As eleccións alemás entran nun período clave. Ata hai pouco practicamente deshauciado, o chanceler Gerhard Schröder parece renacer das súas cinzas como un ave fénix, e ameaza mesmo con evitar o que parecía cantado: unha vitoria por goleada da oposición nas próximas eleccións lexislativas do 18 de setembro.
Schröder deposita nos indecisos as súas esperanzas de vitoria. Entre un terzo e a metade dos electores, non decidiron aínda o seu voto. O SPD (os socialdemócratas) conta cun apoio que rolda o 31%, fronte ó 42% dos conservadores, segundo recollían as sondaxes das últimas semanas. Pero a tendencia do electorado apunta a unha perda de apoios no centro-dereita que frea as posibilidades de Ángela Merkel, a líder do partido conservador CDU (Unión Cristián Demócrata), en sociedade cos bávaros da CSU (a Unión Cristián Social Bávara), cuestionada por uns medios que non perdoan os seus erros en temas elementais, como a chamativa confusión de salario neto con salario bruto, manifestada ante as cámaras de TV. Demasiado duro para a disciplinada mentalidade alemá.
Os cristián demócratas, que presentaron con gran boato un programa de flexibilización laboral, e ficharon un equipo de reputados colaboradores coa esperanza de non perder punch na etapa final da campaña, gustan falar de novas etapas e de comparar a Merkel cunha Thatcher reformista, pero sen caer na conta de que quizais non sexa a estratexia idónea nun momento en que se rexistran fortes taxas de paro, e cunha gran masa de indecisos que temen os recortes no estado de benestar.
No eido exterior, Merkel apela constantemente a unha resposta negativa á integración plena de Turquía , suxerindo plans alternativos ó resto de Europa , atrevéndose mesmo a suxerir ós dirixentes europeos a opción do partenariado especial para Turquía, cando a CDU está dividida sobre este tema.
A maiores, Merkel debe sortear a pequena sabotaxe do seu colega de partido Stoiber, que non acaba de encaixar a súa derrota contra un Gerhard Schröder, que partindo como derrotado nas últimas lexislativas en 2002, acabou gañándolle, mentres Merkel decidía quedarse á marxe para deixarlle vía libre ó líder bávaro. Segundo Stoiber, non é doado deixar o futuro de Alemaña en mans dos antigos alemáns do leste "como Ánxela Merkel-, unha idea que poden compartir algúns alemáns do Oeste, presa fácil dun populismo que Stoiber manexa á perfección.
Por outra banda, Oskar Lafontaine, quen fora ministro de finanzas con Schröder e que deixou o SPD, participa na carreira electoral cunha formación situada máis á esquerda, coa que pretende recoller os votos antiglobalizadores e dos socialdemócratas descontentos, sumados aos do Partido do Socialismo Democrático de G. Gysi, que conserva aínda unha base electoral importante en moitos Lands do Leste. Unha das incógnitas máis interesantes destes comicios é a relativa ás posibilidades de consolidación dun novo espazo político á esquerda do PSD, que poña o acento na delicada cuestión social.
Pese a todo, pois, no PSD, celebran o que nun principio parecía unha arroutada de Gerhard Schröder, o adianto dos comicios para o 18 de setembro deste ano. Agora xa non parece tanto unha decisión atolondrada e precipitada, senón como unha oportunidade e un desafío que pode aínda gañarse. A decisión do Tribunal Constitucional de permitir este adianto, recibiuse como outra vitoria de Schröder, que volve presentar, milagrosamente, unha economía en fase de medre.
O efecto combinado de todos estes elementos, engade incerteza a uns comicios nos que todo parecía decidido de antemán. A campaña, mais unha vez, será decisiva.