200509katrina nova orleans luisiana

Os enigmas de Katrina

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Katrina e o grave impacto social, económico e ambiental producido nos estados sureños de Louisiana, Alabama e Missouri, está a provocar un severo custe político para o presidente George W. Bush e tamén unha dura lección para a sociedade estadounidense. Nova Orleans é o símbolo máis palpable desta situación. Antano un dos emblemáticos centros industriais que apuntalaron a fortaleza económica estadounidense, hoxe está convertido nun exemplo de caos social e ausencia do papel do Estado. (Foto: Membros dos guardacostas e o Exército marcan as casas valeiras con pintura en Nova Orleans, Luisiana, onde a poboación se enfrenta a unha evacuación obligatoria despois de que se considerase que a cidade é inhabitábel).
 

¿Qué consecuencias traerá o paso do furacán Katrina para o presidente George W. Bush e a sociedade estadounidense? A pregunta suscita interrogantes inmediatos, tendo en conta que 2005 non é ano electoral e que Bush apenas hai un ano da súa reelección. Pero a crise actual, aínda que as súas consecuencias políticas semellan incertas, revela incógnitas a medio prazo e abre unha grave fenda dentro do modelo de desenvolvemento estadounidense.

Na psique colectiva, o paso do furacán Katrina garda similitude coa crise post 11-S no que atinxe á vulnerabilidade nacional, mais non na reacción social. Se no 11-S a sociedade norteamericana amosou un apoio unificado que lexitimou o liderazgo de Bush, a crise do Katrina amosa un panorama polarizado e crispado cara a actuación presidencial. Neste sentido, Iraq ten moito que ver no asunto aínda que non constitúe a clave do problema.

O caos en Bagdad e Nova Orleans reflicte directamente o baixo nivel de aceptación da xestión gobernamental. Os deslizamentos na popularidade de Bush no mes de agosto, produto do enredo iraquí, sitúano no 53% de rexeitamento social, o índice máis baixo dende a súa chegada á presidencia en 2001. As súas vacacións en Crawford mobilizaron unha activa presencia de familiares das víctimas de Iraq fronte ao seu rancho texano, protestando pola súa política de posguerra e pedindo, infrutuosamente, a súa comparecencia pública para afrontar responsabilidades.

No caso do desastre natural no sur estadounidense, a protesta social afondouse polo recorte nun 80% do orzamento estatal destinado á reparación dos diques de Nova Orleans, dentro do programa Southeast Louisiana Urban Flood Control Project aprobado en 1995. Estes fondos foron utilizados por Bush no gasto militar da guerra e posguerra iraquís, ampliado co envío ao país árabe dun 40% da Garda Nacional proveñente deses estados. Esta ausencia foi significativa ante a desorde nas rúas de Nova Orleans, afondando a sensación de desprotección civil.

É por isto que o Katrina e o grave impacto social, económico e ambiental producido nos estados sureños de Louisiana, Alabama e Missouri, está a provocar un severo custe político para o presidente George W. Bush e tamén unha dura lección para a sociedade estadounidense. Nova Orleans é o símbolo máis palpable desta situación. Antano un dos emblemáticos centros industriais que apuntalaron a fortaleza económica estadounidense, hoxe está convertido nun exemplo de caos social e ausencia do papel do Estado.

Do mesmo xeito, a falta de credibilidade e arrogancia unilateral amosada por Bush en Iraq tivo a súa ampliación na inicial indiferencia, improvisación, lentitude e inconsciencia oficial ante a traxedia de Nova Orleans. Tamén cabe advertir un sesgo político claro: neses estados sureños goberna o Partido Republicano, polo que nos cálculos presidenciais o apoio político e social ante a traxedia semellaba garantido. Neste sentido, a lentitude na actuación de Bush en Mississipi, Alabama e Louisiana foi totalmente diferente á rapidez (suspensión de vacacións incluso) da súa actuación antes as torrenciais choivas do ano pasado en Florida, onde goberna o seu irmán Jeb.

Agora, Bush no só recoñeceu a súa incapacidade para afrontar o problema senón tamén a do sistema estadounidense á hora de coordinar continxencias de gran magnitude, tomando en conta que a atención do actual goberno orientase aos problemas internacionais. De enfatizar a súa posición unilateral en política internacional, Bush debeu recoñecer a necesidade de pedir axuda e cooperación á Unión Europea e a OTAN. Incluso, líderes incómodos para Washington como Fidel Castro e Hugo Chávez ofreceron o envío de persoal sanitario a un país onde a sanidade pública semella inexistente. Resulta significativo este paso, nunha conxuntura onde as relacións da Casa Branca con Cuba e Venezuela pasan polos seus mais baixos niveis.

Katrina e Nova Orleans revelan tamén graves herdanzas do pasado estadounidense. Os tópicos racistas e clasistas manifestan a intrínseca desigualdade dun modelo golpeado pola crise. A principal poboación afectada foi a de raza negra, cunha condición social marxinal e pobre, desasistida pola carencia da cobertura estatal en seguridade e sanidade. A pesar de que o aumento dos delitos e violacións requirían unha rápida e contundente acción estatal, a represión das forzas de seguridade enviadas a Nova Orleans centráronse mais na poboación negra.

Membros influíntes da comunidade afro-americana, así como o alcalde de Nova Orleans, responsabilizaron a Bush e as autoridades do caos e acusárono de afrontar a problemática baixo prexuízos "racistas" e "excluíntes". As dúas terceiras partes dos habitantes e a maioría das 150.000 persoas damnificadas en Nova Orleans son de raza negra e socialmente pobres. Nestes estados sureños rexistrase a media de ingresos mais baixa do país (40.773 dólares) e atópanse entre os mais pobres, desiguais e desasistidos da Unión nun país que rexistrou un aumento da pobreza en mais dun millón de persoas desde o 2004.

O impacto económico de Katrina semella ser, con case toda seguridade, aínda maior e mais preocupante que o custe político. O porto de Nova Orleans sobre o río Mississipi é o eixe xeoeconómico estratéxico, xa que constitúe o mais grande do país e o quinto a nivel mundial. O 15% da demanda enerxética estadounidense entra por este estado, así como a produción de cereais. A cercanía co Golfo de México (onde se ubica o maior complexo petroleiro estadounidense) e os danos nas refinerías petroleiras, provocou que os prezos do crú achegaranse aos 70 dólares o barril. O peche do porto e de nove refinerías, produto do paso do furacán, afecta ao devir económico do país e imprime unha sensación de emerxencia nacional.

Á crise humanitaria actual debe engadirse o impacto ambiental: a rexión de Nova Orleans é un foco de desenvolvemento industrial plagado de contaminantes químicos e biolóxicos esparcidos polo paso de Katrina. Neste sentido, a negativa de Bush a aprobar o Protocolo de Kyoto volverá a colocar o tema ecolóxico e ambiental no debate político. Do mesmo xeito, a proliferación de enfermidades tamén afondaría a crise sanitaria.

En toda a crise evidenciase a sensación de fractura no modelo socio-económico estadounidense, afondado pola polarización e a falta de consenso que provoca a política de Bush. ¿Está EEUU ás portas dunha etapa crítica, similar á do "crack" bursátil de 1929? ¿Será a hora dun novo New Deal, similar ao implementado por Franklin Delano Roosevelt nos anos trinta? Estas interrogantes e o balance da xestión de Bush navegan polas turbulentas augas que teñen anegada a Nova Orleans.