Esperanzas falidas
Non foi 2000 o ano en que se cumplira a esperanza de millóns de europeos e dos habitantes doutros continentes de se ver liberados do Dart Vader que lles parecía George W. Bush na presidencia dos EEUU.
Neses millóns van varios millóns de estadounidenses que podían ter conseguido ese fin e non o conseguiron por moi pouco, e algúns máis que, non sendo estadounidenses, pensan que debían ter direito a votar para escoller o gobernante máis importante, ou máis poderoso, do mundo. Esta é unha crenza moi discutíbel pero moi espallada, sobre todo entre os habitantes da Unión Europea. No fondo, ven sendo un recoñecemento de sumisión, unha escura aspiración a controlar a forza, aspiración moi desexábel cando se exercita nese marco non esgotado que para moitos é aínda a nación. O paradoxo ven cando o direito a votar exercítase cada vez menos neses países críticos, que tampouco aceptarían, seguramente, que votasen neles os estadounidenses. Por outra banda, non parece xusto acudir a ese recurso tan pouco democrático do mal perdedor que lle bota a culpa á estupidez dos votantes maioritarios. Non sobrou sotileza nas análises dos resultados, con sobrevaloración do voto "evanxélico", que, moi importante sen dúbida. non representou maior proporción que en eleccións anteriores. Fiando máis fino, a realidade é máis complexa e non por iso menos preocupante.
E de que é preocupante non cabe duda. Alén desa inxenua e mal informada aspiración a que os estadounidenses voten como outros pensan que deben votar, hai algo moito máis sério e respeitabel, que son as consecuencias desa elección para o porvir de mundo, que vai vencellado á configuración do panorama "de próposito non lle chamamos sistema" internacional. Aí entramos no terreo da realidade, onde pouco contan as esperanzas, a non ser como reveladoras de aspiracións non expresadas doutro xeito.
A aparición dun momento unipolar no conxunto de forzas con influencia militar, ideolóxica e cultural nos termos más amplos, criou inquedanza.
Dende a Ilustración polo menos, e quen sabe se desde os imperios da antigüedade, temos a nostalxia dun paraíso perdido de paz entre as nacións. "Pax" có adxectivo do imperio ou "paz perpetua" dun governo mundial razoavel e ilustrado como o que deseñou Kant un día en que deixou descansar o rigor das Críticas. E ás veces preferimos pensar que, se a historia bruta nos deparou un imperio "sui generis" asentado no norte do novo mundo, outra historia máis suave deunos talvez o xerme da outra solución na Organización das Nacións Unidas. Só que ésta xurdiu tamén dun choque de forzas e asentou na forza de cinco potencias. E despois, parece ser que temos no mundo vello unha reserva de razón chamada a correxir solucións tan imperfectas. Por saber o que sabemos ainda que non poidamos tanto como quixéramos. "Si jeunesse savait, si vielleisse pouvaitâ¦".
Parece, logo, que, mentras non chegue a utopía e aínda conte a forza, haberá que opoñerlle a ese único e desenfrentado extremo polar, outro ou outros que o equilibren. A idea da balanza de poder non é nova nen moito menos nas relacións internacionais.
Postos nesta situación, vese a importancia de tentar de entender o que supoñen esas eleccións do outono de 2004, que prorrogan por catro anos a ocupación da Casa Branca por George W. Bush, para as relacións có resto do mundo, e concretamente agora para as relacións có principal aspirante a ser o outro extremo do eixo que nos daría un mundo bipolar, é dicer, coa Unión Europea.
