O pasado día 6 o Dalai Lama cumplía 74 anos, e os tibetáns refuxiados en Nepal anunciaran un día de acción para conmemorar a data e, ao mesmo tempo, denunciar a política chinesa no Tibet, como levaban facendo durante 50 anos. Mais desta vez as cousas tiñan máis trascendencia porque desde algún tempo os grupos de refuxiados estaban moi activos en varias zonas do país e, principalmente, no pequeno reino semiautónomo de Mustang, ou Lo Mantang, un recanto de Nepal limítrofe co Tibet.
As autoridades nepalíes, sempre temerosas do xigante veciño e fideles ao principio da unidade de China (quer dicir, que recoñecen o Tibet como parte indivisible de China) prohibiron as manifestacións tibetanas na rúa nese día 6. Con todo, máis de mil tibetáns xuntáronse nun famoso templo budista nun arrabaldo de Kathmandú, estrictamente controlados por forzas policiais polo que non foron moitos os disturbios e poucas as persoas arrestadas. O Goberno nepalí temía unha repetición das manifestacións do ano pasado fronte da embaixada e do consulado de China, en particular porque a situación política de Nepal tén moita inestabilidade desde que os maoistas e o partido do Congreso Nepalí acadaran o derrocamento do Rei Gyanendra e a constitución dunha república hai dous anos.
Residen en Nepal uns 20.000 tibetáns exiliados, dos que un bon número foran chegando nos primeiros anos desde que en 1959 o Dalai Lama tivera que fuxir do Tibet, logo dunha fracasada rebelión contra a invasión dos han. Os tibetáns máis activos escolleran o Mustang como lugar estratéxico desde o que loitar contra os chineses porque é o ponto máis próximo ao Tibet. O pobo do Mustang – os “loba” – son étnica e culturalmente irmáns dos tibetáns, e foi alí onde se orixinou a forte revolta dos guerreiros Khampa na década de 1950, revolta que foi aplastada polo exército nepalí para evitar problemas con China. Pola sua parte, os chineses – que teñen os seus propios plans para competir con India no xogo de influencias en Nepal – tamén actuan no Mustang e xa en 2001, última vez que visitamos Lo Mantang, os chineses tiñan construido unha estrada pola que estaban introducindo no país productos que nunca chegaran a tan remoto lugar, entre eles, desgraciadamente, bebidas alcólicas.
A prensa de Nepal ven informando en meses recentes de que varios diplomáticos dos EE.UU. e outros países occidentais visitaron o Mustang, dato que fixo pensar que algo preparaban os tibetáns. Tamén houbo unha visita do embaixador chinés, que fixo doación de recursos para una escola local probablemente para evitar que os Loba prestaran axuda aos tibetáns. Por outra banda, según o xornal “Nepalnews” de 6 de xullo, varios dirixentes do exilio tibetán viaxaron desde Dharamsala – onde reside o Dalai Lama – ao Mustang, entre eles o Presidente do Congreso da Xuventude Tibetana, acompañados de tibetáns residentes en Kathmandú, capital de Nepal, e Pokhara, a outra cidade importante de Nepal.
E non só iso, senon que un grupo de seis diputados nepalíes viaxaron hai pouco tempo a Dharamsala para se entrevistaren co Dalai Lama sen ter informado da viaxe ás autoridades nepalíes, cousa que provocou malestar no goberno e unha forte reacción de China. O Primeiro Ministro nepalí, Madhav Kumar tería criticado a acción dos seis diputados, mais non se sabe – dín os comentaristas nepalíes – si son partidarios do movimento tibetán no exilio. Pola sua parte, o Ministro de Relacións Exteriores censurou a visita, que calificou de “políticamente incorrecta” e recomendou a todalas forzas políticas do países que non violaran a política de defesa da integridade territorial de China.
Malia que a gran maioría das forzas políticas de Nepal son contrarias ás actividades antichinas dos tibetáns refuxiados no país, o certo é que ístes están aproveitando a confusa situación política nepalí para utilizar Nepal como base.