O fracaso do proceso de paz, que o seu antecesor tentou unha e outra vez de salvar, non ven máis que a confirmar, para a nova administración de Washington, que cando un problema non ten solución deixa de ser un problema polo que o que cumpre facer é garantir a seguridade de Israel e evitar unha nova intifada.
Esta forma de conducir os conflictos internacionais teñen recruado unha sensación da guerra fría, que non se sentiu durante a última década, e mesmo de nova carreira de armamentos, como se puxo de manifesto na insistencia en construír o sistema de defensa antimísiles (NMD) aínda que poña en perigo os tratados coa antiga URSS, provoque a desconfianza na UE e o enfado en Moscova. Quen manda manda; á UE só lle resta admitir como inevitable o NMD e a Putin negociar o mellor posible.