Do lado de aló
Un Presidente reelixido e a equipe de governo que forme, con algúns retoques, pouco van mudar a política exterior dos Estados Unidos. Nada lle fixo obligar a retificala, e foi unha desas poucas veces en que o tema exterior foi centro do combate eleitoral. Verdadeiramente, non cabe moita posibilidade de novas orientacións, chegados á altura dos acontecimentos desencadeados pola fatal decisión de ocupar o Iraque. Criou o Presidente con esa decisión unha situación imposíbel de resolver sen grave dano. As posibilidades que como alternativa lle deixou ao seu contricante víase que non ían ser aptas para convencer á maioría dos cidadáns dun país en guerra. Hai que decir que revela unha boa vontade notabel dos estadounidenses que o candidato perdedor conseguise case tantos votos como o Comandante en Xefe. É sempre arriscado, con todo, ir a unhas eleccións nesas circunstancias có apoio pouco menos que unánime da opinión extranxeira e maiormente europea, o que non podía menos que provocar a desconfianza dos nacionais. Son feitos que é doado esquecer cando se está da parte de fora.
A intervención no Iraque foi un desastre sen paliativos. Á parte dos aspectos humanitarios e culturais do conflicto desencadeado, que poden perxudicar a superioridade moral dos atacantes diante da opinión mundial, no terreo puramente estratéxico perderon os Estados Unidos a iniciativa, e a partir de agora non poden facer outra cousa que reaxir, nunha pendente fóra do seu control. Hai poucas situacións máis inadecuadas que a do Iraque para unha operación como a iniciada en marzo de 2003 e prevista desde moito antes. Parece mentira que esa longa preparación a fixeran persoas que, por moi ideoloxizadas que estivesen, tiñan á súa disposición elementos máis do que suficientes para entender o tecido enredado de etnias, relixións e aspiración políticas ben definidas existentes na vella Mesopotamia e que tantos problemas lle dera ao Imperio Británico na primeira mitade do século que ven de rematar.
É interesante, pois, ao atender á composición da nova equipe de Bush, ver cál será a sorte deses planificadores ideolóxicos, que son os neoconservadores. Contra todo o que poidera parecer lóxico, non se albisca que vaian sofrer castigo. Non se ve a necesidade nen a convenencia de recoñecer erros na orixen. A maioría dos "neocons" non estaban no gabinete. Cheney e Rumsfeld executan certamente as liñas de pensamento dos "neocons", pero non son orixinadores de pensamento. Paul Wolfowitz é o máis prominente dos intelectuais de tónica straussiana no poder. A sorte que corra pode darnos indicios do futuro desa corrente. A partida de Colin Powell ten máis de abandono de esperanzas que doutra cousa, e o Presidente non pensa, evidentemente, que teña que retelo para compracer a ninguén que lle importe. A sucesora no Departamento de Estado, Condoleeza Rice, disque é menos dogmática do que os neoconservadores. Non ven desa xinea senón que, polo contrario, teorizou forte na campaña eleitoral de 2000 polo que entón era principio básico do republicanismo: o non intervir sen extrema necesidade noutros países, e absterse de intentar "contrucción de país" en parte ningunha; iso presentábase entón como cousas de Clinton.
Pouco poderá inferirse das mudanzas da composición do gabinete e dos orgaos máis relacionados coa actuación no exterior. A CIA pagou talvez máis caro do que debía as culpas do 11 de setembro, pero estaba e seguirá estando aflita por dificultades propias e por outras que sofre hoxe todo o mundo da intelligence, ultratecnificado e pouco áxil para predecir o que sai das canles esperadas.
En cuestións de guerra e paz non parece, pois, que vaia mudar moito a política de Washington. Nen intensificar a dureza por ter maior apoio eleitoral, nin ablandala, porque non pode facer iso. As posibilidades tácticas están moi reducidas, e nese senso a situación veulle dar a razón a Colin Powell (e á Rice doutrora). Non semella haber escapatoria ao aumento das forzas, cada vez máis difícil polo descontento das reservas e a necesidade de manter a credibilidade de operacións noutros escearios. O Iraque pode vir ser unha ratoeira máis fatal que a de Vietnam, e nen Bush pode sair dela sen dano nen Kerry podería terlle escapado nesa altura dos acontecimentos.
