Os Sudetes, sí. Tema da máis rabiosa actualidade nas campañas electorais centroeuropeas, e na axenda do alargamento da Unión Europea no que toca a un bo número de candidatos. Dependerá tamén de se gañan os que agora están subindo nas enquisas.
Lembremos: os decretos Benes supuxeron a expulsión de preto de 3,5 millóns de persoas, pertencentes ás minorías xermanas e húngaras dos Sudetes checoslovacos ó termo da contenda. Os xermanos dos Sudetes constituíran no período de entreguerras un partido nacionalsocialista que serviu de apoio ó Anschluss con Alemaña durante a II GG.MM. Os 143 decretos foron tomando forma entre 1940 e 1945 baixo a dirección do presidente checo Benes, no exilio en Londres, e ratificaronse en Postdam por Gran Bretaña, os Estados Unidos e a Unión Soviética. O Parlamento checoslovaco convertiunos en norma plenamente legal e, ata o de agora, gozan na súa maioría de rango constitucional. O Goberno checo ven repetindo que considera os decretos "vixentes pero extintos" nos seus efectos legais, tratando, seguramente, de evitar a validez das reclamacións por discriminación ou expropiación dos bens inmobles á que daría lugar a abolición desta lexislación.
Foi o Sr. Haider, de Austria, quen hai uns meses prendeu a mecha sacando os decretos Benes dos arquivos de Postdam 1945, para ledicia do seu banquerido lobby xermano-sudete. Como isto escoraba, lembrou tamén que a perigosidade da central nuclear de Tamelín (Chequia) é incompatible cos canóns comunitarios; é o que podemos chamar "o aceno verde". Para que a República Checa entre na UE, dicía, cómpre falar de dúas cousas: dabolición dos decretos Benes e do peche de Tamelín.
O Sr. Zeman, primeiro ministro checo, que aspira á reelección, respostoulle que os "xermano-sudetes eran a quinta columna de Hitler" e que, por iso, a súa expulsión foi un castigo relativamente leve. Aínda que a liña oficial da República Checa é que eses decretos son máis ou menos papel mollado, o líder da oposición, Václav Klaus, esixe que nas negociacións de ingreso na UE se negocie unha cláusula que garanta a perpetuidade da devandita lexislación.
Pero isto tivo resposta oficial en Budapest, onde o primeiro ministro, Sr.Orban, insistía nas semanas anteriores ás eleccións húngaras, en que a República Checa eliminase os decretos. Orban pretendía así arrincarlle unha boa presada de votos ó sector ultranacionalista do xenófobo Istvam Csurka, máis isto non foi suficiente e foron os socialistas os que gañaron as pasadas eleccións de maio. Orban non é un caso único.
Esta lei de vencedores da II GG.MM -se ben Checoslovaquia o foi moi brevemente-, é agora o leiv-motiv esgrimido polos elementos máis reaccionarios que concorren ás eleccións na República Checa, Eslovaquia, Alemaña ou Hungría. Ou sexa, en tódalas eleccións do 2002 en Centroeuropa. Alí o cercano alongamento ó Leste preocupa, e moito. A "resurrección" dos Sudetes ten que ver con isto, e coa xeralización de certos postulados políticos no escenario electoral. Mesmo podería provocar, segundo algúns expertos, eleccións anticipadas en Austria se o FPÖ de Haider segue teimando en facer labor de oposición ós seus aliados do centrodereita. De feito, Haider convocou un plebiscito anti-checo, mobilizando máis de 900.000 sinaturas no seu favor.
Coma un torrente, o vodevil trasladouse a Alemaña, -vencida durante pouco na II GG.MM-, onde non sentaron nada ben as verbas do primeiro ministro checo Zeman. Para non facela boa, o chanceler Schröeder cancelou uns días despois, a finais de marzo, a súa viaxe a Praga, fuxida que debeu contentar a certos votantes do Sr. Stoiber, o ascendente candidato da coalición CDU-CSU á chancelería, que ameaza con bloquea-lo ingreso da Républica Checa á Unión se non anula os decretos, pide perdón, e ofrece compensacións ós expulsados e ós seus descendentes.
Neste estado de cousas, eran xa varios os partidos do centrodereita europeo (austríacos, húngaros, alemáns) que estaban a esixirlles á República Checa, Eslovaquia, e tamán a Polonia e Eslovenia, a anulación dos decretos de postguerra relativos á expulsión, moi frecuentes, por outra banda. A fracción conservadora do Parlamento Europeo pedíu entón a creación dunha comisión especial para establecer se os decretos violaban a lexislación comunitaria. A Comisión Europea, que sempre sostivo que os decretos non son un obstáculo ó alargamento, encargou a un grupo de xuristas que estudiasen o caso. O seu veredicto, público a finais de maio, foi que a validez dos decretos é realmente nula, polo que, por aí, non existe o "obstáculo".
Deixando aparte a lectura xurídica dos decretos Benes, os xuristas (e que eles decidan sobre se se trata de demandas de Dereito Privado ou Público e de a quen cumpriría reclamar en cada caso), esta estrataxema da dereita cos Sudetes xa conseguiu envelenar o discurso político en Centroeuropa, sendo randabilizada tamén por partidos "serios".
Tódalas olladas miran, unha vez máis, cara Alemaña, onde a CDU xa organizou, a principios de ano, un concerto a prol dun "Centro contra a expulsión" en Frankfurt am Main, e xunto co candidato aliado do CSU, Stoiber, segue cultivando o victimismo dos xermanos dos Sudetes. En Alemaña existen unhas leis moi estrictas para facer imposible a refundación do Partido Nazionalsocialista, polo que, necesariamente, hai unha parte do electorado á busca dun curruncho nun partido político establecido. Mentres Schröeder porfía presentando preitos ós xornalistas que non teñen outra mellor que dá-la nova de que o chanceler é un "pelitinxido", e coas eleccións fixadas para o 22 de setembro, Stoiber acada o 40% da intención de voto. Se a coalición CDU-CSU pacta, como prevén, co Partido Liberal Demócrata (FDP) do populista Möllemann, podería acadar unha cómoda maioría. Stoiber modera agora a súa posición, deixa os Sudetes un pouco de banda (xa lle reportaron o seu), e preséntase como o salvador do "marasmo" económico que afecta a Alemaña. Todo xa visto moitas veces.
Ó final, isto dos Sudetes semella que tén actuado de Mac Guffin, como os engados das películas de Hitchcock (microfilmes, fórmulas químicas da bomba H), unha "entradiña" electoral que máis tarde se converterá no que é: subvencións agrícolas, liberalización do mercado enerxético, prazos para a inmigración laboral…