Palestina: Tempo de definicións

¿Estamos a presenciar o final político de Yasser Arafat? ¿Camiña Palestina cara unha guerra civil, ou cara o ascenso dos grupos radicais, encabezados por Hamás? A crise dentro da Autoridade Palestina, expresada na recente rebelión de Gaza e a dimisión, aínda non aceptada por Arafat, do primeiro ministro Ahmed Qurei (Abu Alá), ben podería ser o derradeiro capítulo da frenética historia de supervivencia política de Arafat.

Pero a consecuencia desta crise pode ser o comezo dunha nova etapa na dirección política palestina, marcada agora pola incerteza e a inestabilidade dos cambios sociais e políticos. Neste panorama, o principal beneficiado político poder ser a agrupación Hamás que, xunto a Yihad Islámica, foi a mais efectiva nos ataques terroristas contra Israel e na resistencia contra as tropas israelís nos territorios ocupados, aínda que non se coñece con exactitude se están detrás dos recentes secuestros de cooperantes franceses e oficiais palestinos. O que busca Hamás é fomentar unha táctica eficaz para ocupar o vacío político en Gaza, o principal eixo do descontento contra Arafat. A súa invocación dun goberno de unidade nacional vai dirixida nesta perspectiva. Nembargantes, a crise palestina tamén está intoxicada por numerosos intereses partidistas, alimentando un tráxico escenario.

O illamento de Arafat

Aos 75 anos e recluido no seu bunker en Ramallah, Arafat ve cada vez mais lonxe a súa aspiración de converterse no primeiro rais en presidir un Estado palestino libre e independente. O "cóctel explosivo" de corrupción, personalismo e nepotismo imprimido por Arafat nos anos de vida da Autoridade Palestina deixaronno finalmente illado, con pouca capacidade para evitar o ascenso dunha nova xeración política, herdeira da "primeira Intifada" de 1987.
O "inimigo" de Arafat xa non só se atopa no primeiro ministro israelí Ariel Sharon, senón que a ameaza cara o seu liderado teñen orixe interna, na formación dunha sociedade civil aínda desartellada pero en proceso de ebullición. Noutro espectro está a proliferación de grupos radicais, onde Hamás e Yihad Islámica levan a batuta.

O illamento de Arafat maniféstase no seo do partido Al Fatah e na Autoridade, onde os principais líderes coma Saib Erekat ou Abú Ala, xa non queren seguir baixo a súa sombra. A pesar disto, Arafat conserva varios simpatizantes nos múltiples servizos de seguridade e incluso na poboación. Externamente, as súas posibilidades de atopar simpatizantes son mínimas. Sharon, co apoio directo de Washington e tácito da Unión Europea e Rusia, obtivo un sonado éxito aplacando calquera intento de negociación con Arafat, coa intención de provocar o descontento político popular e a substitución por outro líder mais afín aos seus intereses e os de Occidente.

Do mesmo xeito, Arafat perdeu creto ante a ONU e Washington, ademais de países veciños e antigos aliados coma Exipto e Siria. Na actual conxuntura, nin siquera puido sacar proveito da recente resolución da ONU ilegalizando o muro de contención israelí en Gaza e Cisxordania. A desfeita interna explotoulle en plena faciana.

A resposta á crise por parte de Arafat non se caracterizou precisamente por buscar os camiños da negociación ou, no derradeiro caso, a dimisión. Nomear, e despois destituir, ao seu primo Musa como xefe da seguridade palestina en Gaza, revela a súa intención de manter ata as últimas consecuencias un poder cada vez mais feble, refuxiándose nos seus achegados e aplicando unha solución militar ao problema.

Os intereses rexionais

A marxe de Hamás, desta crise tamén podería saír reforzada a posición de Mohammed Dahlan, antigo ministro de Seguridade da Autoridade Palestina, hoxe o principal referente á oposición a Arafat e cualificado coma o "home de Israel e os EEUU". Pero é precisamente ese apoio israelí e norteamericano a Dahlan o que podería mover o péndulo político cara un liderado mais forte e radical.

A crise palestina tamén provoca un escenario novedoso e un clima de cambio acelerado na política de Oriente Medio. Iraq segue a ser un problema insoluble para Washington. Siria e Turquía manteñense á expectativa e Israel nótase desgarrado entre as políticas de Sharon e as demandas de paz da sociedade civil. Exipto está a piques dun cambio político xeracional entre Mubarak e o seu fillo. Só faltaba unha definición en Palestina.

¿Pódese dicir que os palestinos camiñan cara o relevo político ou, inclusive, cara a guerra civil? Esta hora de definición pasa por saber cómo se realizará o xa presumible relevo de Arafat. A polarización socio-política entre os palestinos, notable en Gaza e Cisxordania, coloca o péndulo entre as diversas agrupacións que demandan maior democratización, os fieis a Arafat e os elementos radicais cada vez mais concentrados en torno a Hamás e Yihad Islámica. É a multiplicidade da visión laica contra a aparente homoxeneidade da posición extremista relixiosa. A posibilidade dun enfrentamento entre estas faccións non é descartable, con perigosas consecuencias rexionais e mundiais.