Non é só a situación sobre o terreo no Iraque o que reduce a iniciativa da superpotencia militar, senón tamén o feito de que a absorción nesa guerra deixou sen norte a outra que Bush anunciara, a dirixida contra o terrorismo. Fóra das medidas defensivas e represivas de carácter policial e preocupantes para o mantimento de direitos esenciais nunha sociedade democrática, vese cada vez con maior craridade a ausencia dunha estratexia nese terreo. Cecáis porque non pode habela, ou é moi difícil ou imposible pensala en termos de estados maiores criados e educados para combates moi diferentes. O caso é que non se ve aparecer por ningures e que, desde ese ponto de vista, é pouco o nada o que se pode presentar como victórias. Nen sequer en termos de captura dos xefes máis nomeados, nen en disminución do número de ataques.
Tampouco se ve posibilidade de iniciativas no terreo máis amplo das relacións internacionais. Tamén aquí o conflicto no Iraque fai de atranco insuperábel. Así é para Bush e así tería sido para Kerry. Pensemos no que éste podería ter feito, coas millores intencións multilateralistas, aparte de pedir axuda aos aliados occidentais paraâ¦reducir a resistencia iraquí. Por baixo da clamorosa sorpresa ante os resultados de novembro, deben terseido suspiros de alivio nas chancelerías dos dous lados do Rín.
As relacións coa Unión Europea serán as que teñan que ser. Como terían sido coa victoria dos demócratas. A situación obxetiva ten forza de máis para verse influida por "talantes". Mentras non se resolva, do xeito "menos malo" posibel, a situación no Iraque, durará a parálise no resto dos conflictos. Pensar que vai ser ao contrário, ou sexa que viría en primeiro lugar resolver outros conflitos, e sinaladamente o palestino-israelí, non semella moi productivo. Nestas cousas é doado confundir a solución dos conflictos na realidade coa tranquilización das concencias dos observadores e opinantes.
Se no ano que ven, con eleccións adiadas ou na data prevista, non seguen as tropas estadounidenses no Iraque, terán que ir outras para defrontar unha guerra civil ou cousa moi semellante. Aí haberá terreo para moita cooperación internacional, e os EEUU non se recusarán, con certeza, a ver soldados europeos, con cascos azuis ou de outra cor, carregando coa tarefa de non ter un vespeiro no meio do Oriente Próximo.
Non convén prantexar o problema da politica internacional dos EEUU só en termos de dedicación ao unilateralismo ou ao multilateralismo. Eses termos sirven como referencia, sen dúbida, pero encobren a complexidade e a realidade dos problemas. Hai, por exemplo, unha cuestión na que se está aplicando un enfoque multilateral que se mantivo en 2004 e seguirá, moi probablemente có novo governo. É a da Corea do Norte, onde negocian seis partes. Convén atender a ese modelo, que pode ter futuro. Como tamén o desenvolvemento dos tratados comerciais multilaterais e bilaterais, onde a hexemonía se disfarza ou se tempera de contractualismo.
Fóra do militar, o terreo de cooperación máis polémico é o da protección do medio ambiente e a asinatura do Protocolo de Kyoto. Non vai haber sinatura dos Estados Unidos, que dentro de moi pouco tampouco van ser os primeiros contaminadores, á vista da velocidade con que se están industrializando as grandes futuras potencias de Asia. O Protocolo ten moitas deficiencias técnicas e foi un amaño capitalista baseado no libre comercio do ár contaminado. Resulta algo sorprendente que sexan as socialdemocracias europeas as que tanto o defenden, e menos sorprendente que a Rusia de Putin estexa contentísima de poder utilizalo. Non lle faltan motivos ao governo estadounidense para actuar nisto tamén conforme ao seu interés nacional. É certo, por outra banda, que non se amosou disposto o governo de Bush antes das eleccións a adoptar outras medidas medioambientais no eido nacional que non teñen que ver có acordado en Kyoto e que semellan necesarias e racionais. Aí sí que talvez tería sido diferente a política das demócratas, e ese é un aspecto no que Bush encontra resistencia incluso nalgúns sectores republicanos, como a que expresou o Senador McCain na súa derradeira semana de presidencia do Comité do Senado á que competen estas cuestións.
