A intensificación dos vínculos de Galicia co mundo exterior e, sobre todo, o incremento das capacidades galegas para ser suxeito dunha relación anovada con realidades por algúns imaxinadas hai tempo, nomeadamente aqueles galeguistas dos anos vinte e trinta do século pasado que soñaban con universalizar a nosa Terra, constitúen un dos signos máis evidentes das transformacións que Galicia experimentou no último cuarto de século.
Esa dinámica de cambio aberta en Galicia é inseparable das profundas mudanzas que tamén experimentou o sistema internacional nas últimas décadas. Son procesos que van parellos e entrelazados. Deixamos atrás a guerra fría, o mundo bipolar e as súas rixideces na orde ideolóxica, política, económica, social e cultural. Esa apertura global, que tamén encerra en si mesma progresos e retrocesos importantes, especialmente no eido social, configurou un contexto máis favorable a unha proxección exterior de Galicia que lonxe de responder a unha vocación de naturaleza ideolóxica ou cultural, basease, pola contra, na imperiosa necesidade de garantir, neste novo contexto, a plena e mellor defensa dos seus intereses nos eidos económico ou comercial.
Galicia non podía permanecer indiferente aos cambios que se sucederon no planeta e que deixan entrever o inicio doutro tempo histórico no que, paradoxalmente, mentres as grandes corporacións transnacionais privadas consolidan o seu papel como actores decisivos do sistema internacional, moitas veces cunha entidade e un aplomo superior a unha gran maioría dos estados, tamén, as fendas abertas, a aceleración de todos os procesos e a mundialización, producen, como efecto positivo, unha maior permisividade a outros niveis, que se vai agrandar nos próximos anos, a propósito do papel das entidades subestatais e de colectividades como a nosa que, de existir conciencia no propio país, pode dispoñer de maiores capacidades para existir no concerto internacional, propiciando novas e diferentes formas de participación, de integración e de unión. Universalizar Galicia con identidade propia ou facelo como un actor mais, indiferenciado, nunha orde estritamente mercantil ou cooperativa, dependerá do empeño e orientación que nesa tarefa poñamos como comunidade, é dicir, da mensaxe que a propia sociedade galega desexa transmitir a través dos seus poderes constituídos.
Nesa perspectiva, obviamente, os poderes públicos e as entidades de diverso tipo, con proxecto de país ou sen el, asumiron, conscientemente ou non, a diferente escala ao longo destes anos, ese propósito universalizador ao que Galicia non pode, non debería, renunciar de ningún xeito. Compre que toda a sociedade galega interiorice de forma activa tanto a posibilidade e a necesidade de actuar no exterior, nas mellores condicións da nosa historia contemporánea recente e de toda a historia pasada, como a importancia de facelo proxectando a nosa identidade. E, queirámolo ou non, acabarémolo facendo así con independencia da razón (política, cultural ou mesmo comercial) que nos motive, porque da positiva exaltación da diferenza vai depender boa parte do noso futuro como cidadáns.
Se a algunhas persoas se lles preguntara hai vintecinco anos sobre a hipótese de que unha formación conservadora como a que ven gobernando Galicia de xeito practicamente ininterrompido dende o primeiro goberno autonómico se podería destacar na defensa da proxección exterior de Galicia e mesmo no exercicio dunha rivalidade moderada cos poderes centrais acerca da actividade internacional das autonomías, ninguén se atrevería a apostar por ese escenario. E non foi por presións das oposicións, mais ben tibias neste aspecto, nin, claro está, pola existencia dunha vontade política en tal sentido, claramente inexistente, senón pola propia inercia das cousas, polos ritmos definidos polo proceso histórico que estamos a vivir que esixe de todos habilitar fórmulas para estar no mundo. Esa é a oportunidade que se está a consolidar e que non podemos, non debemos, perder.
A integración en Europa permitiunos e obrigounos a dar un primeiro salto. Non soamente se traduciu en máis e mellores infraestruturas que mudaron de raíz o panorama terceiromundista das nosas comunicacións (con excepción aínda do ferrocarril), tamén supuxo sacrificios importantes en sectores claves da nosa economía que dificilmente podían aspirar a outra alternativa que non fose unha reestruturación a miúdo dolorosa. A pesca, o agro, a industria naval, etc, aínda hoxe protagonizan boa parte das nosas relacións con Bruxelas e calquera repaso dunha hemeroteca, mesmo no último ano, pode dar conta da intensidade deste afecto/desafecto. Non é cousa agora de facer balance, que á vista está, pero non cabe dúbida de que hoxe dicir máis Galicia, é dicir tamén máis Europa e os obstáculos para unha afirmación da nosa identidade non proveñen, nin de lonxe, de Bruxelas.
