Os outros


 Atentado en Cabul, clic para aumentar
En Cabul, o presidente Karzai, enfrontado a graves problemas de corrupción e incapaz de frear o imparable avance da droga e do contrabando, non é quen de estabilizar a situación, a pesar de contar cun significativo apoio exterior, militar e financeiro. A decepción social e o desencanto reforzan as posicións dos caudillos militares talibáns que medran en militancia e en medios. (Foto: O atentado suicida en Cabul do 8 de setembro de 2006, deixou un saldo de 18 mortos. ©20minutos).
 

Nestes días, todas as grandes revistas e medios internacionais dedican gran atención aos atentados contra as Torres Xemelgas e o Pentágono. Grandes titulares no Der Spiegel, The Economist, Time ou The Spectator. A profusión de fotografías dá conta da espectacularidade daqueles ataques que causaron a morte a preto de 3.000 persoas e reviraron as esencias da posguerra fría, abrindo a porta, en medio de teorías conspiracionistas que non cesan de medrar, a unha nova orde mundial en proceso de emerxencia.

A raíz do 11-S, EEUU culpou a Osama ben Laden e ao réxime talibán de ser os inspiradores do ataque terrorista. A finais de 2001, Washington enviou as súas tropas para derrubar os muyahidin e capturar a ben Laden. Cinco anos despois, en Cabul se mantén un goberno afín pero incapaz de controlar o país e Osama segue fuxitivo, seica na zona fronteiriza do norte que limita con Paquistán. Por outra banda, a frecuencia das actividades terroristas vai a máis. En Afganistán, por exemplo, só no que vai de 2006, levan morto máis de 1.700 persoas en diferentes ataques rexistrados en numerosas partes do país. Os talibáns controlan parte do seu territorio, en concreto catro provincias do sureste e manteñen unha actividade bélica continua na parte oriental que limita con Paquistán. Os reiterados ataques aéreos das tropas aliadas e gobernamentais non logran acabar con esta guerrilla que cada vez usa tácticas máis complexas e fatais para as tropas internacionais. A tendencia apunta a un recrudecemento da tensión, marcada por un drástico aumento dos ataques suicidas: entre 2002 e 2004 foron cinco, pero en 2005 sumaron 17, e no que vai de 2006 xa foron superados os 20.

En Cabul, o presidente Karzai, enfrontado a graves problemas de corrupción e incapaz de frear o imparable avance da droga e do contrabando, non é quen de estabilizar a situación, a pesar de contar cun significativo apoio exterior, militar e financeiro. A decepción social e o desencanto reforzan as posicións dos caudillos militares talibáns que medran en militancia e en medios. Teñen moi difícil a recuperación do poder, pero contan con suficiente capacidade para incomodar activamente as tropas internacionais (23.000 soldados) e impedir o asentamento de calquera normalidade.

A poboación civil é quen leva as de perder. Entre esas víctimas que non acaparan as portadas dos grandes semanarios de Occidente están, por exemplo, moitos nenos privados de escola. Nas rexións oriental e meridional de Afganistán, as aulas levan meses pechadas por razóns de seguridade. Como eles, moitos afgáns, que tanto rexeitan a EEUU como os talibáns, quedan, ignorados e a mercede dos uns e dos outros, sen espazo para vivir.