ARTIGO PUBLICADO ORIXINALMENTE NO IGADI ANNUAL REPORT 2023-2024 "ELECCIÓNS E GUERRAS PERFILANDO A MULTIPOLARIDADE"
IGADI Annual Report 2023-2024: Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade

Os extremistas xa son o establishment

Hai catro anos no IGADI Annual Report escribín sobre a crecente sombra da democracia iliberal en dez países e o perigo mundial do retroceso democrático, exacerbados pola Pandemia. Como prefacio ao presente análise de ambos temas en Estados Unidos, cito, con pequenos matices, as miñas palabras do ano 2020: «As normas e as institucións democráticas existen para salvarnos dos políticos, tanto de dereitas como de esquerdas, que agora máis que nunca xa non teñen medo de usurpalas abertamente, erosionando a democracia liberal…»
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave Eleccións Trump

«O [ex]presidente Trump é un populista que pasou por alto as normas tradicionais e as institucións estadounidenses. As súas amizades con homes fortes (Putin, Kim, Erdoğan) socavaron décadas da diplomacia estadounidense», e a reacción do Partido Republicano ao recente asasinato de Alexei Navalny e a súa reticencia no Congreso a continuar a abastecerlle armas a Ucraína só serven para subliñalo. Seguía, «pero o fenómeno trumpista non é o problema en si, senón un síntoma dos perigos dunha democracia descoidada. Trump é produto da debilidade do sistema partidario, da ambigüedade institucional e dun electorado farto do establishment». Catro anos despois, afondaría que o curtopracismo do Partido Republicano levoulle a pasar por alto as institucións democráticas e, en gran parte grazas ao discurso de Trump, os seus seguidores o permiten. Se Trump gaña as eleccións presidenciais do próximo mes de novembro, o resultado podería implicar a fin do partido republicano como o coñecemos desde polo menos cinco décadas. Peor que iso, poría en perigo todo o sistema político de EE.UU.

Un compoñente indubidable do trumpismo foi un nivel astronómico de «desvergoñismo» (se se me permite o neoloxismo). Desde a súa relación coa prensa rosa nos 80 e os 90, á promoción do seu reality show «The Apprentice» (2004-2014), Trump vendeuse como a persoa máis intelixente, seguro de si mesmo e orgullosamente avaro. Nada cambiou cando se lanzou á política. Mentres tanto, como reacción ao fenómeno Clinton nos 90, o Partido Republicano foi por esas liñas tamén, e culminou no seu momento, 2015, nunha grande avaricia institucional, liderado polo Senador por Kentucky, Mitch McConnell, cando os republicanos romperon co costume, cuxas raíces se atopan na Constitución, en rexeitar e aceptar o nomeamento por parte do entón Presidente Obama de Merrick Garland, un centrista político, ao Tribunal Supremo cando morreu o xuíz conservador Antonin Scalia. Un pouco máis de catro anos despois, ante a posibilidade de que Trump perdera a reelección, o mesmo McConnell forzou a aprobación doutra xuiza conservadora, Amy Coney-Barrett, cando morreu a famosa progresista Ruth Bader Ginsberg. Pero como as normas sociais nunca se aplicaron a Trump, o seu partido rexeita a aplicación das constitucionais, sen vergoña.

Durante case 250 anos de historia, o poder xurídico en EE.UU. mantívose por enriba da refrega política. Pero agora, grazas a varios escándalos que implican o suborno por parte de dous xuíces conservadores, Clarence Thomas e Samuel Alito, segundo as enquisas, o Tribunal Supremo sangra a súa lexitimidade ante a opinión pública. Para colmo, o xuíz Thomas rexeita recusarse de calquera caso que implique a Trump a pesar de que a esposa do xuíz apoiou abertamente a insurrección no Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. Trump non é o responsable da caída moral do Supremo pero non hai ninguén que máis creara as condicións actuais polas cales contémplase o terceiro poder do goberno federal. De feito, xa é así con todos os tres. Para arranxar ese desvío, en 2024 e en adiante, nun sistema que descoñece un partido terceiro efectivo, necesítase un Partido Republicano capaz de superar o seu curtopracismo e a súa obsesión co poder.

Para concluir, volvo citar as miñas palabras de hai catro anos: «O problema do século XXI é que demasiados electorados acabaron votando a demagogas cuxo interese é mantener o poder ou castigar aos seus rivais, non mellorar a vida dos seus constituíntes. É unha pendente esvaradiza que me fai cuestionar o modelo da democracia liberal… Se non eliximos ben, acaba danando á estrutura democrática desde dentro. Se a nova clase política populista non respecta as regras do xogo, sofre a sociedade civil». En EE.UU., un sistema firmemente bipartidista, cando un partido colapsa, a incerteza política pon en perigo de inmediato a integridade de todo o sistema mesmo.

Temo que este é exactamente o plan dos «novos extremistas republicanos», os que son máis populistas, máis anti-establishment e máis desvergoñados que Trump. Se o expresidente volve gañar este ano, ou non, os novos extremistas vanse fartar do novo establishment trumpista, que son quen xa levan oficialmente a bandeira republicana. Quizáis co optimismo reservado dun politólogo, pero coa esperanza temperada como cidadán estadounidense, confiei nas institucións ata agora, despois duns oito anos de trumpismo. Pero ante a morte de Navalny, Trump comparouse co asasinado preso político ruso, alegando que o presidente Biden, cuxo Departamento de Xustiza ten dous xuízos penais pendentes contra Trump, é Putin na súa alegoría farsante. Mentres tanto, pediu a cabeza política da presidenta do partido, Comité Nacional Republicano, Ronna McDaniel, seleccionada a man por el mesmo en 2017, para substituíla coa súa propia nora, Lara Trump. Faise a vítima mentres consolida o seu control total sobre o Partido Republicano, para logo volver tomar as rendas do país enteiro, cos tres poderes do goberno reconstruídos e un partido máis disposto a servirlle a socavar a democracia estadounidense.

Como dicía ao inicio, Trump non é o único responsable da situación política actual en EE.UU. O comportamento do Partido Republicano desde hai décadas levounos ata aquí. Foi un golpe de conveniencia para ambos, e en cámara lenta. Hai oito anos, cando Trump só era candidato á nominación republicana á presidencia, eu pensaba que o partido tiña os anticorpos necesarios para acabar co trumpismo en pouco tempo. Agora penso que a febre vai acabar co partido, ante as esixencias dos novos extremistas. O novo establishment trumpista non saberá que facer con eles entre as súas filas, exactamente como o antiguo establishment republicano, de Mitch McConnell, non soubo que facer co ascenso de Trump en 2015-2016.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón.