Os verdes: Primeira víctima política da guerra

A pintura vermella esvarando pola faciana do ministro Fischer é a imaxe que mellor representa as tensións vividas no recente congreso dos verdes alemáns. O debate sobre a participación ou non no goberno tiña xerado fortes enfrontamentos que foron en aumento ao comezo da guerra de Iugoslavia e se manifestaron na nidia división congresual.

Que a intervención militar da OTAN na Iugoslavia vai ter moitos custes aos dirixentes políticos que a impulsaron semella fora de toda dúbida. Dende logo moitos menos relevantes que os custes humanos, económicos, ecolóxicos e de inestabilidade na zona que está a producir.

Moitos dirixentes políticos occidentais van pagar factura da súa incapacidade, ineficacia e irresponsabilidade. Algúns, como William Clinton, non terán que enfrontarse a procesos electorais, mais se o tivera que facer probablemente recollería un fracaso similar ao do seu antecesor George Bush, quen vencedor do satánico iraquí foi rexeitado polos norteamericanos nas urnas. Non é a primeira vez que políticos victoriosos nos campos de batalla son descualificados polos cidadán no combate democrático. E algúns despois de guerras heroicas, Churchill sería un bo exemplo. Veremos que sucede cos actuais partidos gobernantes en Francia, Italia e Reino Unido, cunha certa parte dos seus electores situados na cultura de esquerdas, pacifista, ecoloxista e contrarios á dependencia dos EE UU. Mesmo os demócratas van ter ben difícil conservar a presidencia.

Polo de agora os primeiros en pagar as consecuencias foron os verdes alemáns. No congreso do pasado xoves a división quedou patente. A victoria das posicións do ministro de Exteriores, Fischer, foi pírrica. Os 444 delegados que o apoiaron seguramente tiñan máis presente a conveniencia de seguir mantendo o goberno de coalición co SPD de Schröder que o convencemento da lexitimidade da guerra emprendida pola OTAN. Pola contra 318 delegados apoiaron unha moción na que se esixía que o goberno alemán demandase á comunidade internacional un alto ao fogo "incondicional, unilateral e ilimitado".

É publico e notorio que o partido verde é o primeiro en sufrir as consecuencias políticas desta guerra. A estas alturas poderíamos comezar a preguntarnos se a sorpresiva dimisión de Lafontaine como ministro de Economía e líder do SPD (11-03-99) foi debida só a diferencias sobre a política económica do goberno. Catorce días despois da renuncia de Lafontaine, a OTAN atacaba Iugoslavia.

Semella unha ironía que cando Alemaña se ve inmersa no seu primeiro conflicto bélico dende 1945, o ministerio de Exteriores este ocupado polo representante dos que fixeron do antimilitarismo e da ecoloxía o seu sinal de identidade. Mais Petra Kelly e os fundadores do ecopacifismo aínda teñen moitos seguidores.