Por mor da demanda interposta pola transnacional farmacéutica Novartis contra a Lei de Patentes da India fixen unha pesquisa polas webs dalgunhas destas macroempresas, que focalizan coma ningunha outra a carraxe dos defensores da xustiza global. As referencias aos seus supostos proxectos de axuda e acceso a menciñas nos países en desenvolvemento "PED" ocupan espazos prioritarios.
Evidentemente isto non é exclusivo do sector. Acontece tamén nas transnacionais da roupa, petroleiras, bancos, químicas, alimentos⦠Todas empregan poderosos mecanismos de propaganda e inxentes orzamentos para contrarrestar as acusacións sobre todo tipo de abusos ciscadas por innumerábeis movementos sociais e ONG, algunhas moi influentes nesa opinión pública que disque pronto será, logo dos Estados Unidos, a segunda potencia mundial.
Porén, lendo O libro negro das marcas, estremecedor documento de Werner e Weiss, un ben pode comprobar que o peso das farmacéuticas na tétrica arte empresarial dos excesos contra os desfavorecidos é abraiante. As acusacións: atrancos á fabricación e comercialización de menciñas básicas nos PED, análises clínicas non éticas, suborno de médicos, fraudes fiscais, expolio de recursos naturais, comercialización de menciñas ineficaces, etc.
O caso Novartis é extremadamente perigoso. Cunha menciña irrelevante como escusa pretende frear ao meirande produtor mundial de xenéricos de baixo custe, das que o 67% van parar a PED. Malia que a India está na OMC, e polo tanto baixo a lei de 20 anos para as patentes, a súa política é a de non conceder ningunha destas inhumanas exclusivas se non se trata dunha innovación clara. Por riba, é dos poucos países con capacidade para producir bos xenéricos a grande escala, polo que se Novartis gaña perigaría a vida de millóns de persoas. Anos de loita ao lixo.
Novartis xa encabezara en 2001, xunto a outras 38 farmacéuticas, unha demanda contra Suráfrica por violar o dereito de patentes. O "delito" era tratar aos doentes da Sida con menciñas baratas. A presión da sociedade civil, que puxo o prestixio das empresas contra as cordas, conseguiu axiña a retirada da demanda. Unha pequena vitoria "só válida para o país de Mandela" nun campo de batalla favorábel pola sensibilidade mundial coa enfermidade, pero vitoria ao cabo. Así que xa saben, miren ben os estoxos ao mercar na farmacia.