Os mega-eventos deportivos: a ferramenta máis utilizada para a proxección internacional

Da tregua olímpica ao branqueamento do fascismo, a organización dos grandes mega-eventos deportivos perseguiu moi diversos obxectivos ao longo da historia. Son principalmente os Xogos Olímpicos de Verán e a Copa Mundial de Fútbol os dous eventos deportivos internacionais cunha maior repercusión e popularidade,  mais non hai que esquecer o papel á alza dos seus homólogos rexionais, de inverno e doutros deportes. A súa capacidade para ser un foco de atención global e entretemento altamente valorado, e de ofrecer un entorno amigable e relaxado fixo deles a ferramenta de diplomacia deportiva máis utilizada polos axentes internacionais, os países e incluso individuos e grupos particulares.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Da tregua olímpica ao branqueamento do fascismo, a organización dos grandes mega-eventos deportivos perseguiu moi diversos obxectivos ao longo da historia. Son principalmente os Xogos Olímpicos de Verán e a Copa Mundial de Fútbol os dous eventos deportivos internacionais cunha maior repercusión e popularidade,  mais non hai que esquecer o papel á alza dos seus homólogos rexionais, de inverno e doutros deportes. A súa capacidade para ser un foco de atención global e entretemento altamente valorado, e de ofrecer un entorno amigable e relaxado fixo deles a ferramenta de diplomacia deportiva máis utilizada polos axentes internacionais, os países e incluso individuos e grupos particulares.

Por unha banda, estes eventos ofrecen unha razón non oficial e unha localización para o encontro dos líderes internacionais. Isto dá pé ao establecemento tanto de relacións diplomáticas a gran escala con multitude de líderes como a encontros bilaterais entre dous países, que se poden reunir e comezar diálogos nun marco recreativo e desenfadado. Ademais, se engadimos a súa capacidade para tender pontes culturais e idiomáticos, pode ter un gran potencial para promover unha imaxe de paz e colaboración, de unidade fronte a retos comúns, como sucedeu nos xogos olímpicos de Barcelona 92´nos que por primeira vez participaron tódolos países, ou nos de inverno de Pyeongchang, denominados como “Os xogos da paz” polo acercamento das dúas Coreas.

Estes encontros danse tamén a nivel rexional, en eventos deportivos que poden ser de carácter continental, outros de territorios máis delimitados como os Xogos do Mediterráneo ou os Campionatos dos Balcáns, e incluso entre países que non comparten proximidade territorial mais si doutros aspectos, destacando os Xogos da Lusofonía ou os Xogos dos Pequenos Estados de Europa. Ofrecen estes eventos unha grande oportunidade de cooperación e dialogo entre estados que comparten área ou cultura, e fomenta a veciñanza e o sentimento de pertenza.

Para os países e territorios, a propia asistencia ofrece unha toma de contacto e unha lexitimación internacional, especialmente para aqueles inmersos en procesos de independencia como sucedeu co proceso de descolonización no pasado século, cando numerosos países comezaron a asistir, por fin, baixo a súa bandeira ás competicións deportivas, mostrándose así no mapa. Permite tamén posicionarse en temas de carácter internacional, lexitimando mediante a súa asistencia o evento ou o país organizador, ou boicoteando este por cuestións políticas. Os máis sonados foron os Boicots olímpicos este-oeste da Guerra Fría, ou o boicot dos países africanos en Montreal 76´ pola asistencia de Nueva Zelandas tras saltarse o bloqueo deportivo á Sudáfrica do apartheid.

Pero, se hai alguén para quen os mega-eventos deportivos ofrece un enorme catálogo de beneficios (e tamén riscos), é para o país ou cidade anfitrión. Máis aló dos rédito económico que pode ter no caso de facerse unha boa xestión da organización, ofrece unha capacidade de proxección e lexitimación internacional inigualable. O gran alcance mediático que teñen favorece a toma de contacto, o coñecemento e a formación dunha imaxe positiva do país para os públicos estranxeiros. O emebelecemento das cidades, a promoción en medios e a creación das infraestruturas necesarias axuda a mostrar unha visión modernizada e occidentalizada. Ademais da imaxe internacional, amósanse beneficios directos no aumento do turismo e dos estudantes estranxeiros, nas inversións directas, a promoción internacional das empresas propias, e a formación de novos tratados comerciais con outras potencias, xa que mostra ao país aberto ao comercio internacional. Isto fai que sexa unha ferramenta especialmente útil para as potencias emerxentes, especialmente usado nos últimos anos polos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) e os países do Golfo Pérsico, que albergaron unha infinidade de eventos nas súas fronteiras, incluíndo xogos rexionais, olímpicos, de inverno e mundiais de diversas disciplinas, incluíndo o fútbol.

Mais non é ouro todo o que parece. A organización de eventos deportivos inclúe o risco de mostrar unha imaxe non desexada ou de repercutir grandes débedas económicas, xa lles pasou a Montreal 76´co maior sobrecusto olímpico histórico, ou a Atenas e Brasil tralo abandono das instalacións creadas. Tamén é posible unha utilización con fins totalmente maliciosos como o ocultamento de violacións de dereitos humanos e rexímenes ditatoriais ocorridos nos xa mencionados xogos olímpicos no réxime nazi, ou o mundial de fútbol do 78´ nunha Arxentina sumida na ditadura de Videla.

Finalmente, a repercusión dos eventos deportivos ofrece un altofalante para protestas e movementos sociais de distintos tipos. Estes poden ser levados a cabo polos propios deportistas, mediante o boicot individual, a mostra de reivindicacións ou símbolos políticos durante o transcurso do evento ou da entrega de medallas. Aínda que máis comúns son as protestas de grupos cidadáns, organizacións e incluso grupos terroristas, que aproveitan o foco mediático para dar voz a problemáticas particulares, como os asasinatos levados a cabo en Munich 72´ por parte dun grupo terrorista palestino contra 11 atletas israelíes; ou ben protestan contra a propia celebración dos eventos debido as polémicas xurdidas arredor destes.

Este último motivo magnificouse nos últimos anos, estando envoltos os Xogos Olímpicos de Rio 2016, os de Inverno de Sochi 2018 e Beijing 2022, e os mundiais de fútbol de Brasil 2014, Rusia 2018 e Qatar 2022 (e dicir, practicamente tódolos principais eventos dos últimos anos) en diversas polémicas de sobrecustos, subornos, politización dos xogos, violación de dereitos humanos, mortes na construción, desatención doutras necesidades cidadáns, desaloxos, etc... o que está a facer que a poboación xa non vexa con tan bos ollos a organización e celebración dos eventos deportivos nos seus países. É por isto necesario reivindicar un uso das ferramentas da diplomacia deportiva, especialmente da que máis poder ten, que atenda aos valores do movemento olímpico. Non só porque eu sexa unha namorada do deporte, senón porque unha mala praxis reiterada está a provocar unha perda total da súa lexitimidade e aceptación, e por tanto, das súas vantaxes. Son cada vez menos as cidades que presentan a candidatura olímpica, e as que o fan, contan con cada vez menos respaldo popular.