Os límites de Cuba

 Novo Consello de Estado cubano no xornal Granma; clic para aumentar
Os que fixeron a revolución farán o cambio. Non houbo relevo xeracional na Habana este domingo. Era unha posibilidade fundada, pero o Parlamento cubano, por unanimidade dos presentes, decidiu manter e mesmo reforzar a primacía dos vellos líderes no aparello institucional. (Foto: Un home mira en La Habana as fotos dos novos membros do Consello de Estado cubano nas páxinas centrais do xornal Granma).
 

Os que fixeron a revolución farán o cambio. Non houbo relevo xeracional na Habana este domingo. Era unha posibilidade fundada, pero o Parlamento cubano, por unanimidade dos presentes, decidiu manter e mesmo reforzar a primacía dos vellos líderes no aparello institucional. Serán eles os que senten as bases e os límites do proceso de cambio que promove Raúl, con vistas a mellorar as condicións de vida da sociedade cubana nun dobre marco definido pola estabilidade e a lealdade ás esencias do sistema.

A avanzada idade de todos eles (desde Alarcón a Machado, pasando polo propio Raúl, todos por riba dos setenta anos, ao igual que o seu primeiro nomeado, Reguiero, ministro de defensa) aventura un posible mandato breve, pero quizais suficiente para experimentar e introducir medidas de impulso da economía cubana que renoven o pacto social, establecido non xa sobre as bases do proceso culminado por Fidel en 1959, senón na capacidade dos dirixentes para procurar unha vida minimamente cómoda a unha poboación que leva décadas sumida na desesperación para "resolver" os problemas máis elementais da vida cotidiana.

Xunto á dimensión socioeconómica, a diplomacia debería ser un dos eixes esenciais do novo tempo, procurando unha maior inserción na rexión latinoamericana, onde Cuba goza de gran simpatía entre moitos líderes que militaron na defensa da Revolución cubana e que hoxe considerarían un desastre político o seu derrube, con impactos semellantes na rexión aos producidos pola onda expansiva da desfeita soviética, alentando un novo ciclo de auxe das forzas de dereita. Non só se trata das relacións con Venezuela, hoxe determinantes, senón con outros países quizais menos afíns ideoloxicamente, pero cos que é posible construír un marco de relacións respectuoso e digno. Este tempo debe ser aproveitado ao máximo para abordar a xestión de intereses específicos que trascendan outros valores e irmandades.

É probable que Estados Unidos tarde en mudar ou que opte por aplicar o mesmo guión de sempre. A ninguén interesa en Washington unha hipotética renovación do socialismo e poida incluso que se endureza a actual política se con iso se garante o fracaso buscado. A este respecto, as declaracións do candidato Obama a propósito dun diálogo sen condicións previas con Cuba son, en moito tempo, a única novidade reseñable na política estadounidense.

A vantaxe, importante, de contar cos veteranos como protagonistas tamén do cambio é a súa lexitimidade para impulsalo e o feito de evitar posibles confrontos cos integrantes do relevo xeracional, suficientemente maduros e preparados para iso, pero probablemente dotados, nalgún caso, dunha maior dose de atrevemento. De calquera xeito, o cambio agarda. Cos seus límites, naturalmente.