Os pequenos Estados nun mundo incerto

Nun mundo de incertezas como o actual, os pequenos Estados teñen maiores dificultades para ter éxito que os de maior tamaño. Para a súa supervivencia e prosperidade teñen que ser abertos e estar conectados ao mundo, mais á vez fainos vulnerables aos choques externos. A pesares deste paradoxo, non teñen practicamente outra opción nun mundo interdependente e onde ningún Estado pode ter éxito por si mesmo.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Nun mundo de incertezas como o actual, os pequenos Estados teñen maiores dificultades para ter éxito que os de maior tamaño. Para a súa supervivencia e prosperidade teñen que ser abertos e estar conectados ao mundo, mais á vez fainos vulnerables aos choques externos. A pesares deste paradoxo, non teñen practicamente outra opción nun mundo interdependente e onde ningún Estado pode ter éxito por si mesmo.

Os pequenos Estados deben aceptar a existencia dunha competencia e rivalidade internacional, pero sendo consciente toda a Comunidade Internacional que dita competencia e rivalidade non precisan ser un xogo de suma cero, podéndose beneficiar a meirande parte dos países cando a Paz e a estabilidade fomentan as alianzas e a cooperación.

Para a supervivencia dos pequenos Estados tres elementos son cruciais. O primeiro, un sistema multilateral baseado en normas; en segundo lugar, as alianzas e a cooperación internacional; e en terceiro lugar, o desenvolvemento sostible.

Un sistema multilateral baseado en normas permite a todos os Estados tratarse dun xeito xusto reciprocamente, de forma transparente e previsible. Así pois, a ONU representa o instrumento necesario para acadar ditos fins.

O segundo elemento, as alianzas e a cooperación internacional axudan afrontar algúns dos retos transnacionais máis significativos do noso tempo. O crecemento económico, o cambio climático e o terrorismo son algúns exemplos. A ONU vólvese converter neste eido nun instrumento case imprescindible, servindo de voz colectiva para os pequenos Estados. O Grupo de Gobernanza Global (3G) é unha plataforma útil para que 30 países pequenos e medianos intercambien opinións sobre a gobernanza mundial e contribúan aos debates do G20.

O terceiro eixo é o desenvolvemento sostible. O nó central desta vía é o Programa 2030, e para o seu correcto fornecemento son necesarios dous requisitos esenciais vencellados co dito anteriormente. Por unha banda, o imperio da Lei, onde este sexa extensivo internacionalmente a todos os Estados, especialmente para a protección dos pequenos. Ademais, é fundamental que a nivel interno os países se comprometan co Estado de Dereito, onde haxa un bo goberno, transparente, con institucións fortes e cun marco legal claro. Doutro xeito, non será posible acadar un modelo de desenvolvemento sostible.

O segundo requisito previo son as asociacións internacionais. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (SDG) só se poden acadar coa colaboración e a asociación. É necesario fortalecer as alianzas entre os gobernos, o sector privado, o terceiro sector e outros actores interesados, para abordar este complexo problema de longa duración; feito que necesitará dunha atención sostida e unha colaboración continua entre todos os Estados do planeta. Ademais, os pequenos Estados desenvolvidos como Luxemburgo ou Singapur tamén teñen a capacidade suficiente para dar apoio aos países en vías de desenvolvemento, que necesitan non só a axuda destes senón de toda a Comunidade Internacional para fornecer o Programa 2030. Un interesante proxecto neste eido de cooperación entre pequenos Estados son, por exemplo, os programas de capacitación que desenvolve Singapur para axudar aos Pequenos Estados Insulares en Desenvolvemento (SIDS).

Os pequenos Estados constitúen máis da metade dos Estados membros das Nacións Unidas, tendo feito contribucións significativas á Comunidade Internacional, a pesares do seu tamaño, como a contribución aos consensos internacionais axudando a atopar solucións aos principais problemas mundiais. Así pois, os pequenos Estados necesitan que as Nacións Unidas acaden un marco para tecer alianzas, promova o desenvolvemento global, e consiga a Paz e seguridade internacional.

Estes países poden desenvolver un papel aínda maior sempre e cando traballen de forma conxunta. Algunhas iniciativas xa funcionan dun xeito eficaz, como se verá a continuación.

A Alianza de Pequenos Estados Insulares (AOSIS) é unha coalición de máis de 40 países insulares de terras baixas e pequenas dimensión, especialmente vulnerables ao ascenso do nivel da mar. Están unidos pola ameaza que para eles representa o cambio climático, e habitúan a adoptar posturas comúns. Esta coalición estivo á vangarda nas negociación sobre o Protocolo de Kioto sendo os primeiros en propor un borrador no que se pedía recortes nas emisións de dióxido de carbono.

Cómpre destacar moi especialmente a acción do países da Commonwealth no ámbito da cooperación. Os pequenos Estados de dita organización traballan fortemente na defensa dos seus intereses. Na actualidade, o comercio, a débeda e a financiación para axudar a acadar os obxectivos da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible son soamente algunhas das súas prioridades[1]

Outra rexión de interese onde se está progresando no eido da cooperación é o Pacífico. O Foro das Illas do Pacífico é un exemplo habitual, mais actualmente outros actores de colaboración están xurdindo como é o Foro de Desenvolvemento das Illas do Pacífico, que recentemente foi aceptado pola ONU como observador oficial da Asemblea Xeral[2].

E tamén, como non, existe e impúlsase a cooperación bilateral entre os pequenos Estados, como foi recentemente a producida entre Séichelles e Palau ou entre Catar e Malta.

En definitiva, obsérvase que a necesidade de cooperar dos pequenos Estados é imperiosa en diversos ámbitos, como por exemplo no eido financeiro e bancario facilitando pouco a pouco unha maior transparencia no marco da OCDE, mais tamén os microestados europeos cooperan coa UE no uso do euro como divisa de uso legal no seus territorios ou como membros da Unión Aduaneira. No caso de Liechtenstein tamén é membro de Schengen e, incluso, Malta coopera tanto que é membro da propia Unión Europea, por so citar algúns exemplos.

Certamente, algúns pequenos Estados teñen demostrado unha gran capacidade de supervivencia debido á súa adaptabilidade e ás súas capacidades para tecer alianzas internacionais e para cooperar. Mais, ironicamente, estes países a pesares destes puntos fortes nunca contan cunha capacidade plena de independencia xa que sempre necesitan moldear as súas estratexias nacionais aos eventos exteriores.

Nunca chove a gusto de todos.