Os enfrentamentos comerciais seguirán existindo, como é natural entre economías desas dimensións, e xa teñen canle establecido na Organización Mundial do Comercio.
En definitiva, que semella que pouco vai mudar, como non sexa algún xesto pouco costoso, na posición dos Estados Unidos nas súas relacións coa Unión Europea.
Do lado de acó
A Unión Europea asumiu e acentuou no ano que agora remata o papel de conciencia do mundo, nun nivel de superioridade moral. Tiña razóns desde ese ponto de vista para tentar impedir a ocupación do Iraque, aínda que non lle faltasen tampouco motivacións interesadas, ben manifestas no caso de Francia. Mantivo a actitude, deixando que os acontecimentos lle desen a razón, e niso déronlla. Oficialmente, parécelle inconcebível que non perdera Bush as eleicións. No pormenor das negociacións reais, a vida continúa, máis ou menos coma sempre. Algunhas decisións incómodas poden ser adiadas, como as de acompañar unha política exterior demócrata con tan poucas posibilidades de variación como sería a de Kerry, e sen a defesa moral que agora como antes de novembro lles proporciona aos europeos o estar tratando cun governo prepotente e arrogante.
É feito recoñecido que a UE non está no seu millor momento. Houbo nalgún intre un ponto de inflexión no que a soada táctica monnetiana de criar infraestructuras e confiar en que éstas demandarían as congruas superestructuras foi sustituida por unha carreira de adiantarse aos feitos e facer tellados á espreita de que as casas e as habitacións se vaian colocando debaixo. Esa escolla do prematuro enxendrou a moeda única, agora en risco polas exixencias de reforma do pacto de estabilidade, e o proxecto de Constitución, agora en risco de ser rexeitada nalgún dos referendums do ano que ven.
A ampliación está impondo desequilibrios políticos e económicos, e a posibilidade dunha futura Europa con Turquía pero sen Rusia desmiuza o acompañamento histórico-cultural do cántico europeo e destapa a súa falta de fundamento intelectual.
A ventaxa dos prantexamentos estadounidenses sobre os da Unión Europea aséntase, ainda que non se queira ver, no nacionalismo. Una federación, os EEUU, actúa no mundo con firmeza canto a seus intereses nacionais e sustentada nunha grande identificación dos cidadáns con eses intereses. A pesares da ideoloxía de Bruxelas, no resto do mundo eses sentimentos de identidade seguen estando nas nacións. Hai fondas fallas no proceso da unidade europea e non vai ser doado evitalas sen perder o máis valioso de Europa, que é a diversidade. O discurso dos "valores europeos" non é abondo para xustificar as perdas de soberanía, e menos aínda para satisfacer ás nacións que aínda non teñen soberanía que perder.
Sen afondar máis na crítica das fraquezas da Europa federalizante e os seus perigos para a Europa auténtica, pódense analizar as perspectivas de futuro da relación entre os Estados Unidos e a Unión Europea, deixando entendido que en moitos casos vaise tratar de relación entre os EEUU e os distintos países da Europa xeográfica.
Pouca ou ningunha mudanza da política a ese respeito vai haber da parte dos Estados Unidos. Da parte de Europa, e no máis urxente e inmediato, que semella ser a situación no Oriente Próxino, parecen moi limitadas as iniciativas que poderán adoptar os países europeos.
Mais unha vez o conflito no Iraque constrinxe e determina as iniciativas diplomáticas inmediatas. Os países eropeus concéntrase na urxencia de atopar saída ao conflicto de Palestina. O razonamento de que iso é atacar o problema na súa raíz ou causa, é un razonamento discutíbel en lóxica, é inviábel na política e na realidade. A orde é a inversa. Custa ver cómo unha "solución" dese problema, para a que son indispensabeis concesións de Israel que os Estados Unidos non lle van impor mentras siga a violenta inestabilidade do Iraque, pode influir nesta.
