¿Ata onde pode chegar Rusia? Unha flota de sete buques navega cara o Adriático en "misión de información". Fontes oficiosas aseguran que o Exército ruso realizou unha proba de lanzamento dun mísil balístico dende un submarino nuclear. Asi mesmo, a Cámara Alta aprobou levantar o embargo a Belgrado e prestarlle axuda económica, técnica e militar. Das palabras ós feitos, o desafío ruso a Estados Unidos e a OTAN vai en aumento. Ben é verdade que en todas estas medidas predomina aínda o carácter simbólico. Pero non nos enganemos. A súa significación política é inocultable: Moscova ameaza con deixar de estar no medio, distanciase de Occidente e alíase cada vez mais abertamente coas posicións de Belgrado.
O progresivo xiro na actitude do Kremlin obedecería a varias causas. En primeiro lugar, pode interpretarse como un conxunto de medidas inevitables para satisfacer e dixerir as presións nacionalistas internas. Por outra banda, unha reacción calculadamente enérxica facilita a súa delicada posición negociadora perante un Fondo Monetario Internacional que impón duras condicións para entregar máis cretos. Nestas hipóteses, o goberno ruso actuaría friamente, cunha clara conciencia dos límites da súa implicación.
Sen embargo, o enfado do Kremlin suxire tamén lecturas doutro calado. Nos dirixentes políticos rusos de todas as tendencias medra o sentimento de humillación e de resentimento polos aldraxes das potencias occidentais. Evitouse o Consello de Seguridade de Nacións Unidas e no Grupo de Contacto a súa posición é cada día máis testemuñal. Ninguén desexa concederlle un mínimo papel nesta crise e os seus intereses son ignorados sistematicamente. Nun plano global, Moscova interpreta que Washington aspira a culminar en Kosovo o proceso iniciado en 1991 na Guerra do Golfo: asentar definitivamente o seu dominio mundial como única superpotencia. Paradoxalmente, a renegada Iugoslavia, o aliado imposible durante a guerra fría, é agora o derradeiro recurso do Kremlin para salvar a modesta herdanza da superpotencia soviética.
É verdade que o Exército ruso atravesa unha gravísima situación. As restriccións financeiras dos últimos anos, sinalou Jacques Sapir, enxendraron un proceso de descomposición dunha magnitude que admite escasas comparanzas históricas. A guerra de Chechenia evidenciou os inmensos límites das súas capacidades de victoria, aínda que non de destrucción. Sen dúbida, son moitos os datos que poden ilustrar a debilidade de Rusia, pero está por ver se esa delicada situación favorece a moderación ou pola contra impulsa unha fuxida cara adiante de consecuencias imprevisibles.