200512 orhan pamuk sae dun tribunal estambul

Pamuk e a historia

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Orhan Pamuk, clic para aumentar
A persecución xudicial e os ataques persoais dos grupos ultranacionalistas non afectaron a denuncia de Pamuk, así como doutros escritores e intelectuais turcos, como Taner Akçam, Hrant Dink ou Elif Shafak, acosados polas súas ideas e a súa intención de acabar cos tabús turcos. Velaí que o Nobel concedido teña máis repercusións políticas que completo recoñecemento intelectual. (Foto: Orhan Pamuk á saída dunha audiencia no tribunal en Istambul, polas súas polémicas declaracións sobre a responsabilidade turca no xenocidio armenio, en decembro de 2005).
 

Curiosidades da vida: o pasado 12 de outubro, data célebre para o mundo hispánico, a Asemblea Nacional francesa aproba un proxecto de lei que penaliza a negación do xenocidio armenio de 1915. Ese mesmo día, a Academia de Ciencias sueca outorga ao escritor Orhan Pamuk o Premio Nobel de Literatura, sendo así o primeiro turco en ser premiado con este galardón.

En Istambul, Ankara e outras cidades turcas, a poboación saíu á rúa, mais non para festexar o Nobel de Pamuk (un escritor non tan apreciado na súa terra) senón para protestar aireadamente pola decisión do Parlamento francés. É sabido que en Turquía non se recoñece oficialmente o xenocidio armenio, ata o punto que calquera voz discordante coa versión oficial corre risco de ser penalizado (artigo 301 do Código Penal) por "insultar a identidade turca".

Precisamente, Pamuk constitúe un caso emblemático de revisionismo histórico para Turquía e, probablemente, para Europa. Desafiando a represión oficial no seu país, no 2005 afirmou a súa convicción da responsabilidade histórica turca no xenocidio contra os armenios en 1915 e, posteriormente, contra a poboación kurda.

A persecución xudicial e os ataques persoais dos grupos ultranacionalistas non afectaron a denuncia de Pamuk, así como doutros escritores e editores turcos, como Taner Akçam, Hrant Dink e Elif Shafak, acosados polas súas ideas e a súa intención de acabar cos tabús turcos. Velaí que o Nobel concedido teña mais repercusións políticas que un completo recoñecemento intelectual.

No apartado das responsabilidades históricas, o efecto Pamuk pode ser máis beneficioso que as consecuencias da decisión da Asemblea francesa. En París, o órgano lexislativo votou por maioría unha demanda impulsada pola influínte diáspora armenia existente nese país. En Ankara, esta decisión foi interpretada desde a perspectiva do sentido oportunista e electoral, de cara aos comicios presidenciais de 2007. Nicolás Sarkozy, ministro francés de Interior e candidato presidencial, é un apaixonado simpatizante da causa armenia.

O precedente da Asemblea francesa pode atopar riscos. Sen desmerecer este recoñecemento oficial cara ao que é considerado o primeiro xenocidio da historia moderna, ¿ten prerrogativa un parlamento para xulgar a Historia? ¿Ten lexitimidade esta decisión tomada nun país que tamén posúes serias responsabilidades históricas noutras masacres? A Asemblea francesa votou contra a responsabilidade turca pero négase a votar pola culpabilidade colonial do seu país nas matanzas en Alxeria ou Madagascar, por poñer dous exemplos.

A decisión francesa aparece nunha delicada conxuntura nas relacións turco-europeas. O recoñecemento do xenocidio armenio camiña a converterse nun obstáculo firme para as aspiracións europeas de Turquía e precede a outras problemáticas como o asunto dos kurdos ou a situación de Chipre.

Paralelamente, en Ankara e Istambul medra o desencanto na sociedade turca diante dos constantes obstáculos de Bruxelas para discutir a admisión turca. Unha recente enquisa amosa que dous de cada tres turcos non confían na UE e cren que "os países europeos non son amigos de Turquía".

Non se debe esquecer que, nos derradeiros meses, a poderosa casta militar turca está recuperando os seus espazos públicos de poder cara un goberno islamita e, inicialmente, aperturista como o de Recep Tayyip Erdogan. Como en Francia, o próximo ano tamén é electoral en Turquía e tanto Erdogan como a casta militar xogarán as súas cartas.

Un apartado merece a activa diáspora armenia, cunha impresionante capacidade para defender os seus lexítimos intereses, demostrou que no mundo globalizado, os lobbies das diásporas poden significar un interesante activo político. Nun só día acadou notorios triunfos políticos e históricos tanto en París como en Estocolmo.

Pamuk é considerado un escritor que representa a ponte entre Oriente e Occidente. No mundo da Alianza de Civilizacións, do enfrontamento entre Occidente e o Islam e das palabras do Papa (que, curiosamente, visitará Turquía o próximo mes), o Nobel de Pamuk tamén amosa que a negación histórica pode ser unha pesada carga.