Cabe imaxinar que no marco negociador definido polas forzas do bipartito para garantir a estabilidade dos gobernos locais que se constituirán proximamente, estea sobre a mesa a converxencia dos respectivos programas-marco. Do que se trata non é soamente de repartirse o poder senón tamén de definir normas de conduta e espazos de actuación en diferentes eidos nos que a confrontación é posible e a cooperación factible, xa falemos de políticas sociais, fiscais, urbanísticas, de transparencia, etc, procurando a coherencia elemental dunha acción de goberno que doutro xeito quedaría a expensas dos pareceres e querenzas (e carencias) dos seus centos de líderes ou representantes locais, ante o estupor dunha cidadanía que non sempre comprende ben os pactos, moi especialmente cando se expresan como simples apaños mal explicados.
Sería tan absurdo que os dirixentes nacionais das respectivas formacións entrasen no detalle do concello a concello como que estes ignorasen a necesidade de establecer pautas que identifiquen os mínimos do cambio que promoven. É certo que cada forza tentará promover o seu propio programa pero, por iso mesmo, cómpre fixar ese ratio elemental como espazo de encontro onde poida visibilizarse o entendemento. E tan irracional sería entrar no pormenor mencionado como ignorar outro tipo de escalas máis globais como, por exemplo, o futuro da FEGAMP e, permítome incluír indo un pouco máis alá, a presenza galega nas redes internacionais do municipalismo.
É certo que para moitos o importante segue a ser ese punto de luz ou o asfalto da rúa en perfecto estado de revista, reivindicando que a acción municipal non rebase os estritos limites do seu territorio. Pero mirar só o dun e o de dentro, no mundo de hoxe é como estar cego. E non hai mellor estrada que a conectada co resto do mundo, de onde sempre podemos tirar e achegar experiencias de proveito. Por iso, a lexislatura que agora se inicia debe incluír o exterior na súa axenda e debera ser esta unha das dimensións visibles do cambio que se pregoa. Co ritmo apropiado, ben é verdade, pero sen pausa, e asegurando que tamén os nosos cidadáns de aquí, non soamente os emigrantes, sexan cidadáns do mundo. Ese cambio de cultura esixe que as nosas forzas políticas, onde se supón debe habitar parte da nosa capacidade prospectiva, promovan actitudes e políticas, con peso e tradución específica no eido da xestión, que sitúen o municipalismo galego nas redes mundiais do local.