Hai uns días o goberno brasileiro suspendía a patente do Efavirenz, unha menciña contra a Sida "a máis usada no país" da transnacional Merck, para importar xenéricos da India. A razón "que contempla até a OMC" era que se trataba dun caso de saúde pública. (Foto: O presidente Luiz Inácio Lula da Silva discursa durante cerimonia de sinatura do licenciamento do medicamento anti-retroviral Efavirenz, o 4 de maio de 2007. ©Ricardo Stuckert/PR). | |
Hai uns días o goberno brasileiro suspendía a patente do Efavirenz, unha menciña contra a Sida "a máis usada no país" da transnacional Merck, para importar xenéricos da India. A razón "que contempla até a OMC" era que se trataba dun caso de saúde pública. Así o dixo o presidente Lula, como dixo do aborto perante a visita do Papa.
A medida espallou a euforia nas ONG. Brasil ten máis peso que Mozambique ou Malaisia, dos poucos países que empregaron até hoxe ese mecanismo previsto nos acordos de propiedade intelectual globais, e xa que logo pode servir de exemplo. Porén, tamén espertou a ledicia dalgúns esquerdistas de optimismo esaxerado que ven no conto un xiro social na política de Lula. E non é para tanto. Mercando o xenérico Brasil aforrará este ano 30 millóns de dólares, cifra ridícula para o megaestado amazónico. No entanto, e sendo tendenciosos, o do Efavirenz é moi rendíbel mediaticamente.
Lula está considerado para gran parte dos movementos sociais e de esquerda como "a gran decepción", quer polo seu aliñamento cos poderes financeiros, quer polo bo caldo que fai cos Estados Unidos, que ven no Brasil o contrapeso rexional ideal á influencia de Chávez, o bolivariano. Colectivos como os Sen Terra están cada día máis desenganados e amolados por esa capacidade innata de Lula para, como di o seu amigo e ex asesor Frei Betto, agradar á vez aos máis ricos e aos máis pobres.
Betto, que entre 2003 e 2004 xestionou o programa Fome Cero, e outros persoeiros como o sociólogo Michel Löwy "este con máis enerxía verbal", critica o afastamento de Lula dos movementos sociais fronte o seu achegamento aos gurús da macroeconomía; as súas alianzas políticas, que pasan mesmo por riba do PT que o levou ao poder; e até o seu programa estrela entre os pobres, a Bolsa Família, por ser demasiado asistencialista, ou clientelista, ao puro estilo do Banco Mundial.
Se Lula foi reescolleito hai seis meses foi en parte por mor desas axudas directas, que aliviaron un chisco pobreza estrema, pero nunca a solucionarán. Ao falarmos de estrutura económica, de dereitos sociais "porque as prestacións non son dereitos", o seu goberno espétase contra o capital á mantenta. Dende logo, non é moi social tratar de crear un sistema privado de atención sanitaria e tampouco parece que neste segundo mandato vaia cumprir a gran promesa de 2002, a reforma agraria que daría terras, capacidade de produción e independencia aos de abaixo, aos que o levaron a ser a esperanza frustrada.