Moitos autores –como Maurice Lévy, Le Monde, 27.05.10– pensan que o capitalismo que vén, despois da crise actual, será ético ou non será nada. A crise é unha suma da incompetencia dos banqueiros, das compracentes axencias cualificadoras, dos reguladores culpables, dos “bonos”, dos Estados e as súas débedas e as súas mentiras…
Unha crise de valores que nos levou a unha verdadeira catástrofe (aínda no literal significado grego da palabra, de volta completa) e que significa un moi alto prezo a pagar: millóns de empregos destruídos, incremento da fraxilidade das empresas, millóns de familias na rúa…
O que nos levou á súa vez, di tamén Maurice Lévy, a unha crise de confianza que afecta á sociedade enteira e que ningún plan de salvamento poderá facer desaparecer. Cidadáns, consumidores, asalariados, accionistas… ¿en quén e en qué poden ter confianza?
Medio ambiente, desenvolvemento sostible, ética da responsabilidade cidadá e social, goberno das empresas, transparencia ¿van por aí os camiños para unha creación de valores máis asociativos que accionariais? ¿Ou na renuncia ao que foi o éxito do capitalismo –o éxito individual- polo ben colectivo?
Non digo que Maurice Lévy non leve razón. O que digo é que –quen teña dúbidas que repare na recente xuntanza do G-20 en Toronto- certos poderes económicos están podendo cos estados e van camiño de gañarlles a partida, como ben se ve no que está custando volver á indispensable regulamentación dos mercados. Penso que esa é a gran batalla na que se está decidindo o noso porvir.