O artigo corresponde á segunda das catro partes da serie "Ucraína e Rusia: crise no este de Europa" na que se analiza a Crise de Crimea e a Guerra de Donbas

Os pequenos homes verdes

O territorio coñecido como Crimea corresponde á rexión peninsular situada na costa Norte do Mar Negro. Este territorio atópase rodeado na súa maioría polo Mar previamente nomeado Mar de Azov, ao Nordeste. A nivel administrativo a península de Crimea pertence ao oblast ucraíno coñecido como Kherson, ao que está conectado xeograficamente a través do istmo de Perekop ao Norte da rexión. Na zona Este da península o territorio está separado xeograficamente do territorio ruso polo coñecido como Estreito de Kerch, aínda que existe unha conexión terrestre dende a construción en 2018 dunha ponte entre ambos territorios.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

O territorio coñecido como Crimea corresponde á rexión peninsular situada na costa Norte do Mar Negro. Este territorio atópase rodeado na súa maioría polo Mar previamente nomeado Mar de Azov, ao Nordeste. A nivel administrativo a península de Crimea pertence ao oblast ucraíno coñecido como Kherson, ao que está conectado xeograficamente a través do istmo de Perekop ao Norte da rexión. Na zona Este da península o territorio está separado xeograficamente do territorio ruso polo coñecido como Estreito de Kerch, aínda que existe unha conexión terrestre dende a construción en 2018 dunha ponte entre ambos territorios.

A localización xeográfica da península de Crimea faría que ao longo da historia este territorio fora un punto quente no que a conflitos e cambios de poder se refire pasando de mans en mans dende o Khanato mongol no século XV, pasando polo Imperio Otomán, o Imperio Ruso, a Unión Soviética e finalmente formando parte de Ucraína. Cabe destacar a cesión realizada en 1954 por parte das autoridades soviéticas do territorio de Crimea, que funcionaba nese momento como un oblast autónomo dependente da República Federal Soviética Socialista de Rusia, pasando a formar parte a través desa cesión á República Socialista Soviética de Ucraína. Este feito levaría a que trala disolución da Unión Soviética, ese territorio seguira integrado en territorio ucraíno. Hai que mencionar que a disolución da URSS provocaría que todas as infraestruturas soviéticas presentes en Ucraína pasaran a ser propiedade deste novo Estado independente. Isto provocaría tensións con Rusia xa que en Ucraína se atopaban entre outras cousas a Base Naval de Sevastopol, localizada na propia península de Crimea. Esta base naval supoñía a maior base en termos navais para Rusia e a perda dun punto estratéxico á hora de controlar o Mar Negro. A cuestión quedaría resolta trala firma do Tratado de Partición sobre o Estado e as Condicións da Flota do Mar Negro, que permitiría a Rusia manter certo número de tropas e armamento nas bases da península.

Se voltamos ao ano 2013-2014 onde arranca esta serie de artigos, a situación trala destitución de Viktur Yanukovich do poder non era sinxela en Ucraína, e Crimea non era unha excepción. Serían catro os días que pasarían dende a destitución do que era Presidente do país ata que as protestas e a tensión aumentaran. En Simferopol, a capital da que era a República Autónoma de Crimea, producíronse manifestacións masivas simultáneas que confluirían no edificio institucional da Verkohvna Rada de Crimea, reunindo alí a miles de persoas divididas entre poboación ucraína a favor do achegamento con Rusia fronte a poboación tártara de Crimea e ucraínos a favor do achegamento coa Unión Europea. Esta imaxe é ao meu parecer a mostra máis real e auténtica da división que se vivía a nivel social, étnico, lingüístico e político en Crimea. Esta división será un dos puntos clave para entender a situación nunha zona de Ucraína que concentraba non só un número de rusofalantes nativos superior aos falantes de ucraíno, se non que a nivel étnico un 60% da poboación se consideraba así mesmo como rusa, fronte a un 25% que se consideraba ucraína e un 12% de orixe tártara.

O día 27 de febreiro de 2014, tan só un día despois das protestas masivas fronte ao Parlamento de Crimea, celebrábase neste unha sesión de emerxencia que sería interrompida por un grupo de 60 soldados armados vestidos con uniformes verdes sen identificativos. Este grupo de soldados tomaría o edificio e instaría á cámara a realizar unha votación para retirar do poder ao que nese momento era o Goberno de Crimea e a nomear como Primeiro Ministro ao líder do partido Unidade Rusa, Sergey Aksyonov, que obtivera escaso apoio electoral nas últimas eleccións. Así mesmo, outro grupo de soldados uniformados de igual forma, tomarían o edificio correspondente ao Consello de Ministros de Crimea, izando en ambos edificios institucionais a bandeira tricolor da Federación Rusa.

