Nada máis coñecerse o triunfo do conservador Nicolas Sarkozy nas eleccións presidenciais do pasado 6 de maio, en numerosas cidades francesas rexistráronse disturbios de diversa consideración e graves enfrontamentos entre manifestantes e policía. Un presaxio do que lle agarda ao "forte e capaz" inquilino do Eliseo?
Tres son os principais retos do mandato que iniciará o próximo mércores. En primeiro lugar, evitar a polarización política. Se as reformas anunciadas non logran o apoio de amplos sectores da poboación, as dificultades irán a máis. A disxuntiva esquerda-dereita está moi vixente en Francia e veremos como se manifesta en xuño próximo, nas eleccións lexislativas que darán paso a unha Asemblea Nacional que deberá sancionar a súa política. En segundo lugar, as expectativas económicas son delicadas. Crecemento lento, alta taxa de desemprego, déficit orzamentario, malestar social, son síntomas da crise que Sarkozy tentará remontar cunha vella e controvertida fórmula: reducindo impostos e diminuíndo as obrigas sociais das empresas. A débeda pública francesa supera os 1,2 billóns de euros e o seu pago e intereses suman anualmente 40.000 millóns de euros. A redución do gasto público afectará ao colectivo de funcionarios. O líder conservador prometeu en campaña reducir o desemprego ao cinco por cento, pero con métodos que, probablemente, contarán coas simpatías do sector empresarial pero que espertarán unha forte oposición entre os sindicatos, augurando conflitos sociais.
En terceiro lugar, o líder da UMP deberá procurar manter o status internacional de Francia, con voz e voto nas grandes cuestións mundiais (de Irán a Oriente Medio, nas tensións enerxéticas ou ambientais, etc). No eido europeo, Sarkozy aposta por unha constitución "breve" a aprobar por vía parlamentaria e eludindo os riscos de calquera novo plebiscito. Sarkozy preséntase como un europeísta con máis garantías que Royal, pero crítico coa independencia da política monetaria do Banco Central Europeo (ao servizo dun control dogmático da inflación en vez de servir ao crecemento económico, dixo en campaña) e demanda unha reforma do sistema de toma de decisións na Unión Europea. Por outra banda, está por ver se logra equilibrar o rexeitamento da poboación francesa do unilateralismo de Washington coa súa posición política, reiteradamente tachada de proestadounidense.