Paquistán anegada

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Paquistán inúndase por mor das choivas torrenciais, estimándose o número de vítimas entre 1.200 e 1.400 persoas, se ben o gran desafío dese país densamente poboado reside no impactante número de afectados: 20 millóns de persoas aproximadamente, especificamente nas provincias de Sidh e Punjab, onde miles de vilas e pobos están anegados.

Os afectados están ameazados polas epidemias,  a fame, a chegada do inverno, a falta de auga potable, a pobreza, e o medo. Para evitar ou paliar algunhas consecuencias do desastre e asistir ás vítimas, a ONU estimou que sería necesario un fondo de máis de 400 millóns de euros. Non obstante, ademais da inxección de fondos, vai ser primordial activar e coordinar eficazmente os plans de cooperación e desenvolvemento, tarefa que xa está sendo difícil segundo fontes de ONG asentadas no territorio, pola gran falta de información sobre as zonas afectadas.

Un desastre menor?

A pesar da magnitude do acontecido en Paquistán, Nacións Unidas reitera que este non é un desastre tan espectacular e atraínte para os donantes, como foi o caso do tsunami en Asia en 2004 e o do terremoto de Haití en xaneiro pasado. A razón de que  os fondos non cheguen, ou cheguen moi lentamente, e da falta de cobertura nos medios, atribúese a varias causas.

Por unha banda, relaciónase a falta de repercusión mediática en Occidente coa natureza do desastre: foron varios días de chuvia, coa incerteza do que estaba a pasar as primeiras semanas. Ademais estas chuvias non son algo novo, pasa tódolos anos aínda que con menor frecuencia e forza, e a cantidade de mortos non é moi alta pese a ser elevado o número de afectados.

Poderíase buscar a resposta nas declaracións do ministro paquistaní de Asuntos Exteriores, Shah Mehrmood Oureshi: “inicialmente quedámonos en estado de shock, e paralizados, pero agora xa estamos lonxe diso. Estamos coordinando as nosas accións”. Quizais iso mesmo poda aplicarse paralelamente á reacción dos medios, da comunidade internacional e dos donantes.

Sexa cal for o motivo, é importante resaltar que é necesario continuar aportando os fondos posibles, acción na que destaca o ata agora maior donante, Estados Unidos, cun total de axuda valorado en máis de 150 millóns de dólares.

Cómpre salientar as importantes consecuencias na economía do país. Ata hai pouco, a economía paquistaní crecía impulsada polo desenvolvemento do sector de servizos e da industria, soportada pola base da súa subsistencia, mentres o sector primario foi o mais prexudicado nas inundacións. A provincia de Punjab, considerada como “a cunca de arroz”, foi a máis afectada, quedando somerxidas a súas granxas e arrozais. 

Un goberno acosado

Cabe destacar tamén a repercusión política desta calamidade. Tras largos anos de inestabilidade política, con intermitentes ditaduras e atentados terroristas contra altos cargos como a ex primeira ministra Benazir Buttho, o seu esposo Asif Ali Zardari alcanzaba a presidencia en setembro de 2008, sinalado como un paso para propiciar unha maior apertura e estabilidade democrática.

Non obstante, Zardari non se librou de críticas e acusacións sobre presunta corrupción nos seus anos como esposo de Benazir Buttho, así como tampouco se salva agora no primeiro plano: a prensa internacional fixose eco do que algúns críticos chamaron un desastre de relacións públicas, a xira europea de Zardari ó tempo que se anegaba gran parte do seu país; caso contrario do seu primeiro ministro Yousaf Raza Gillani, quen permaneceu en Paquistán. De calquera maneira, o desastre natural sempre vale para escusar as críticas ó goberno.

Por outra banda, as inundacións non van axudar a que se realice un dos obxectivos mais importantes de Zardari na súa chegada ó goberno, que é o de solucionar a falta de control das zonas limítrofes con Afganistán, administradas en áreas tribais, no que se denomina FATA (Federally Administered Tribal Area). Algunhas destas áreas están consideradas como zona de conflito e de influxo da rede Al Qaeda, e de grupos radicais afiliados aos talibán.

Ademais, nestas zonas fronteirizas tamén se atopan numerosos campamentos de refuxiados que escapan da eterna guerra en Afganistán. Estes asentamentos son, en moitos casos, núcleos de pobreza con insuficiencias de todo tipo, así como caldo de cultivo para grupos integristas islamitas. Por estes motivos, Paquistán apoia a estratexia antiterrorista de EEUU e do goberno afgano de Hamid Karzai. Agora, coa crise humanitaria, barállanse varias opcións sobre a situación na zona limítrofe, e unha delas é o probable aumento do descontrol da pobreza e do conflito. 

Ao posible colapso do sector primario na economía e aos retos que afronta a política de seguridade paquistaní no seu control da fronteira con Afganistán e na erradicación das células de Al Qaeda no seu territorio, súmanse as necesidades das persoas afectadas. Só cabe esperar unha maior resposta internacional, que se coordine de maneira eficaz coas accións do goberno paquistaní, así como cos cooperantes do territorio.