Galicia é un piar esencial do rexionalismo europeo que, sen ser a Europa dos pobos que moitos arelamos, abre camiños, coas súas eivas e carencias, para que unha comunidade como a nosa, un país como Galicia, poida desenvolver a súa personalidade e explicitar os seus intereses específicos, que teñen, en relación ao propio Estado, singularidades que a diferencian. Ese mesmo Estado recoñece xa algo que se negaba ata hai pouco, a lóxica idoneidade de garantir a presenza directa nas institucións europeas cando se debata daqueles temas que lle poidan afectar de maneira singular; e mesmo se abren novas oportunidades para unha maior difusión e coñecemento da nosa propia lingua e cultura. Ese corpus paradiplomático que se veu configurando nestes anos é expresión dunha necesidade, a de que os poderes públicos acompañen os procesos de mundialización cun marco de actuación cando menos comparable ó de moitos actores privados. Non pode ser admisible que gobernos lexítimos teñan mais reparos que unha sociedade anónima para transitar polo mundo e deben establecerse canais para que toda esa practica redunde civilizadamente nun fortalecemento da praxe diplomática do estado.
Esa apertura ó exterior ten outra ponla substancial: Portugal, especialmente o Norte. Das colas interminábeis nas fronteiras, pasamos ás escolas de aprendizaxe do que é a internacionalización da economía e os negocios no noso estranxeiro máis próximo, o veciño do alén Miño. Queda moito tramo por percorrer aínda no ámbito da cidadanía (non confundir con gastronomía), pero as proximidades políticas, económicas e comerciais intensificáronse enormemente, e ese proceso transformounos a todos un pouco. Ou un moito. Galicia é un referente en España á hora de tratar de Portugal, mais non deberiamos durmirnos pois a proximidade histórica, cultural e lingüística non o é todo, e mesmo pode chegar a ser nada se non se cultiva e se innovan formas de intervención que superen as fronteiras que aínda permanecen (paradoxal e contrariamente ao signo dos tempos é notorio o distanciamento, por exemplo, en materia de comunicación). E teño a sensación de que, se gañamos no comercial ou no económico, estragáronse oportunidades no eido cultural, que non soubemos nin souberon avanzar en parello. Somos aínda, ambos, uns grandes descoñecidos e os tópicos proliferan aínda de forma indiscriminada.
Como consecuencia dos procesos de mundialización en curso, decatámonos tamén do enorme valor dun "problema", a nosa emigración, e o noso exilio. A nosa diáspora hoxe resulta un activo de primeira significación para construír pontes cos países onde está implantada. É un cambio cultural profundo. A idea do retorno como reparación da sangría que supuxo a fuga migratoria debe ser substituída agora, mais alá das lexítimas opcións individuais, pola do capital relacional para construír un vinculo que beneficie a ambas partes construíndo, sobre unha base bilateral, espazos de cooperación e desenvolvemento das relacións a todos os niveis. Cando o mundo se transforma, entre outras cousas, nun inmenso mercado, resulta que nós redescubrimos a presenza en moitos lugares dunha rede de axentes cualificados, con coñecemento pormenorizado do medio, que adecuadamente dinamizado pode transformar aquela desgraza nunha vantaxe comparativa de primeira magnitude.
A presenza da inmigración entre nós, con fluxos moderadamente crecentes nos últimos anos, é outro dos signos dese cambio rexistrado nas relacións de Galicia co exterior. Esas novas comunidades que se implantan nos nosos municipios, de diferentes nacionalidades, participando, man a man, en actividades como a pesca, a construción e outras, obrigan a contemplar e definir políticas públicas ata hai pouco tempo inexistentes e a desenvolver practicas sociais preventivas que reduzan á mínima expresión as posibilidades de conflito, estimulando a comprensión e o respecto a outras culturas, o intercambio e o diálogo intercultural.
Ese contacto aquí con comunidades doutros mundos, en especial as africanas, inciden tamén na progresiva consolidación dun profundo cambio no compromiso solidario da sociedade galega, que en moitos casos vai moi por diante das propias institucións públicas e dos partidos políticos. A cooperación ó desenvolvemento, practicamente ausente das prácticas públicas hai unha década e profundamente incomprendida pola inmensa maioría da cidadanía, revela hoxe, sen embargo, un particular vigor non soamente en relación ao modesto aporte que dende Galicia poderiamos facer para amortiguar as profundas e dolorosas desigualdades que ilustran a inhumanidade do sistema vencedor ou resultante da guerra fría, senón, sobre todo, para actuar especialmente naqueles países e entre aquelas comunidades das que son oriundos os nosos inmigrantes.
Son as sinaladas todas manifestacións evidentes do novo tempo que vivimos, aínda non concluído, unha transición en curso e acelerada polas vertixinosas transformacións do mundo contemporáneo, con muros a caer e outros a erguerse, e no que cómpre aínda reivindicar a liberdade para pensar e para afirmar unha identidade virada para o mundo, mellor modo, senón o único eficaz, de evitar o noso propio esvaemento e dilución.
Vintecinco perspectivas para o século XXI, libro conmemorativo da editorial Sotelo Blanco, 25 anos coa cultura Galega