Valerán as iniciativas, as conversas e incluso as conferencias para ir mantendo aceso o lume da diplomacia e preparando o terreo para un tempo máis propicio, que chegará porque sempre chega.
Cabe supor que continuarán tamén as negociacións por separado da Europa có Irán. O factor paralizador da crise iraquiana xoga aquí un papel diferente e algo menos presionante para os europeos. Forza a abandonar ou polo menos adiar unha intervención militar no Irán. Ábrese así un terreo para a diplomacia europea. Pero todos saben que á última hora haberá que contar cós EEUU. Como no caso de Palestina, pero con maiores posibilidades de xogo, hai un taboleiro no que Europa pode xogar có réxime dos ayatollahs.
En xeral, poderíase esperar que as realidades da vida internacional se impoñan ás interquenencias de ideoloxías e estilos e á necesidade de ostentar superioridade moral. Viuse xa no ano que remata e seguramente seguirá véndose no próximo tamén un maior xogo diplomático dentro da Comunidade Europea, e cós seus veciños. Isto, que impacienta aos federalistas ferreños, que val tanto como dicir centralizadores, é tranquilizador para os que non perderon a fe nos nacionalismos "en todos os nacionalismos" como referencia racional e emocional na que asentar a solución dialogada dos problemas internacionais. Unha intensa cooperación intraeuropea pódese realizar sen o aparello regulamentista da UE. E semella que as pretensións máis utópicas van acougando. A aspiración de Alemania a un posto do Consello de Seguridade, por exemplo, abre perspectivas diferentes e non sempre negativas, para unha diplomacia máis realista.
Non é moi útil, a non ser para análises moi superficiais, prantexar nas relación entre os EEUU e Europa un dilema entre que a Europa sexa aliado ou contrapeso dos EEUU. Pódese ser unha cosa e a outra segundo os casos, e ser aliado non exclúe contrapesar. Nen viceversa.
En todo este debate prescíndese moitas veces do resto do mundo, e hai que ter en conta eses outros lados.
Dos outros lados
Rematada a Guerra Fría comezouse a falar dun mundo unipolar. O que era un feito, pero condeado a breve duración, e despóis dun mundo bipolar ou multipolar, como aspiración máis tranquilizadora. Nas análises das relacións entre os EEUU e a UE téndese tal vez máis do debido a pensar que Europa é o único polo que pode servir de contrapeso ao poder hexemónico do outro lado do Atlántico. A rapidez con que a China, en primeiro lugar, e a India a seguir, van gañando peso no panorama internacional, obriga a correxir esa perspectiva.
É curioso que o Extremo Oriente pareza coto vedado para os neoconservadores. Talvez polo predominio do petróleo e Israel nas súas preocupacións. Pero a reelección de Bush foi bastante celebrada por Hu Jintao, que expresou grandes esperanzas nas futuras relacións bilaterais entre eles. Xa nos referimos ás negociacións "a seis" sobre Corea do Norte, ben diferentes do enfoque do problema do Irán, por exemplo.
O que comprer salientar da situación de Asia é que vai incidir seguido nas relacións entre os Estados Unidos e Europa. Vaino facer tamén, por outras vías, e como suxeito máis pasivo que activo, o continente africano. E, nunha relación máis próxima cós conflitos de ton "islámico", o subontinente indio e, sobre todo, Indonesia.
Todo isto reforza a necesidade da diplomacia, na que é moi posíbel que haxa máis coincidencias que discrepancias entre os aliados "occidentais".
A situación actual das relación entre as potencias das dúas marxes do Atlántico lévanos á conclusión de que para correxir hexemonías hai que voltar, polo de agora e a falta de millor remedio, ao equilibrio de potencias, e ese seu instrumento que é a diplomacia.