A morte do líder de al Qaeda, Osama Ben Laden, representa un importante éxito para Obama e a súa Administración, se ben está lonxe de resolver en por si a guerra contra o terrorismo, moi especialmente en “Afpak” (Afganistán-Paquistán).
A morte do líder de al Qaeda, Osama Ben Laden, representa un importante éxito para Obama e a súa Administración, se ben está lonxe de resolver en por si a guerra contra o terrorismo, moi especialmente en “Afpak” (Afganistán-Paquistán). A vitoria de Washington eleva a moral dos estadounidenses e mellora as expectativas político-electorais de Barack Obama quen, a pesar de estar entrampado en mil e unha tarefas de difícil resolución, pode asistir a unha efervescencia da súa popularidade doméstica, sen que por iso desatasque de todo a prolongada e custosa guerra contra o terrorismo que, non o esquezamos, obedece a razóns non estritamente relixiosas senón a outras moito máis profundas e diversas.
En parello, a morte de Ben Laden supón un duro revés para al Qaeda e o movemento Talibán, se ben cabe pensar que dificilmente pode contribuír, por si soa, a reverter a deteriorada situación que se vive moi especialmente en Afganistán. O panorama, no fundamental, non muda. Ben Laden, nos últimos anos, din algúns, era pouco mais ca un líder espiritual, un referente simbólico con escasa vinculación operativa cos comandos que espertan a natural preocupación nas chancelerías occidentais. Esta morte de Ben Laden, en tanto non contribúa a modificar o paradigma no que asenta a relación de Occidente cos países musulmáns, non desactivará a acción dos milleiros de militantes talibáns que proseguirán a súa loita, cando menos mentres sigan contando con certo apoio no este e o sur de Afganistán e tamén en Paquistán.
A morte de Ben Laden escenifica o fin físico dunha morte politicamente anticipada a mans das propias sociedades árabes a través das mobilizacións dos últimos meses ao promoveren solucións pacíficas, democráticas e de maior xustiza social nas que o único terrorismo presente foi o promovido polos sátrapas e tradicionais aliados de Occidente. O temor ás hipotéticas represalias non debe servir de motivo agora para pasar a primeiro plano a loita contra o terror utilizándoa como escusa para pedir calma a unha cidadanía que se ten esforzado por dar con solucións xenuínas e soberanas ao seu longo estancamento. O mundo árabe vive noutro tempo.