A finais desta semana, a Comisión electoral rusa debe facer públicos os nomes dos candidatos que competirán nas eleccións presidenciais do 2 de marzo. Xunto a Dmitri Medvedev, o candidato de Putin e de Rusia Unida, outros catro nomes completan a lista: Mijail Kasianov, Vladimir Jirinovski, Guennadi Ziuganov e Andrei Bogdanov. Outros candidatos iniciais retiráronse (caso de Gari Kasparov e Boris Nemtsov) ou foron rexeitados (o ex disidente soviético Vladimir Bukovski).
Ninguén se fai ilusións respecto ás oportunidades de cambio en Rusia. Nin o ex primeiro ministro de Putin, Kasianov, nin o comunista Ziuganov, nin o nacional-populista Jirinovski, nin tampouco o candidato do Partido Demócrata Bogdanov, teñen posibilidades reais. Nesa circunstancia inflúe a omnipresencia do poder presidencial e a febleza da propia sociedade civil, cuns medios de comunicación controlados na súa gran maioría polo Kremlin e unha opinión seducida por certa mellora relativa na vida ordinaria, un pouco máis de orde e estabilidade e a sensación dunha recuperación da posición de Rusia no concerto internacional. A pesar da elevada inflación (12 por cento en 2007), o diagnóstico xeral da situación rusa e o argumento electoral do continuísmo coa perspectiva dun Putin reconvertido en primeiro ministro poden convencer a unha inmensa maioría de rusos.
A esa tendencia súmanse as escasas posibilidades de que as diversas oposicións poidan facerse oír. A desigualdade entre os adversarios no acceso aos medios de información xeral complícase coa carencia de medios para dispor de idénticas posibilidades á hora de atraer o apoio dos electores. Segundo datos oficiais, os cinco candidatos contarán cun financiamento público de 1,2 millóns de euros para custear as súas campañas electorais. O 70% desta cantidade é administrada por dous candidatos: Medvedev e Jirinovski, os mesmos que poderían gozar tamén do maior apoio privado.
Aínda que as eleccións rusas custarán moito menos cas estadounidenses (a revista Fortune prevé uns 3.000 millóns de dólares fronte aos 693 millóns de 2004), tamén aquí manexar as artimañas do xogo democrático e, sobre todo, contar con medios semella ser a clave da vitoria.