20090117 tel aviv ehud barak

Os dilemas de Israel

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ehud Barak; clic para aumentar
O ministro de Defensa, Ehud Barak, non dubidou en "subirse ao carro" da carreira electoral, utilizando o argumento da seguridade nacional contra a hipotética ameaza de Hamas como evidente arma electoral.
 

Custa entender a Israel cando se observa a total impunidade da súa política en Oriente Próximo, especificamente no caso palestino. Tras seis décadas de existencia, Israel afronta igualmente un complexo futuro, enmarcado nos dilemas propios dun país constantemente azoutado polas súas controvertidas bases de lexitimidade.

O Estado creado en 1948 catalizaba unha mestura de identidade laica, afondada polo sionismo, con bases de lexitimidade relixiosa, manifestada no xudaísmo. O interminable drama palestino trala creación do Estado israelí e as constantes guerras cos seus veciños árabes afincaron a súa identidade nacional, así como o seu carácter de aliado estratéxico occidental.

Non obstante, o Israel de 2009 corresponde a un Estado abafado pola inseguridade da súa existencia, esencialmente explicada pola súa incapacidade política para lexitimarse no contexto rexional e global. A "unidade nacional israelí" é un elemento que só se nutre internamente ante o conflito permanente cos palestinos e, eventualmente, cos países árabes que non lle recoñecen. Sen perspectivas nin vontade reais para abordar un xusto e igualitario proceso de paz cos palestinos, Israel mergúllase nun mosaico interno que, en calquera momento, activaría unha inesperada polvoreira.

Unha leve aproximación ao escenario político israelí da conta dunha incomprensible atomización de partidos, movementos e liderados políticos que afondan esa sensación nacional de inseguridade. Paralelamente, a clase política israelí ven manifestando un nivel de mediocridade plasmada non só na súa miopía política para alcanzar gobernos duradeiros senón nunha inacabable lista de casos de corrupción de todo tipo, que levaron a diversos presidentes e primeiros ministros a ser acusados de intentos de violación sexual, tráfico de influencias, vergonzosas apostas financeiras pre-bélicas (antes da guerra no Líbano en 2006) e enriquecemento ilícito.

Ata qué punto a degradación moral da política israelí levou a activar unha incomprensible invasión militar e posterior masacre da poboación civil en Gaza, revestida con claros obxectivos electorais, será un elemento a sopesar nos comicios lexislativos en Israel en febreiro próximo. Nunca antes unha personalidade política como a ministra de Exteriores Tzipi Livni erixiuse como protagonista central tanto da invasión militar como da activación dunha tregua unilateral, concertada en Washington a escasas horas de asumir o novo presidente Barack Obama.

Pero non só Livni xogaba as súas cartas políticas e electorais na agresión a Gaza. O ministro de Defensa, Ehud Barak, non dubidou en "subirse ao carro" da carreira electoral, utilizando o argumento da seguridade nacional contra a hipotética ameaza de Hamas como evidente arma electoral. Isto sen esquecer os obxectivos do líder da oposición Benjamín Netanyahu, abandeirado do dereitista partido Likud, con reais opcións de vitoria electoral.

Se o escenario político resulta inquietante en Israel, non menos preocupante resulta a desconexión social do seu mosaico étnico e relixioso. As institucións estatais israelís resultan incapaces para cohesionar socialmente un Estado con controvertidas bases de lexitimidade. Igual perspectiva resulta do panorama económico, baza esencial do orgullo industrial israelí. Un estudo global da ONU de 2007 advertía da existencia dunha pobreza xeral próxima ao 40% da poboación.

A agresión de Gaza só afondará os dilemas e as inseguridades de Israel como Estado, atomizado e dependente cada vez mais da súa alianza política e militar con Washington. Esta realidade espertará unha xeración de odio entre os palestinos, reactivando unha cíclica dinámica bélica que, indirectamente, favorecería os intereses de Israel.

Pero a pesar do seu poderío militar, a débil lexitimidade social e política de Israel cos seus veciños en Oriente Próximo aumenta os dilemas dun Estado inseguro de si mesmo. As ameazas reais de Israel non son Hamas, Hizbulah, Irán ou Siria senón os seus dilemas internos, ampliados no contexto rexional na súa incapacidade para lexitimarse como Estado e como sociedade.