200604 joseph biden

Os dilemas de Bush

 Joseph Biden, clic para aumentar
Joseph Biden, próximo presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado, declaraba a pasada semana a súa oposición absoluta ao envío de máis tropas á zona.
 

A Casa Branca debe dar a coñecer neste mes a súa estratexia para Iraq. A primeira vista, a disxuntiva sitúase en termos de retirada ou non das tropas. O informe do Grupo de Investigación sobre Iraq recomendou a saída progresiva, pero non está claro que Bush opte por ela de boas a primeiras. Robert Gates, o novo secretario de Defensa, asinou xa ordes de envío duns 3.500 soldados a Kuwait, un indicio do contrario. Iso a pesar de que, como se salientou nestes días, o número de estadounidenses falecidos nesta guerra supera xa as vítimas do 11S e de que numerosas voces reclaman a retirada inmediata. Joseph Biden, próximo presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado, declaraba a pasada semana a súa oposición absoluta ao envío de máis tropas á zona.

A estratexia que poida adoptar Bush debe garantir que Bagdad sexa quen de facerse co control da situación polos seus propios medios, reducindo a violencia e encamiñando a senda da normalización sen apartarse, obviamente, da debida fidelidade á Casa Branca, premisa prioritaria en todo caso. Pero lealdade a Washington e pacificación semellan estar en permanente contradición. A experiencia de Afganistán é moi negativa neste sentido. O actual goberno de Bagdad é incapaz de garantir a estabilidade e numerosos sectores da súa sociedade "e da internacional" o consideran un simple testaferro de Washington. Unha retirada sería recibida pola oposición como un trunfo, abrindo as portas ao asalto ao poder á mínima oportunidade que se presente. Ese é o principal temor da Casa Branca, pois non só perdería a guerra senón tamén a paz. Pero permanecer nas actuais condicións e mesmo optar polo incremento da presenza militar ailla socialmente ao goberno de Maliki e favorece o incremento da violencia.

Así as cousas, decida o que decida Bush, non dispón de boas opcións para mudar o actual rumbo dos acontecementos. Nin dando cumprimento á pena de morte contra Saddam, nin ampliando ou reducindo a presenza de tropas, logrará Washington recuperar o optimismo respecto á estabilidade da situación. No veciño Irán, mentres, contemplan as crecentes dificultades de Bush como unha excelente ocasión para acceder á tecnoloxía nuclear e incrementar a súa infuenza en toda a rexión. Ambos obxectivos semellan estar máis preto cada día. E Bush máis lonxe da vitoria que tanto se precipitou en proclamar.