Gordon Brown, o ministro británico de finanzas, presentou uns orzamentos con certo arrecendo populista de cara ás próximas eleccións na Gran Bretaña. Michael Howard, o líder dos conservadores cre que son unha burla, e cualifícaos de proposta de "vote agora e pague despois". Por outra banda, Charles Kennedy, o líder dos liberais, cre que os orzamentos non son máis que un remendo momentáneo, onde os grandes gañadores son os retirados, porque teñen maior tendencia a participar e decidir nos comicios, co cal se atopan no centro dunha particular poxa. O ministro de finanzas, prémiaos con 200 libras de aforro de impostos comunais, para neutralizar a promesa conservadora de reducirlles os pagos con reembolsos de ata 500 libras.
En efecto, a economía británica vai ben, pero parece demasiado ideal. A inflación é a máis baixa en 30 anos, e as taxas de interese son as máis pequenas en 35 anos, o que dinamiza a economía. Os niveis de emprego nunca estiveron tan altos, e o nivel de vida medrou un 3% por ano dende 1997. Gordon Brown asegurou que habían terminar o exercicio 2004/05 con balance positivo nas contas públicas. Pero os conservadores criticárono, afirmando que existirán varios buratos nas finanzas do Estado.
Sen embargo unha parte da opinión pública queda descontenta, son os aglutinados arredor da protesta contra a guerra en Iraq, que fixo 86 mortos nas filas británicas. E os antibelicistas, convocaron para o pasado sábado 19 de marzo, unha multitudinaria manifestación en Londres, para lembrar o segundo aniversario do comezo da invasión.
Por iso, é necesario tratar outros temas nos medios, e distraer a opinión pública. E lonxe das recomendacións que dende hai tempo lle ven facendo a Comisión Europea e o FMI, Gordon Brown empéñase nun gasto expansivo cunha serie de medidas sociais, aínda que os expertos avisen que se aveciñan as tormentas. Quere ofrecer algo novo, algo con repercusión e calado nas clases medias e na grande masa de pensionistas, que poden decidir as eleccións, nun momento en que todo parece decantarse por un novo mandato de Tony Blair.
Os beneficiarios de toda esta parafernalia, serán os xubilados cada vez máis numerosos, que se beneficiarán da baixa dos impostos locais que foran mal recibidos en tódolos recantos do pais. Os seguintes son os mozos que tentan acceder á vivenda, despois da burbulla inmobiliaria que encareceu os prezos nos últimos anos.
E amais diso, tamén se contabilizan outras medidas, como as deducións por paternidade, ou a conxelación das taxas profesionais, e os impostos sobre os beneficios do capital. En caso dun terceiro mandato, os laboristas tamén prometen maiores inversións en educación e sanidade, e a mellora dos servizos públicos.
Parece que nada queda esquecido en tempo de eleccións. Mesmo un aumento nos prezos do combustible foi retrasado ata setembro, e os prezos dos impostos sobre o alcohol e o tabaco experimentaron subidas case inapreciables. Dun céntimo de libra na pint de cervexa, a sete céntimos no tabaco.
Todo indica que son medidas que non van máis aló das eleccións, pois segundo critican os conservadores, as deduccións nos impostos están previstas só para un ano, e as conxelacións dos impostos sobre o alcohol, carburante e o tabaco, revisaríanse probablemente en setembro. E de facelo, o máis posible non é que baixen.
Polo visto, a maquinaria electoral do equipo de Blair, segue funcionando á perfección. E o previsible é que recunque outra lexislatura en Downing Street, coa colaboración de eficientes ministros como Gordon Brown e os seus spin doctors. Para facer case o que queira, e co apoio da opinión pública británica.