Fonte: Wikimedia List of cities in China

Paradiplomacia chinesa (III) A paradiplomacia de China na práctica, usos e casos

Serie de artigos sobre a paradiplomacia en China, explorando como as provincias e cidades chinesas desenvolven relacións internacionais, ampliando as dinámicas tradicionais da diplomacia, ampliando unha influencia exterior diversificada.

En artigos anteriores desta serie, analizamos como, no caso chinés, as administracións locais teñen unha ampla autonomía no uso sistemático da paradiplomacia, especialmente como ferramenta para potenciar o desenvolvemento económico e establecer vínculos comerciais internacionais. Porén, esta actividade paradiplomática atópase estritamente limitada no ámbito político, permitindo unicamente a realización de políticas aliñadas cos obxectivos do goberno central, mantendo a sintonía coas directrices políticas do Ministerio de Relacións Exteriores. Deste xeito, aínda que as provincias e cidades chinesas participan activamente no escenario global, a súa marxe de actuación independente está limitada case exclusivamente ao marco económico. ¹

Tipos de usos da paradiplomacia

Porén, o económico non é o único ámbito no que a paradiplomacia é empregada en China. Debido ao que tamén vimos a fondo nos dous artigos anteriores da serie, o centralismo político que caracteriza o país. Isto leva a que múltiples das decisións tomadas en materia paradiplomática sexan decididas polo goberno central, que determina que sería mellor perseguir estes intereses diplomáticos mediante a paradiplomacia no canto da diplomacia central. Esta é a principal maneira na que a paradiplomacia chinesa pode chegar a empregarse con intereses máis aló dos económicos de carácter xeopolítico. ²

Este tipo de accións son directamente autorizadas por parte do Ministerio de Relacións Exteriores Chinés.³ A continuación citaranse uns exemplos máis concretos, pero os motivos principais polos que o Ministerio de Relacións Exteriores decide usar a paradiplomacia no canto da diplomacia central nestes casos son: a intención de mellorar as relacións cunha rexión concreta doutro país, a intención de establecer relacións multilaterais con países que teñan maior escepticismo para interactuar co goberno central chinés (como é o caso de rivais xeopolíticos de China), ou aproveitar relacións xa establecidas entre as administracións locais e segundos países para desenvolver relacións co goberno central, como é o caso da provincia de Yunnan que ten unha estrutura paradiplomática moi desenvolvida ⁴, ou de Hong Kong pola súa maior autonomía en comparación co resto de administracións locais e as súas amplas conexións internacionais ⁵.

Casos prácticos de uso da paradiplomacia xeopolítica

Un dos exemplos máis relevantes recentemente do goberno central chinés usando a paradiplomacia para mellorar relacións con rexións concretas doutro país sería o caso indio. No contexto das relacións entre os dous xigantes asiáticos, existen actualmente tres pares de estados irmáns e once pares de cidades irmás entre ambos os países. Aínda que estas asociacións se presentan como iniciativas para promover intercambios culturais e contactos entre persoas, na práctica reflectiron áreas de interese para investimentos chineses en estados fronteirizos da India e viceversa, servindo un propósito tanto económico como político. Un exemplo recente é a doazón de 50.000 máscaras durante a pandemia do COVID-19 a Gujarat desde a súa provincia irmá chinesa, Guangdong, coa participación non só do goberno de Guangdong senón tamén do goberno central. ⁶

Con respecto á segunda categoría de uso xeopolítico da paradiplomacia por parte do goberno central, o uso de relacións paradiplomáticas como substituto das relacións internacionais tradicionais en casos onde haxa friccións que dificulten a execución destas últimas, o exemplo máis obvio sería as relacións paradiplomáticas que China ten co seu principal rival xeopolítico, Estados Unidos. Mediante estas relacións subnacionais, principalmente realizadas mediante conexións entre cidades irmás no caso americano, China trata de promover a cooperación en áreas como a prevención e resolución de conflitos, a protección dos dereitos humanos, o desenvolvemento de capacidades e a acción climática. Aínda que as cidades chinesas teñen certa autonomía na cooperación internacional, do mesmo xeito que as provincias, a súa diplomacia urbana aliñase estreitamente cos intereses do goberno central, facilitando relacións políticas e comunicación cos Estados Unidos, nun escenario onde as relacións internacionais a nivel central entre ambos os países son moito máis tensas. ⁷

Outros exemplos de usos da paradiplomacia con motivos xeopolíticos son as iniciativas máis recentes sobre o uso de cidades irmás para profundar as relacións diplomáticas de China con países latinoamericanos (particularmente no Cono Sur) ⁸, ou o Programa de Cooperación Rexional Volga-Yangtsé, que tratou de establecer relacións entre as administracións rexionais do interior de China coas do interior de Rusia ⁹. En ambos os casos, iniciativas de Pequín, que o Ministerio de Relacións Exteriores considerou que podería usar a paradiplomacia no canto de relacións internacionais máis tradicionais cos países interesados.


Bibliografía:

  1. González Parias, Carlos & Mesa Bedoya, Juan. (2016). Multilateralismo Chino, ¿giro hacia el revisionismo?: el caso del BRICS y el G20. Multilateralismo Chino, ¿giro hacia el revisionismo?: el caso del BRICS y el G20
  2. Pietrasiak, M., Bywalec, G., Kamiński, T., Mierzejewski, D., & Słowikowski, M. (2018). Paradiplomacy in Asia: Case studies of China, India and Russia. Wydawnictwo Uniwersytetu Łódzkiego. Paradiplomacy in Asia. Case studies of China, India and Russia
  3. Añorve-Añorve, D. (2020). Paradiplomacia, poder suave y la cooperación internacional municipal: el caso de Guanajuato. Convergencia, 27. Vista de Paradiplomacia, poder suave y la cooperación internacional municipal: el caso de Guanajuato | Convergencia Revista de Ciencias Sociales
  4. Hess, S. (2020). Plunder and Paradiplomacy: The Corruption of China’s Decentralised State in Yunnan Province. China: An International Journal 18(2), 77-98. Plunder and Paradiplomacy: The Corruption of China’s Decentralised State in Yunnan Province
  5. China Observers. (2023). Hidden Chinese Systemic Rivalry: Hong Kong Economic and Trade Office in the EU. Hidden Chinese Systemic Rivalry: Hong Kong Economic and Trade Offices in the EU – chinaobservers
  6. Hazarika, A. (2020). Chinese paradiplomacy in India. NIICE. Chinese Paradiplomacy in India – NIICE NEPAL
  7. Leffel, B., & Amiri, S. (2018). Sino-U.S. sister city relations: Subnational networks and paradiplomacy. Public Diplomacy of Rising and Regional Powers, 3(3), 111-123. Sino-U.S. Sister City Relations: Subnational Networks and Paradiplomacy – Rising Powers in Global Governance
  8. Rubiolo, M. F., & Fiore Viani, J. G. (Eds.). (2023). Over the Atlantic: Diplomacy and paradiplomacy in EU and Latin America. Peter Lang. Paradiplomacy and cooperation in the Pandemic era: A review from China in Latin America
  9. Seregina, A. A., Zuenko, I. Y., & Fominykh, A. (2023.). From sister cities to “macroregions paradiplomacy”. Asia and Africa Today. From Sister Cities to “Macroregions Paradiplomacy”: A Search of Russo-Chinese Cooperation New Forms (on 10 Years of Volga–Yangtze Regional Program)