A diplomacia turca semella virar o seu interese cara Oriente Medio. A visita do primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan a Israel concretou un ofrecemento do seu goberno para garantir un escenario de negociacións entre o goberno de Ariel Sharon e o palestino Mahmud Abbas, pero o seu esforzo tamén vai encamiñado a atopar unha xanela para colocar a Turquía como peza importante no taboleiro rexional. Neste apartado, o goberno de Erdogan camiña da man dos intereses de EEUU e a Unión Europea.
O problema palestiniano vese aparcado momentáneamente ante os vertixinosos cambios en Oriente Medio, especialmente no espazo sirio-libanés, no labirinto iraquí e a cada vez maior potencialidade de Irán. Tamén está estancado ante os vericuetos políticos internos de Sharon e Abbas. O primeiro ministro israelí, reforzado trala súa recente visita ao presidente George W. Bush, vive unha delicada situación interna por parte dos influíntes colonos xudeus e os partidos relixiosos e ultradereitistas. A razón débese á súa decisión de evacuar militarmente a franxa de Gaza, retirada aínda incompleta e que deixa moitas interrogantes.
Aparentemente semella máis aliviado o presidente palestiniano Abbas, aínda que o seu reto pasa por manexar o complicado rompecabezas político que pode saír das eleccións lexislativas de xuño. Neste contexto, o partido islamista Hamas espera asentar o seu ascenso político mentres o seu rival Al Fatah espera tamén conservar a súa hexemonía. Destes comicios dependerá en gran medida a transición e a dirección da Palestina post-Arafat.
O goberno turco aproveita agora o escenario de cese da violencia palestiniano-israelí, vixente dende hai tres meses, para relanzar unha oferta xa proposta sen éxito no 2002 e para rebaixar as tensas relacións con Tel Aviv, ante as pasadas críticas do goberno islamista de Erdogan cara a política de "asasinatos selectivos" implementada por Sharon. Isto afectou á privilexiada relación militar turco-israelí instaurada en 1996, que estivo paralizada momentáneamente. É necesario recordar que Turquía e Israel manteñen históricas relacións diplomáticas, unha vez Turquía fora o primeiro país de relixión musulmana en recoñecer o Estado israelí en 1948. Isto provocou un impacto negativo no mundo árabe-musulmán e, especialmente, entre os palestinianos.
A oferta turca, cuxas opcións son incertas, forma parte do novo estilo da diplomacia de Erdogan para quen o elemento mais importante da súa política exterior, será o comezo de negociacións de admisión coa Unión Europea, previsto para finais deste ano. Tamén está a necesidade de facer de Turquía un exemplo de potencia emerxente, en consonancia cos esforzos de países como China, India, Brasil ou África do Sur, cada un deles no seu contexto. Velaí que ningún primeiro ministro turco realizou tantas viaxes internacionais como Erdogan, incluindo rexións antes pouco exploradas pola diplomacia turca como África subsahariana ou o sureste asiático.
Turquía observa tamén no problema palestiniano unha alternativa política ao seu propio problema curdo, especialmente na actual conxuntura iraquí, onde por vez primeira gobernará un presidente curdo, Jalal Talabani, outrora duro opositor a Saddam Hussein. O caso do Curdistán toma relevancia nestes momentos: no norte de Iraq, a autonomía curda está practicamente garantida ante a composición do novo e inestábel goberno iraquí.
Pero restan conflitos por resolver, en especial o status da cidade de Kirkuk, dada a importancia enerxética e estratéxica desta localidade. Aquí as presións de Washington e Bagdad van en aumento, así como a acción da insurxencia iraquí, tal e como se constatou no recente atentado nunha estación policial en Erbil, capital do Curdistán iraquí. O saldo foi de 60 mortos e 150 feridos, aproximadamente.
Un Curdistán independente ao norte de Iraq apunta directamente ás comunidades curdas en Turquía (onde se atopa a metade dos 30 millóns de curdos), Irán e Siria e, polo tanto, afecta aos intereses deses gobernos. O tema curdo é un dos principais puntos na axenda de negociacións entre Ankara e Bruxelas, especialmente polo asunto dos dereitos humanos e a autodeterminación nacional.
Erdogan sabe que o seu país, un estratéxico aliado político, militar e enerxético de Occidente, debe desempeñar un papel importante na nova xeopolítica de Oriente Medio e o espazo euroasiático. Pero isto conleva riscos, aínda implicándose nas areas movedizas de Palestina e o Curdistán, os dous principais pobos sen Estado da rexión.