Estas tropas, que comezarían a ser coñecidos como “little green men”, en galego pequenos homes verdes, tomarían ademais os dous aeroportos presentes na península, así como a torre da televisión local, establecendo á súa vez controis nas principais estradas do territorio, así como no istmo de Perekop, que como comentei previamente, é a estreita liña de terra que une a Crimea co resto de Ucraína. Ademais, estas unidades militares cercarían os complexos militares ucraínos, o que impediría calquera actuación por partes das forzas armadas ucraínas. Ante esta situación é importante aclarar que a pesares do bloqueo, o Goberno ucraíno decidiría non autorizar ningún tipo de uso da forza contra estas unidades militares, polo que non habería resistencia. Desta forma, estas tropas sen ningún tipo de identificativo, a través dunha estratexia veloz e coordinada tomarían o control da península de Crimea en cuestión de escasos días, pero quenes eran estes soldados?

Dende Kiev a resposta a esta pregunta foi clara, a Federación Rusa despregara unidades militares non identificadas co obxectivo de tomar o control do territorio de xeito ilexítimo. Mentres tanto, dende Moscú, distintas autoridades, incluído o presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, negaban rotundamente a implicación de forzas militares rusas na zona, denominando a estas unidades presentes como unidades de auto-defensa local.

Aínda que nun primeiro momento podería teorizarse sobre calquera das dúas posibilidades, a realidade é ben distinta. O propio presidente ruso meses despois e incluso o ex-comandante da Flota Rusa do Mar Negro, Igor Kasatonov, anos despois, admitirían que as unidades despregadas neses días por toda Crimea eran en realidade unidades das forzas especiais do exército ruso. A partires disto, gustaríame continuar comentando o que sucedería nos días posteriores trala apelación directa e pública do recente escollido Presidente da República de Crimea ao Presidente da Federación Rusa, solicitando asistencia e axuda para estabilizar a situación no territorio. Esta apelación directa levaría no mesmo día ao mandatario ruso a solicitar á Cámara Alta do Parlamento Ruso permiso para realizar unha intervención militar en Crimea, a proposta sería aprobada e serían despregados 6.000 efectivos na rexión.

Neste contexto é importante resaltar a narrativa empregada dende Moscú, que defendía que ante a situación de caos desenvolta en Ucraína, a intervención era necesaria para protexer non só ao persoal das forzas armadas da Federación Rusa destinado na península se non para defender a integridade dos cidadáns da Federación Rusa, así como axudar a estabilizar o país. A realidade foi que as unidades militares rusas tomarían un control que previamente “os pequenos homes verdes” tiñan asegurado.

Dalgún xeito, a estratexia que un pode interpretar por parte da Federación Rusa sería a de, aproveitando o contexto de caos que se vivía en Ucraína dende meses atrás e a explosión de protestas trala destitución de Yanukovich, tomar o control dun territorio que dende Rusia nunca se deu por perdido, sendo esta a oportunidade perfecta para actuar. A introdución de unidades militares sen identificar podería servir para encubrir a tropas rusas que tomaran rapidamente o control coa axuda de certas elites políticas locais que máis tarde solicitarían axuda a Rusia, rematando a situación como veremos a continuación.

Trala intervención militar rusa na zona levouse a votación no Parlamento de Crimea unha iniciativa que mantiña como obxectivo “reincorporarse” á Federación Rusa, presentando que a propia decisión sería ratificada vía referendo. Este referendo, celebrado finalmente o día 16 de marzo de 2014, resultaría nun 96,77% de votos a favor de formar parte da Federación Rusa. Este resultado produciría que ao día seguinte no Parlamento de Crimea, levase a cabo a declaración de independencia, separándose de facto de Ucraína. Desta forma, nos días seguintes, a República Autónoma de Crimea pasaría a formar parte da Federación Rusa como o novo Distrito Federal de Crimea.

Sen embargo, a ocupación de Crimea, tamén coñecida como Crise de Crimea, non sería máis que o primeiro episodio nun conflito entre Rusia e Ucraína que a partires deste momento irá en aumento noutras zonas do país.