A fidelidade dos máis acérrimos defensores do ex-dictador decae a medida que se prolonga o proceso de extradición. As malas noticias encadéanse indefinidamente. O Tribunal Supremo Chileno ven de autorizar que Pinochet sexa interrogado en Londres polo xuíz Juán Guzmán Tapia sobre 46 procesos abertos en Chile contra do ex-dictador.Tras dun ano de ininterrompida axitación antieuropea, os máis fanáticos están en horas baixas. O contundente veredicto do Xuíz Ronald Bartle só foi quen de convocar a 40 anoxadas mulleres, diante das embaixadas de Gran Bretaña do Estado Español.
A medida que o alcalde Joaquín Lavín, candidato ás presidenciais de decembro pola filopinochetista UDI, se distancia do legado de Pinochet, comeza a remontar nas enquisas dando constantes denteiras nos indecisos, maiormente nos electorados novos, que non viviron o 11 de setembro do 73, e nos sectores menos politizados.
As esferas económicas, que fixeran florecer a economía do "Xaguar de latinomérica", comezan a soltar amarras co porvir do senador vitalicio. Agora as prioridades están en financiar a campaña do alcalde de "Las Condes", e en continuar subindo nos barómetros electorais, ate rebordar ao consolidado, pero ancorado candidato da concertación, o socialista Ricardo Lago. O presidenciable Lavín non dúbida en distanciarse do seu partido que reclama a liberdade do xeneral retirado. Asemesmo non dubida en contradicir a aquel Lavín que, logo dun mes de arresto de Pinochet en Londres, encabezou unha manifestación de 15.000 persoas en apoio a xeneral detido. Agora se reúne cos familiares do detidos e desaparecidos para comprender o seu sofrimento, para reclamar un perdón público a todas as víctimas da violencia , para demandar que Pinochet volte pronto a Chile e invitalo a retirarse da política, ou mesmo para pedir que renda contas diante da xustiza chilena polos 44 casos que leva o xuíz Guzmán.
Nesta nova acomodación dos poderes económicos, a fundación Augusto Pinochet Ugarte atopa cada día máis dificultades en recadar cartos para manter o complexo entramado defensivo-xurídico a disposición do ex-presidente detido en Londres. Cada mes precísanse nove millóns de pesetas para o aluguer, seguridade e defensa do ex- dictador. Non lles é nada doado atopar voluntarios a sufragar, en todo ou en parte, as 400.000 pts de media que custa unha viaxe acomodada dun pinochetadipto para apoiar a causa do senador procesado en Londres. Tampouco foi precisamente un éxito a campaña recadatoria pola venta do prestixiado viño chileno, baixo a marca "Capital Xeneral", que facía referencia directa ao ex-xefe supremo das forzas armadas, hoxe multidoente.
As proclamas da Fundación pedindo a retirada os embaixadores, a supresión dos contratos armamentísticos, a ruptura da mesa do diálogo etc, claman no deserto.
Cada día hai máis elementos para pensar que a segunda transición está nun punto sen retorno, e que xa non é viable o punto e final da impunidade. Onte mesmo, o Tribunal Supremo de Chile ven de dar un novo mazazo aos obxectivo da Fundación. O xuíz Guzmán posúe vía libre para interrogar en Londres a Pinochet sobre os 46 casos, individuais ou colectivos, que leva contra do ex-dictador sobre mortos e desaparecidos durante a dictadura entre os que se encontra o cantante Victor Jara.
Moitas son as ratas que saltan do barco ao pairo, e se apuntan con euforia ao carro competidor de Joaquín Lavín, quen xa case iguala, nas intencións de voto, ao socialista Ricardo Lagos.
As transicións sen rupturas, sempre son propicias para saltos á democracia dos que endexamais creron nela, mais que por necesidade. Sexan benvidos todos, ao respeito a dignidade humana, aínda que sexa a forza.