Os unionistas colapsan o proceso de paz

Non por previsible, o impacto foi menor. O Ulster viviu con ansiedade os días anteriores á formación do goberno autónomo e con preocupación e incerteza está a vivir as primeiras xornadas despois de que os unionistas de Trimble representasen o rechazo ao proceso iniciado en 1998. Non só se negaron á formación do goberno, senón que nin se presentaron no acto. O goberno británico optou por retomar o proceso no outono.

O goberno de Blair non podía demorar máis a constitución do goberno autónomo do Ulster, con representación das dúas comunidades, tal e como se tiña establecido no acordo de Stormont. Aprazalo para setembro semellaba un erro despois de case tres meses de atraso. Os esforzos de Londres e Dublín non se viron recompensados. Nin as permanentes conversas e reunións, nin a necesidade de respectar o asinado en Stormont no referente ao desarme, nin establecer datas de entrega de armas, nin os informes do xeneral Chastelein, nin a aprobación por urxencia en Westminster dunha "lei de salvagarda" que permitía a expulsión inmediata do Sinn Fein do goberno no caso de que o IRA non cumprise os prazos para o desarme, nin as repetidas aclaracións dos lideres do Sinn Fein de que eles non son o IRA, foron suficientes para convencer aos unionistas da necesidade de seguir avanzando no proceso de paz.

Os unionistas de Trimble centraron os seus argumentos en que o Sinn Fein e o IRA eran o mesmo e esixían aos republicanos a responsabilidade sobre a entregadas armas. Nun ambiente de absoluta desconfianza entre nacionalistas irlandeses e unionistas británicos estes declaraban que só admitían como compromiso valido unha declaración asinada por O´Neill, a firma que acompaña os comunicados oficiais do IRA. A posición dos unionistas queda ben reflectidas no artigo asinado por David Trimble e publicado (16-07-99) en El Mundo en resposta ao non menos esclarecedor de Gerry Adams no mesmo xornal o día anterior.

Trimble, ante as presións exercidas dende o interior do seu partido optou por manter o liderado do mesmo e non exercer como "ministro principal", cargo que leva exercendo 12 meses, mais sen renunciar a este. A actitude de Trimble provocou unha gran desilusión nos gobernos de Londres e Dublín e un profundo malestar no SDLP e Seamus Mallon "viceministro principal" presentou a continuación a súa dimisión e solicitoulle a Trimble que fixese o mesmo.

Quen, pola contra, estaba eufórico era o líder do DUP, Ian Paisley, que si asistiu a reunión e declarou que era un gran día para o Ulster.

O desarme do IRA foi o cebo empregado polos unionistas para ralentizar continuamente o proceso, negociar e renogociar para demostrar a inviabilidade do acordo de Stormont, que nunca aceptaron enteiramente. Nin a "lei de salvagarda", que xerou un profundo malestar entre as filas republicanas, foi suficiente. O que pretenden e limitar a influencia de Londres e especialmente de Dublín no proceso e, en definitiva, conseguir a paz mais sen ceder nos seus privilexios políticos e económicos e mantendo aos presos republicanos no cárcere. Seguen unha estratexia semellante a do anterior goberno israelí.

O futuro de Irlanda do Norte segue en mans de Londres. Continuar coa liberación dos presos, reformar a Policía (RUC), delimitar prazos para a desmilitarización e seguir no traballo conxunto con Dublín pode manter aos republicanos afastados da tentación re romper a tregua e tirar pola borda anos de duros esforzos en prol da paz.

Agardemos que no outono se poda retomar o proceso sen que os partidarios do retorno á violencia teñan xerado situacións que o imposibiliten.